O PP recúa na expulsión de BNG, PSdeG e Goberno de España do Consello Galego de Estatística

O IGE depende agora directamente do presidente da Xunta -na imaxe, conversando co conselleiro da Presidencia o pasado día 5 no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Apenas un mes despois de que a Xunta iniciase o trámite para eliminar a representación dos grupos parlamentarios e do Estado no principal órgano asesor do IGE, o PP usa as súas emendas á 'lei de acompañamento' dos Orzamentos para rectificar

A coñecida como lei de acompañamento dos Orzamentos -en rigor, lei de medidas fiscais e administrativas- é a fórmula que os sucesivos gobernos galegos do PP veñen utilizando para modificar dun só golpe múltiplas normas sen conexión ningunha entre si aproveitando a tramitación das contas públicas de cada ano. Cara a 2026, o Executivo de Alfonso Rueda emprega esta vía para introducir reformas en eidos coma sector eólico ou vivenda pasando polas Medallas de Galicia ou o control da Lei de Transparencia por parte da Valedora do Pobo.

Nesa lei, actualmente en trámite no Parlamento, a Xunta dispuxo tamén expulsar a representación dos grupos parlamentarios e mais ao Goberno de España do Consello Galego de Estatística, o máximo órgano asesor do Instituto Galego de Estatística (IGE). Apenas un mes despois de comezar a tramitar a norma, esa expulsión disponse a ficar neutralizada. O PP recúa.

Destaques da Lei de Estatística de 2024 coa presenza da oposición e o Goberno de España no Consello e composición do órgano na reforma tramitada pola Xunta e agora modificada polo PP CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nunha das emendas presentadas polo Grupo Parlamentario Popular á lei de acompañamento do seu propio Goberno, rexistradas nun caótico proceso que levou o grupo que dirixe Alberto Pazos a esquecer formalizar a súa intención de facer aínda máis flexible a moratoria do eucalipto, os conservadores executan a rectificación. Si retocan, non obstante, a redacción orixinal da Lei de Estatística de Galicia, aprobada hai apenas un ano por unanimidade.

A emenda do PP á Xunta si mantén a elevación de tres a oito vogalías elixidas directamente polo Goberno entre persoas de "relevancia profesional no campo da estatística"

Na composición do Consello Galego de Estatística, volven figurar unha persoa "designada por cada grupo parlamentario con presenza no Parlamento de Galicia", polo que seguirán tendo asento BNG, PSdeG e o propio PP. Igualmente, recúan na eliminación dos dous membros da representación estatal, unha polo INE e outra pola Delegación do Goberno de España en Galicia. 

A emenda tramitada polo PP implica, asemade, non expulsar tampouco do Consello á Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), como preveu inicialmente o Goberno. Si mantén sen cambios a elevación de tres a oito as vogalías para persoas "de relevancia profesional no campo da estatística", elixidas directamente pola propia Xunta, e a redución do número de representantes de diversas organizacións sectoriais.

Emenda do PP á Xunta que implica recuar na expulsión dos grupos parlamentarios no Consello que asesora o IGE CC-BY-NC-SA Praza.gal

A redacción orixinal da modificación da lei, coa expulsión dos grupos parlamentarios e do Estado, recibiu múltiplas críticas nas últimas semanas na propia Cámara. O BNG sinalárao como un novo paso "para eliminar a representación do pluralismo político do Parlamento no Consello Galego de Estatística e para avanzar no control político da información que xera o IGE" dende que a institución pasou a depender directamente da Presidencia da Xunta e non da Consellería de Facenda, como ata agora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.