O Goberno galego aproveita o trámite dos Orzamentos de 2026 para inserir a undécima reforma do Regulamento da Asesoría Xurídica, aprobado en tempos de Fraga, e cancela a persoa licenciada en Dereito proposta polos sindicatos que era parte do órgano que organiza e avalía os procesos selectivos neste corpo
A Asesoría Xurídica da Xunta é o órgano que asesora a Administración e o Goberno galego en materia legal e os representa en todo tipo de preitos ante os tribunais. Está composta por persoal funcionario da escala de letrados e letradas, depende organicamente da Presidencia da Xunta e o seu funcionamento réxese por un regulamento orgánico aprobado polo Goberno de Manuel Fraga en 2003, ano dende o que foi reformado parcialmente dez veces, catro delas polo Executivo de PSdeG e BNG e as restantes, polos gabinetes do PP de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.
A undécima reforma deste regulamento está actualmente en marcha canda ao proxecto de Orzamentos Xerais de 2026. A Xunta inseriuna na lei de acompañamento das contas públicas, a figura legal mediante a cal reforma dun golpe múltiplas normas previas sen relación ningunha entre si e que desta volta atinxe a materias tan dispares como sector eólico ou vivenda pasando polas Medallas de Galicia ou a expulsión dos grupos políticos do Paralmento no Consello Galego de Estatística. E implica que os sindicatos deixen de ter representación nos tribunais das oposicións nas que se elixen estes letrados e letradas da asesoría xeral.
Dende a súa redacción orixinal en 2003 o artigo do Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta que regula "a composición do tribunal das oposicións de letrados" incluíu entre os seus membros unha persoa licenciada en dereito "designada por proposta das organizacións sindicais". Mantiña así sen alteración o precepto da norma que regulara esta materia durante a década previa, aprobada tamén polo Goberno de Fraga en 1992.
A reforma, que a Xunta xustifica indicando que busca "adaptar o contido á normativa de aplicación", substitúe a representación sindical nestes tribunais por un membro da escala de finanzas designado pola Consellería de Facenda
A organización destes tribunais fora obxecto ata agora de dúas reformas, as dúas aplicadas durante o Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas. En 2006 ampliaron o posto reservado ás universidades galegas: onde só podía sentar un catedrático ou catedrática de Dereito pasou a poder facelo ou catedrático ou profesor titular, en ambos casos por designación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). E en 2007 a presidencia do tribunal pasou de corresponder ao director xeral da asesoría xurídica, que podía delegar en quen ostentase a subdirección, a calquera funcionaria ou funcionario da escala de letrados elixido dende a dirección xeral.
Coa modificación que agora introduce a Xunta para estar en vigor dende o 1 de xaneiro de 2026, a persoa licenciada en dereito "designada por proposta das organizacións sindicais" desaparece e no seu lugar entra "unha persoa funcionaria pertencente ao corpo superior da Xunta de Galicia, escala superior de finanzas" proposta pola Consellería de Facenda. Adicionalmente, o catedrático ou profesor titular de Dereito pasa de ser elixido pola EGAP a ser elección da Secretaría Xeral da propia Asesoría Xurídica, exercida actualmente por Manuel Pillado Quintáns.
Ao contrario que outras medidas incluídas na lei de acompañamento, o Goberno galego non ofrece unha xustificación ampla desta reforma. Limítase a indicar que reforma o regulamento da Asesoría Xurídica "coa finalidade de adaptar o seu contido ao disposto na normativa de aplicación así como ao emprego da linguaxe inclusiva".