O Goberno galego aproveita o trámite dos Orzamentos de 2026 para reformar por décima vez a lei de vivenda, que ata agora contemplaba a "excepción nos requisitos de acceso" en pisos de protección autonómica se quedaban baleiros por "falta de persoas adxudicatarias"
Cada ano dende 2010 os Orzamentos Xerais da Xunta chegan ao Parlamento cun anexo, a Lei de medidas fiscais e administrativas. A coñecida como Lei de acompañamento deixou de ser empregada nas contas do Goberno de PSdeG e BNG (do gabinete de Touriño e Quintana dependeron os orzamentos de 2006 a 2009) e regresou co PP de Feijóo e Rueda, o que implica que paralelamente ao trámite orzamentario o Parlamento aprobe un texto que reforma múltiples leis e normativas previas dun só golpe.
A lei de acompañamento para 2026 volve tocar múltiplas materias, dende o sector eólico ao funcionariado pasando polas Medallas de Galicia. Tamén inclúe un amplo capítulo dedicado á vivenda que, entre outras modificacións, vai permitir ás promotoras de vivendas protexidas, as legalmente consideradas vivendas de protección autonómica (VPA) -diferentes das de promoción pública, que promove directamente a Administración-, adxudicar estes pisos sen sorteo entre a poboación inscrita no Rexistro Único de Demandantes, vía ata agora contemplada como excepción, cando estean destinados a alugueiro.

Ata agora, a lei de vivenda de Galicia -un texto de 2012 que xa acumula nove reformas- estipulaba como "situación excepcional" que se, "transcorridos tres anos desde a cualificación definitiva como vivendas de protección autonómica" e unha vez cumprido "o procedemento de adxudicación de vivendas protexidas", "non fose posible a súa adxudicación por falta de persoas adxudicatarias", o promotor puidese "solicitar" a "excepción no cumprimento dos requisitos de acceso" para "a totalidade ou parte da promoción". A cambio, a promotora tiña que devolver as axudas "correspondentes a esas vivendas" e ademais tiña que manter certos límites, coa o prezo ou que a vivenda fose destinada a domicilio habitual.
A norma manterá o sorteo como vía "ordinaria" de adxudicación, pero "exceptúa da obriga" as vivendas protexidas "destinadas a arrendamento", que poderán ser adxudicadas directamente a persoas inscritas no Rexistro de Demandantes se non son parentes dos promotores en primeiro ou segundo grao
De agora en diante ese artigo queda dividido en dúas partes. A primeira indicará que "as vivendas de protección autonómica adxudicaranse, con carácter ordinario, mediante sorteo, entre as unidades de convivencia inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda". E a segunda "exceptúa da obriga de realizar o sorteo" ás "vivendas de protección autonómica destinadas a arrendamento", que poderán ser adxudicadas directamente a persoas inscritas no Rexistro se "non teñen relación de parentesco en primeiro ou segundo grao" coa persoa promotora ou "coas persoas socias ou administradoras no caso de que se trate dunha persoa xurídica".
Tamén poderán adxudicarse sen sorteo as "vivendas adxudicadas en cumprimento de acordos de permuta por edificabilidade, di a reforma que a Xunta tramita no Parlamento. A reforma remite a un posterior desenvolvemento regulamentario a aprobación do "procedemento ordinario para a adxudicación de vivendas de protección autonómica".
Esta mudanza legal chega nun contexto no que o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida está a bater récords de inscrición pola fin da década e media na que a vivenda protexida en xeral e a promovida pola Xunta en particular estiveron paralizadas practicamente por completo. Cuns 3.000 novos pisos públicos no horizonte, as case 23.000 inscricións coas que o rexistro comezou este outono supoñen un 25% que un ano antes, un incremento que chega ao 30% en contornas urbanas.