A líder do BNG critica que a Xunta propoña vivir "en baixos abandonados que ninguén quere" cando "hai 90.000 pisos baleiros"
Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro coincidiron este mércores en poñer o foco no problema da vivenda na sesión de control ao Goberno galego no Parlamento. Os dous pediron ao presidente Rueda actuacións inmediatas que permitan controlar os prezos dos alugueiros máis alá da construción de novas vivendas de promoción pública que aínda tardarán anos en estar rematadas.
Unhas peticións ás que Rueda respondeu defendendo as súas políticas na materia asegurando que "a vivenda é un proxecto estrela deste goberno". Un asunto no que asegurou que seguen afondando os seus Orzamentos para 2026, que cualificou como "illa de sentidiño" ante a falta de orzamentos estatais.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou como "ocorrencia" da Xunta "que galegos e galegas vivan en baixos que ninguén quere" cando "en Galicia hai 90.000 pisos baleiros". "Propón que vivan en baixos comerciais que levan anos abandonados porque ninguén os quere, viviría vostede nun deses baixos?", preguntou Pontón a Rueda, que respondeu que ese posibilidade de vivenda "é unha opción máis".
A nacionalista reclamou á Xunta que "poña en marcha un plan de compra masiva de vivenda para poñela en alugueiro" para axudar a controlar a escalada de prezos. Un problema, o do control dos alugueiros, que tamén reprochou Besteiro. Os dous portavoces da oposición coincidiron en que hai que actuar xa para controlar ese problema sen agardar a que no futuro se aumente o parque de vivenda pública.
O secretario xeral do PSdeG salienta que as rebaixas fiscais da Xunta chegan "só ao 4% da poboación, o que atesoura patrimonio" e insiste en aceptar a condonación da débeda que ofrece o Estado
Besteiro tamén lamentou que para axudar na crise de vivenda a Xunta non queira aceptar a condonación de débeda que ofrece o Goberno de España. E fronte a ese aumento de ingresos estatais, tamén criticou que o Goberno galego opte por rebaixas fiscais de 796 millóns de euros "que benefician a 115.000 galegos e galega, o 4% da poboación, que máis que beneficios fiscais parecen privilexios para as elites do noso país, sobre todo as que atesouran patrimonio". A esa afirmación retrucou Rueda asegurando que "o 98,5% das rebaixas fiscais benefician a rendas medias e baixas".
Rueda tamén tentou volver introducir no debate deste mércores o tempo que leva Ana Pontón sendo deputada. A resposta que atopou de Pontón foi que el era presidente de Novas Xeracións no PPdeG cando o seu secretario de Organización era Pablo Crespo, corrupto confeso que estes días volve ser xulgado por outra derivada do caso Gürtel.