Durante a presidencia de Feijóo comezou a construción de 5.199 vivendas protexidas, máis da metade no primeiro ano, cando o PP tivo que xestionar a 'herdanza' do gabinete de PSdeG e BNG
No debate televisivo que enfrontou este xoves a Pedro Sánchez e Ada Colau con Alberto Núñez Feijóo e Santiago Abascal estivo máis presente que noutras ocasións o período no que agora candidato do PP ás eleccións xerais do 29 de novembro foi presidente da Xunta. Trece anos (non dez, como Sánchez aludiu por erro e Feijóo se apresurou en corrixir) que o aspirante conservador presentou como sinónimo de "xestión" e o candidato polo PSOE á reelección e mais a cabeza de cartel da Fronte Ampla, como mostra de carencias que o popular trasladaría ao Goberno de España se o pilotase canda Vox.
Un deses tirapuxas centrouse nun dos eixos xerais desta campaña, o do dereito á vivenda. Sucedeu cando Colau cuestionou a Feijóo sobre como "como faría" para cumprir a súa promesa de "un millón de vivendas" en catro anos se chegase a gobernar. "Non nos pode dar unha pista? Xa que é bo xestor..." ironizou a ex-alcaldesa de Barcelona ante a ausencia de concreción para, a continuación, dubidar ao respecto toda vez que na Xunta o ex-líder do PPdeG fixo "o contrario".
"Nos seus últimos catro anos de mandato en Galicia fixo só 16 vivendas protexidas", mentres Feijóo escenificaba estupor e se mofaba do dato. "Pasáronlle os apuntamentos do señor Sánchez?", retrucou o popular. "Esa é a verdade", enfatizou o presidente do Goberno de España a afirmación de Colau. Pero, de onde saen eses datos? Nalgures máis que nos "apuntamentos" da esquerda?
Colau reprocha a Feijóo que "fixo só 16 vivendas protexidas" nos seus "últimos" catro anos de mandato aínda que o rexistro corresponde a outros catro, de 2015 e 2018, dentro dun balance xeral que supuxo a maior parálise da vivenda pública no país da historia da autonomía
Os datos oficiais acreditan que os anos de Goberno do PP en Galicia con Feijóo á fronte foron os da maior paralización da vivenda protexida en xeral e da de promoción pública en particular da historia da autonomía. De 2010 a 2021, os anos completos da a súa presidencia -chegou ao cargo o 17 de abril de 2009 e dimitiu o 12 de maio de 2022-, no noso país comezou a construción de 5.199 vivendas protexidas. Máis da metade, case 3.000, principiaron en 2010, cando o executivo popular aínda xestionaba a a herdanza dos plans do Executivo anterior, de PSdeG e BNG, con Teresa Táboas (BNG) á fronte da Consellería de Vivenda, quen á súa vez tivera que facer o propio con proxectos de tempos de Fraga.
A partir de 2015, cando a economía xeral -por factores coma o programa de compra de débeda pública do Banco Central Europea- comezou a deixar atrás a gran recesión, a parálise da vivenda protexida en Galicia. Naquel ano comezaron a construírse 5 pisos con algún réxime de protección en Galicia; en 2016 foron 4, en 2017 quedaron en 5 e o 2018 rematou con 2. En total, os 16 referidos por Colau, que en rigor non se rexistraron nos "últimos catro anos" de Feijóo na Xunta, senón no devandito cuatrienio 2015-18, entre dúas lexislaturas.
Dado que o Ministerio de Vivenda ofrece maior detalle das súas estatísticas dende 2014 é posible saber, tamén, que desas 16 vivendas unicamente 3 foran de promoción pública, isto é, co Goberno galego como promotor. Dende ese 2014 e ata o derradeiro ano completo con Feijóo en San Caetano as vivendas de promoción pública iniciadas foron 153 e o total de protexidas, 747.
Dos 16 pisos protexidos aludidos por Colau só 3 foran de promoción pública. De 2014 a 2021, derradeiro ano completo con Feijóo na Xunta, as vivendas públicas iniciadas foron 153 e o total de protexidas, 747.
Como amosan os gráficos que acompañan esta información, tras a marcha de Feijóo o ritmo da vivenda protexida en Galicia experimentou unha certa remonta. Débese a varios factores; dende mudanzas no criterio político do Executivo de Alfonso Rueda ata o panorama xeral do Estado e chegada de fondos europeos de recuperación tras a COVID. O cambio de tendencia é notablemente pronunciado a respecto das lexislaturas co actual líder do PP na presidencia, pero moito menos se a comparación se realiza cos anos do fraguismo ou do goberno de coalición.
Cambio de tendencia tras a súa dimisión
Así, sempre segundo a mesma fonte oficial, dende 2022 e ata xuño deste 2026 -dato máis recente dispoñible- comezou en Galicia a construción de 1.245 vivendas protexidas, 404 delas de promoción pública. Dende 2024, ano no que principiou a presente lexislatura galega, o balance a 30 de xuño deste ano situábase en 853 pisos protexidos nos que a Xunta é a promotora en 385 deles. Esta certa recuperación da vivenda protexida, como é sabido, contribuíu a disparar a demanda nun panorama de escaseza e prezos disparados no mercado privado. A data da edición desta información as inscricións no rexistro de demandantes da Consellería de Vivenda sitúase na cifra récord de 37.912
Segundo Feijóo, en calquera caso, esta situación é allea aos seus anos na presidencia da Xunta. "Por favor; cando eu cheguei [ao cargo] a vivenda era o problema número 16 en Galicia e cando marchei, o número 34", esgrimiu ante Sánchez e Colau.