A aprobación da primeira lei estatal de vivenda, que este xoves recibiu o apoio da maioría absoluta do Congreso e continúa trámite cara ao Senado, e os diversos anuncios na materia lanzados por Pedro Sánchez nas últimas semanas situaron este dereito no centro da axenda política. Tamén polo feito de que o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, confronte estas medidas como actual líder do PP clamando por máis construción de vivendas ou axitando o medo ás ocupacións ilegais, na liña do feito mentres estivo á fronte da Xunta
O Plan Sectorial de Solo Residencial foi aprobado polo Goberno PSdeG-BNG en 2008, xusto antes do estourido da crise. O Goberno de Feijóo prometeu "reformulalo na súa integridade" e nunca chegou a aplicalo
Estas posicións de Feijóo e, por extensión, do PP en xeral provocan tamén que, en diversos foros -esta mesma semana, no pleno do Senado- volvan a ollada á súa propia xestión en materia de vivenda mentres estivo á fronte da presidencia en Galicia. Como informou Praza.gal, é balance marcado pola escaseza -unha media de 300 vivendas protexidas ao ano fronte as arredor de tres mil en décadas anteriores e máis de media década sen ningunha vivenda protexida nova de alugueiro-. Pero tamén por desbotar ambiciosos plans ao respecto que o PP atopou feitos ao retorna á Xunta. Por exemplo, o que prevía construír unhas 37.000 vivendas protexidas nunha década, isto é, manter e mesmo incrementar o ritmo das dúas décadas previas. O gabinete de Feijóo anunciou que o ía "reformar na súa integridade" para, acto seguido, cancelalo a efectos prácticos.
En setembro de 2007, o Consello do Goberno de PSdeG e BNG deu luz verde á Consellería de Vivenda que dirixía Teresa Táboas (BNG) para elaborar o Plan Sectorial de Solo Residencial para "planificar nun horizonte de 10 anos o solo destinado a vivenda protexida en función da demanda". O documento viu a luz en xuño de 2008, dous meses antes da caída do xigante financeiro estadounidense Lehman Brothers que, no caso do Estado español, é considerado como o inicio do picazo da burbulla inmobiliaria, un "boom do ladrillo" que a daquela conselleira Táboas dixo querer atallar tamén con esta intervención pública, que implicaría especialmente "un esforzo importante en materia de alugueiro".
O plan, impulsado baixo o mandato de Teresa Táboas como conselleira de Vivenda, prevía 36.526 vivendas protexidas, case un milleiro máis de promoción da propia Xunta e 8.000 libres "con prezo máximo limitado"
O amplo documento, o groso do cal aínda pode ser consultado no sitio web do Instituto Galego da Vivenda e Solo -reformulado na etapa do Goberno de coalición e, en boa parte, intacto dende aquela- declaraba a intención de ser o "punto de partida no exercicio das políticas activas da Consellería de Vivenda e Solo da Xunta" para "planificar o solo destinado maioritariamente a vivenda de protección pública" ata o ano 2017 e tamén suplir carencias dos ordenamentos urbanísticos municipais. Tratábase, declaraba de "orientarse, prioritariamente, a garantir" en Galicia "e facer efectivo o dereito constitucional dos cidadáns a unha vivenda digna".
Sobre esta base política e tras os correspondentes estudos, o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial planificaba o que, estimaba, ía ser arredor do 20% das necesidades de vivenda no país na década seguinte. Para cubrilo, indicaban, cumprían 36.526 vivendas protexidas, case un milleiro máis de promoción da propia Xunta, e case 8.000 vivendas libres "con prezo máximo limitado". Este plan, advertía, non supuña cubrir todas as necesidades, senón poñer o foco nas contornas onde a vivenda protexida era máis precisa.
Para facelo, dividiu o país en "áreas funcionais", "entendidas como o ámbito territorial no que se produce a mobilidade residencial, é dicir, onde o cambio de traballo non implica necesariamente un cambio de residencia e viceversa". Trazou sete nas "zonas más dinámicas e poboadas", as contornas das sete principais cidades, un segundo grupo en "cabeceiras de comarca de crecemento moderado" e un terceiro no resto do territorio. En total, dezasete áreas nas que despregar este plan de vivenda.
O plan recibiu fortes críticas do PP e tamén de varios concellos. Os populares comprometéranse a modificalo e "consensualo" mentres impulsaban vivenda por outras vías, se ben os pisos protexidos ficaron reducidos á mínima expresión na década seguinte
Dende o seu lanzamento, o Plan Sectorial recibiu fortes críticas por parte do PP, daquela da oposición, e tamén dende diversos concellos incluídos por, entre outros aspectos, a xestión das bolsas de solo para destinar a vivendas protexidas. Os populares, que atribuían o plan a un enfrontamento entre consellerías do Goberno de coalición, prometeran reformulalo para procurar o "consenso" cos gobernos locais e tamén adaptalo ao contexto da crise financeira. Así, por exemplo, en maio de 2009 -apenas un mes despois da primeira investidura de Feijóo-, o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciaba nun acto coa Asociación de Promotores Inmobiliarios que o ía "reformar na súa integridade" porque "pode dicirse que xa estaba paralizado e case finiquitado".
A cancelación do plan da Consellería que dirixira Táboas ía acompañado, por parte do daquela novo Goberno do PP, da promesa de impulsar vivenda pública por outras vías. Pero o certo é que nos anos seguintes esta política quedou reducida á mínima expresión. Unha vez concluídas as promocións que xa estaban en marcha -Feijóo chegou a inaugurar en 2013 un bloque de vivendas protexidas en Lugo que aprobadas precisamente baixo o mandato de Táboas en Vivenda- chegaron a rexistrarse ata catro anos seguidos con menos de dez novas vivendas iniciadas. No referido á vivenda pública en alugueiro, ata en seis anos non se rexistrou ningunha nova.
Unha comparación entre o acontecido na realidade baixo os mandatos do PP en Galicia e no contexto da crise coas previsións trazadas naquel plan nunca aplicado amosan tamén conclusións significativas. Así, as arredor de 45.000 vivendas que, segundo prevía o plan, supuñan en torno ao 20% do preciso en Galicia na seguinte década acabaron equivalendo a algo máis do 40% que se construíu no país de 2008 a 2017.
No período en que estaba previsto aplicar o plan acabaron construíndose en Galicia unhas 70.000 novas vivendas, nove de cada dez do mercado libre
Tomando como referencia estrita o período do plan (2008-17), os datos oficiais dispoñibles amosan que foron construídas en Galicia algo máis de 106.000 vivendas, nove de cada dez do mercado libre. Excluíndo o ano 2008 para ollarmos aos anos xa afectados pola crise, de 2009 en diante, ata 2017 erguéronse en territorio galego case 70.000 novas vivendas, o 90% do mercado libre e apenas unha de cada dez con algún tipo de protección.
Como amosan os gráficos baixo estas liñas, a construción de vivenda libre non recuperou, nin de lonxe, os ritmos previos a 2008. Pero a vivenda protexida tampouco remontou de vez. Así, por exemplo, segundo os datos oficiais do Ministerio de Transportes -o competente en vivenda- recollidos polo Instituto Galego de Estatística, en 2022 rematáronse en Galicia algo máis de 2.600 novas vivendas no mercado libre e apenas un cento protexidas.
No contexto da aprobación da lei de vivenda, o actual Goberno galego esgrime medidas como o plan lanzado recentemente para avalar hipotecas a mocidade que cobre ata 46.200 euros ao ano e decida mercar vivenda. Tamén proxectos a medio prazo para, en verbas do presidente, Alfonso Rueda, "incrementar o parque público residencial de Galicia nun 50% para acadar as 5.600 vivendas no ano 2026". Ese compromiso chegaría ata a metade da vindeira lexislatura e pasaría por "incorporar algo máis de 1.800 inmobles".