Feijóo clama pola construción de máis pisos tras deixar a vivenda protexida da Xunta en mínimos históricos

Feijóo e a actual conselleira de Vivenda, nunha xuntanza na etapa do líder do PP como presidente da Xunta e de Ángeles Vázquez como alcaldesa de Melide, sobre un gráfico da evolución da construción de vivenda protexida en Galicia CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

O desbloqueo definitivo da lei estatal de dereito á vivenda no Congreso tras o acordo dos socios do Goberno de España (PSOE-UP) con ERC e EH-Bildu volveu situar a cuestión no centro da axenda política. Máis aínda despois de que, a pasada fin de semana, Pedro Sánchez anunciase que a aprobación da nova lei vai vir acompañada cun novo plan para poñer en réxime de alugueiro a prezo "accesible" ata 50.000 vivendas do banco malo, a Sareb, que ten unhas 1.800 en Galicia, 1.285 identificadas no Consello de Ministros como dispoñibles para alugueiro social.

Feijóo: "Sabedes como se baixan os prezos da vivenda? Facendo máis vivendas, que haxa máis vivendas e baixaremos os prezos das vivendas. Non construíndo menos, construíndo máis"

Mesmo antes de ser público o texto definitivo da nova lei, a Xunta xa cargou contra ela por considerala "totalmente extremista", en verbas da conselleira con competencias na materia, Ángeles Vázquez, que tamén a descualifica como "atentado contra a clase media". O Goberno galego censurou a norma ao tempo que o facía o ex-presidente e actual líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, que entre as súas críticas incluíu a esixencia de construír un maior número de vivendas.

"Sabedes como se baixan os prezos da vivenda? Facendo máis vivendas, que haxa máis vivendas e baixaremos os prezos das vivendas. Non construíndo menos, senón construíndo máis", clamou Feijóo nun mitin en Cantabria, no que tamén reprochou a Pedro Sánchez que "fixese cero" vivendas "sociais". Critica, asemade, que a lei de dereito á vivenda "non inclúa unha palabra de ocupación" ilegais, cuestión que a Xunta dixo considerar como a súa "principal demanda" ao Estado neste ámbito.

Nos anos 90 en Galicia construíanse, de media, máis de 3.000 vivendas protexidas ao ano e na primeira década do século roldaban as 2.700. Nos anos dez, con Feijóo ao mando, foron apenas 300

As esixencias de Feijóo para a construción de máis pisos en xeral e máis pisos protexidos en particular contrastan ás claras coa xestión do seu Goberno nos trece anos en que presidiu a Xunta, dende abril de 2009 ata maio do pasado 2022. Non en van, durante os seus mandatos a construción de vivenda protexida descendeu a mínimos da historia da autonomía malia á levísima recuperación na actual lexislatura, con 571 vivendas protexidas rematadas, segundo os datos oficiais recompilados polo IGE e incluíndo a totalidade do 2020 -as eleccións foron en xullo dese ano-.

Nos anos 90, gobernados integramente polo PP de Fraga, en Galicia chegou a construírse unha media anual superior ás 3.000 vivendas protexidas e máis de 2.700 por ano, de media, na primeira década do século, marcada pola xestión do derradeiro Executivo de Fraga e mais polo gabinete do PSdeG e do BNG (2005-2009). Foi a ese goberno o que lle tocou o estourido da burbulla inmobiliaria, coa caída de Lehman Brothers a finais de 2008. Non obstante, a recuperación xeral da economía non veu acompañada por unha remonta da promoción da vivenda protexida en Galicia, con varios anos con menos de 10 rematadas e unha media anual de apenas 300 nos anos dez.

Neste escenario, cómpre remontarse a 2011 para atopar un ano no que quedasen rematadas en Galicia máis de mil vivendas protexidas. Esta escaseza contrasta coa relativa recuperación da construción de vivendas do mercado libre, sen ningún réxime de protección. Aínda que lonxe das enormes cifras previas á crise de 2008 -naquel ano en Galicia finalizáranse máis de 34.000 vivendas libres-, todos os anos dende o pasado 2018 finalizáronse en Galicia máis de 2.000 vivendas novas sen protección oficial. Mentres, a vivenda protexida mantívose reducida á mínima expresión. Neste tempo, ao contrario do afirmado por Feijóo, os prezos da vivenda non responderon mecanicamente ao esquema segundo o cal un aumento da construción deriva en menores custos.

No derradeiro ano do Goberno PSdeG-BNG a Xunta orzamentou 52 millóns para construír pisos protexidos e un total de 210 para vivenda. Neste 2023, malia aos fondos europeos, o total de vivenda está en 125 e os fondos para construción, en apenas 8

Todo isto sucede nun contexto no que o orzamento da Xunta para a construción de vivenda protexida se mantivo practicamente plano durante unha década, lonxe da recuperación do total das contas para políticas de vivenda, especialmente dende que en 2020 reciben fortes inxeccións de fondos europeos transferidos polo Estado. Así, mentres que en 2014 o total do orzamento de vivenda da Xunta tocou fondo, con apenas 32 millóns de euros, neste 2023 esa área de gasto dispón de algo máis de 125 millóns. O montante total está, en calquera caso, lonxe dos máis de 200 millóns que reservou para vivenda o derradeiro orzamento do Goberno de PSdeG e BNG en 2009. [O número de demandantes de vivendas de alugueiro no rexistro da Xunta triplica os inmobles ofertados en Galicia]

Naquel 2009 o Executivo de socialistas e nacionalistas, que tiña unha Consellería dedicada en exclusiva ás políticas de Vivenda, orzamentou 52 millóns de euros para a construción de pisos protexidos. Neste 2023, malia ás relevantes achegas estatais e da UE, o Goberno galego conta con apenas 8 millóns para esa finalidade. Mentres, o gabinete agora presidido por Alfonso Rueda pon o foco noutras medidas, caso do plan lanzado recentemente para avalar hipotecas a mocidade que cobre ata 46.200 euros ao ano e decida mercar vivenda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.