A mediados do pasado marzo, Ana Pontón acudiu ás obras "paralizadas" dun edificio de pisos protexidos da Xunta no barrio compostelán do Castiñeiriño para presentar o plan de vivenda pública que, dixo, despregaría o BNG se goberna. Tería como un dos puntos clave, avanzara, chegar ata un mínimo do 5% de vivenda pública sobre o total.
O pasado xoves, tras o Consello da Xunta, Alfonso Rueda asegurou que o Goberno do PP ten nos seus plans "incrementar o parque público residencial de Galicia nun 50% para acadar as 5.600 vivendas no ano 2026", un compromiso que chegaría ata a metade da vindeira lexislatura e que pasaría por "incorporar algo máis de 1.800 inmobles". Tras o lanzamento desta promesa, o Bloque retrucaba este luns para lamentar que os conservadores prometan agora "o que non fixeron en 14 anos" e reiteran a súa iniciativa.
A voceira do Bloque en materia de vivenda, a deputada Alexandra Fernández, coida que os anuncios de Rueda "carecen de credibilidade" porque "prometen para mañá o que non fixeron até agora". "Se fixesen os deberes en materia de vivenda, a un ano das eleccións e tras 14 gobernando sacarían peito", coida, pero o certo é que "non fixeron nada".
No ano 2014 non se fixo ningunha vivenda de promoción pública en alugueiro, igual que en 2015, 2016 e 2017" e "só unha en 2018", subliña a deputada Alexandra Fernández para considerar que Rueda "carece de credibilidade" para prometer agora 1.800 vivendas novas na vindeira lexislatura
Evoca Fernández o programa electoral do PP nas eleccións galegas de 2016, no que "prometían rehabilitar 1.500 vivendas co programa Rexurbe". No programa de 2020 xa prometían "acadar as 3.000 vivendas rehabilitadas" e segundo "o último informe publicado, había 10 inmobles". Todo, advirte, nun contexto no que tamén cabe preguntarse "que oculta" a consellería con competencias na materia, toda vez que nas últimas avaliacións dos seus propios plans mesmo "manipulaba os datos de creación de vivendas públicas, contabilizando cambios de inquilinos como novas vivendas".
A parlamentaria nacionalista pregúntase "que credibilidade" poden ter estes anuncios unha vez contrastados cos datos oficiais -de orixe estatal- sobre construción de novas vivendas protexidas en Galicia. Ese rexistro, evidencia, amosa como nos últimos anos houbo varios exercicios coa nova vivenda pública reducida á mínima expresión, e directamente a "ningunha" ao poñer o foco sobre o alugueiro. "No ano 2014 non se fixo ningunha vivenda de promoción pública en alugueiro, igual que en 2015, 2016 e 2017" e "só unha en 2018". "E non temos máis datos porque o Goberno se nega a publicalos", lamenta.
Neste contexto, Alexandra Fernández conclúe que "o problema da vivenda pública en Galiza é o PP". Por iso, mentres no Rexistro de Demandantes hai unhas 16.000 inscricións, o BNG reitera a "aposta por un modelo que nos achegue á realidade europea", un "programa ambicioso para acadar cando menos un 5% de vivenda pública, xa que agora se sitúa por baixo do 1%".
Este programa, acrecenta, implicaría "recuperar o orzamento en vivenda que o PP recortou", pero tamén "executar os compromisos orzamentarios". Ademais inclúe "poñer en marcha unha comisión de vivenda pública e accesible encargada da promoción e construción de nova vivenda", pero tamén da "adquisición de vivenda usada para incorporala ao parque público", así como a "reclamación do parque de vivendas" do banco malo, a Sareb para sumalo ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).