A Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb), é o 'banco malo' impulsado polo Estado xunto a varias empresas bancarias para quedar co ladrillo tóxico das entidades financeiras rescatadas con fondos públicos durante a crise iniciada en 2008. A Sareb absorbeu vivendas, edificios, terreos e hipotecas impagadas mentres os balances daquelas entidades e, só no caso galego, asumiu máis de 5.000 millóns de euros en activos de Caixa Galicia e Caixanova.
A Sareb cedera estes pisos á Xunta cun convenio asinado en 2015 e renovado en 2019. Agora, no canto de continuaren a cesión, o Goberno galego mércallos á entidade que absorbeu o 'ladrillo tóxico' no rescate bancario, incluídos 5.000 millóns de activos inmobiliarios de Caixa Galicia e Caixanova
Tras os rescates, foron diversas as voces que apelaron os gobernos a utilizar os pisos e casas do banco malo para paliar o acceso á vivenda mediante fórmulas coma o alugueiro social, especialmente para familias vulnerables ou que sufriran desafiuzamentos. En marzo de 2015, en vésperas das eleccións municipais, a Xunta asinou un convenio polo cal a Sareb cedía ao Goberno galego 50 vivendas por catro anos para este tipo de aluguer a baixo prezo, unha "cesión" que así e todo implicaba unha "contraprestación" de 356.350 euros.
O convenio, no que a Sareb asumía gastos como seguros ou impostos dos pisos, foi renovado na primavera e 2019 e neste 2023 tocaría volver facelo. Pero, no canto de apostar pola cesión, a Xunta disponse a mercar 40 desas vivendas por 3,49 millóns de euros. Así o acordou o Consello do Goberno galego este xoves.
Asegura o Goberno galego que a finalidade da operación é "incrementar o parque público" de vivenda protexida en alugueiro a baixos prezos. Non obstante, a propia Xunta admite que estes pisos, situados en 16 concellos, xa están habitados. De feito, sinala que as persoas que residen neles "poderán seguir" facéndoo "unha vez sexan propiedade da Xunta, nas condicións establecidas para as vivendas de promoción pública", xa que esa será a súa cualificación.
Deste xeito, a Xunta desembolsa máis de tres millóns de euros por 40 pisos orixinalmente chegados á Sareb a cambio de fondos públicos do rescate bancario. Tras oito anos de cesión -coa devandita "contraprestación", xa que a Sareb cobrou con independencia das cotas dos alugueiros sociais-, son empregados novos fondos públicos para sufragar estes mesmos pisos, agora para "avanzar no obxectivo de incrementar o parque público residencial baixo titularidade" do Goberno galego, di a Xunta.
Case 4 millóns para 55 pisos que cedera Abanca
A Xunta tamén lembra que esta operación chega escasos meses despois de pechar unha semellante con Abanca. Naquel caso, a Xunta puxo 3,9 millóns de euros para quedar con 55 pisos que, igualmente, tiña cedidos para destinar a alugueiro social. Igual que coa Sareb, o acordo coa entidade herdeira das antigas grandes caixas de aforro fora asinado por primeira vez en 2015 e implicaba a cesión de 55 pisos baleiros, aínda que o Goberno galego tamén puxera cartos, concretamente 678.050 euros.
Como o do banco malo, o acordo con Abanca chegaba ata 2019 e a Xunta renovouno. E a finais do pasado 2022, igualmente, o acordado non foi unha terceira prórroga da cesión, senón a compra dos 55 pisos nunha trintena de concellos. A compra quedou pechada entre o banco e o Instituto Galego da Vivenda e Solo definitivamente en xaneiro deste ano.
En apenas tres meses a Xunta leva destinados 7,4 millóns de euros a mercar 95 pisos dos bancos que tiña previamente cedidos. Asegura que o fai para "incrementar" o parque de vivenda pública, aínda que xa están habitadas. O rexistro público de demandantes ten máis de 6.700 solicitudes pendentes para alugar
Deste xeito, en apenas tres meses a Xunta destinou 7, 4 millóns de euros para mercar un total de 95 pisos dos bancos -cun custo medio, daquela, de algo máis de 77.000 euros por vivenda-, que dun xeito ou doutro xa recibiran con anterioridade unha inxección previa de fondos públicos, xa fose pola súa absorción na Sareb ou por seren propiedade dunha entidade bancaria resultante do rescate bancario. A cantidade da compra engádese o achegado para financiar os convenios de cesión.
Segundo os datos divulgados polo Goberno galego, o concello que aglutina máis destes pisos é Vigo, cun total de 18 (10 da Sareb e 8 de Abanca), seguido por Salvaterra, con 7, e pola Coruña, con 5. En total, os concellos con algún destes 95 pisos son un total de 38. Así, di a Xunta, refórzase "a oferta en municipios onde segue existindo demanda de vivendas protexidas en réxime de alugueiro".
Os datos do rexistro único de demandantes de vivenda protexida do propio Goberno galego indican que, con data deste 23 de febreiro, as persoas solicitantes dun piso protexido en alugueiro -incluíndo peticións de arrendamento con opción a compra- eran 6.755.