A Xunta di que as 55 vivendas que merca a Abanca reforzan a oferta pública de alugueiro malia seguiren cos mesmos inquilinos

Sinatura das escrituras de compra de 55 vivendas por parte da Xunta a Abanca CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego destina 3,9 millóns de euros a adquirir inmobles do banco que xa viñan sendo empregados para alugueiro social e así continuarán

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) asinou este luns as escrituras de compra por 3,9 millóns de euros de 55 vivendas ata agora propiedade de Abanca pero que xa viñan sendo empregadas pola Xunta para alugueiro social. Malia que os inmobles seguirán ocupados polas mesmas persoas que ata agora, segundo o Goberno galego a operación permítelle “incrementar o actual parque público residencial, reforzando a oferta naqueles municipios onde segue existindo demanda de vivendas protexidas en réxime de alugueiro”. 

A conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles, Vázquez, entregando en persoa unha vivenda protexida nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A operación asinada este luns foi avanzada hai un mes polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que tamén anunciou que nos próximos meses o seu Goberno prevé mercar máis vivendas similares á Sareb, ou ‘banco malo’ que tras a crise de hai unha década quedou cos activos inmobiliarios denominados tóxicos da banca ou das antigas caixas galegas.

Sobre a operación agora concretada Rueda salientou que facilitaría que as persoas e familias afectadas por execucións hipotecarias que ata agora viñan ocupando esas vivendas poidan seguir nelas. Pero este luns o Goberno galego publicitou tanto ese obxectivo como o de reformar “a oferta” de alugueiro, sen explicar como se poden compatibilizar as dúas opcións.

A Xunta tamén desvelou este luns o reparto das vivendas en cuestión entre os 32 concellos que contan con algunha delas. Dos 55 inmobles, Vigo conta con oito; A Coruña e Salvaterra de Miño con catro cada unha; hai tres vivendas en Ourense e A Cañiza; dúas vivendas en Ribeira, A Guarda, Caldas de Reis, Pontecesures e Silleda; e unha vivenda en A Laracha, Cee, Miño, Narón, Negreira, Porto do Son, Monterroso, Rábade, Sarria, Verín, Vilar de Santos, Cangas, Lalín, Marín, Moaña, Mondariz, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas e Vilanova de Arousa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.