Entre xaneiro e novembro deste 2022, o custo medio dos alugueiros en Galicia aumentou un 4,49%, que se une ás subas dos últimos anos: alugar unha vivenda é un 30% máis caro que en 2015.
Nun ano no que os prezos de boa parte dos produtos e servizos básicos se dispararon, a vivenda en alugueiro non podía ser unha excepción. Entre xaneiro e novembro deste 2022, o custo medio dos alugueiros en Galicia aumentou un 4,49%. O problema, neste caso, é que a vivenda leva sete anos encarecéndose de forma acelerada, moi por riba da evolución da inflación e dos salarios. Segundo os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta, dende o 2015 o prezo dos alugueiros aumentou un 29,7%, superando o 35% no conxunto das sete cidades.
Os datos do Goberno galego son ratificados por outros indicadores da evolución do prezo da vivenda. Segundo o barómetro mensual de Idealista, dende o ano 2016 os alugueiros encarecéronse un 40% en Galicia, unha porcentaxe que o informe de prezos medios de Fotocasa eleva ata o 45%.
Os aumentos son máis importantes aínda nas cidades e A Coruña e Vigo son claramente as urbes máis caras para vivir en Galicia, con alugueiros medios que se sitúan nos 575 euros na cidade herculina e nos 559 na olívica, con incrementos do 7,85% e do 4,3% no último ano. Neste 2022 os prezos aumentaron en todas as cidades entre o 4% e o 8%.
A Coruña é a cidade na que máis medraron os prezos en 2022 (+7,9%), seguida de Santiago (+6,6%). Pontevedra é a que máis se encareceu dende o 2015 (+49,1%), seguida da urbe herculina (+38,7%)
A terceira cidade máis cara para vivir é Pontevedra, cun prezo medio de 539 euros e un aumento do 6,4% no último ano. A urbe foi a que máis encareceu dende o ano 2015, cun aumento que se achega ao 50% nos prezos dos novos alugueiros. Con todo, o resto de cidades tamén rexistraron subas superiores ao 30%, achegándose ao 40% no caso da Coruña (38,7%), Lugo e Vigo, ambas por riba do 36%. A urbe na que menos subiron os prezos nestes anos foi Ourense (+28,3%).
Ademais dos alugueiros, tamén se incrementou no último ano o prezo de venda das vivendas en Galicia, cun aumento do 6%. A pesar de que no último trimestre este encarecemento se moderou un chisco, 2021 e 2022 foron os anos cun maior aumento dos prezos de venda dende o 2007 e o estoupido da burbulla inmobiliaria.
Aínda que os prezos dos alugueiros comezaron a subir antes nas zonas urbanas, o certo é que case todo o país está a sufrir na actualidade este encarecemento da vivenda. O prezo medio no conxunto de Galicia incrmentouse un 29,7% dende o 2015 e nos concellos por debaixo de 50.000 habitantes o aumento móvese entre o 23% e o 25%, mesmo entre os de menos de 5.000 habitantes (24%).
Neste ano 2022 foron os concellos de menos de 5.000 habitantes, moitos deles de carácter rural, onde máis aumentaron os prezos dos alugueiros, nada menos que un 8,52%
De feito, neste ano 2022 foron precisamente estas localidades de máis pequeno tamaño, moitas delas de carácter rural, onde máis aumentaron os prezos dos alugueiros, nada menos que un 8,52%. Hai uns meses a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) publicou un informe sobre a falta de vivenda en alugueiro nos concellos rurais, con moitos inmobles baleiros, pero poucos en boas condicións ou no circuíto de comercialización. Noutro informe, FEGEIN detallaba que fóra das sete cidades hai só 1.745 vivendas susceptibles de ser arrendadas, unha falta de oferta fóra das zonas urbanas que é máis grave nas provincias de Lugo e Ourense.
O certo é que o mercado de vivenda de alugueiro foi reducíndose nos últimos anos debido a varios motivos, entre eles o incremento dos pisos turísticos. Nos últimos catro anos triplicouse o número de pisos turísticos, ata chegar aos 14.753 rexistrados a comezos deste mes de maio legalmente, aos que habería que sumar un número indeterminado de vivendas alugadas ilegalmente.
A pesar da gran cantidade de inmobles deshabitados, o mercado de vivenda de alugueiro foi reducíndose nos últimos anos debido ao incremento dos pisos turísticos, a falta de obras de rehabilitación das vivendas baleiras e a escaseza de vivenda protexida
Esta falta de vivenda dispoñible para ser alugada, tanto nas zonas urbanas coma rurais, prodúcese mesmo a pesar da gran cantidade de pisos e casas deshabitadas. Porén, a realidade é que "o estado de conservación interior ou o mobiliario" de moitos destes inmobles "non é óptimo", como sinalaba FEGEIN.
Á redución do mercado de alugueiro e á necesidade de obras de rehabilitación de gran parte das vivendas baleiras únese tamén o escaso número de novas vivendas protexidas, con cifras en mínimos históricos. Dende o ano 2020 rematáronse apenas 468, por riba dos valores acadados entre 2014 e 2019, pero moi lonxe dos indicadores previos a 2014.
Aínda que os prezos da vivenda están a aumentar en case todo o territorio, son as cidades -e dentro delas, os barrios máis céntricos- os lugares con alugueiros máis caros. O indicador do Observatorio da Vivenda de Galicia amosa como o distrito 15004 da Coruña (entre a praia de Riazor e as prazas de Galicia e Lugo, incluíndo boa parte do Ensanche) é o barrio máis caro de Galicia, cun prezo medio de 749 euros. Nos primeiros lugares da lista atopamos outros barrios coruñeses, coma o distrito 15003 (A Pescadaría), o 15005 (Ensanche e Falperra) e 15001 (Cidade Vella), todos por riba dos 600 euros.
No Ensanche compostelán os prezos dos alugueiros aumentaron un 16% no último ano e un 36% dende o 2017
Sen chegar ao nivel de prezos dos barrios coruñeses, entre os distritos máis caros para alugar en Galicia están tamén varios vigueses, en concreto o 36203 (O Castro e Gran Vía), o 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón) e 36202 (que abrangue o Casco Vello). Chama a atención, iso si, que no céntrico distrito vigués 36201 os prezos descenderon un 9% neste ano 2022, sendo un dos poucos barrios urbanos nos que isto sucedeu, o que o relegou da 3ª á 12ª na lista dos distritos máis caros.
En Pontevedra o distrito máis caro é o 36003, convertido no quinto barrio máis caro de Galicia por mor dun aumento do 15% no último ano e do 40% dende o 2017
Neste ano 2022, nestas primeiras posicións tamén comezan a aparecer barrios do centro de Santiago, Pontevedra e mesmo Ourense. De feito o Ensanche compostelán (15701) converteuse nos últimos meses no segundo distrito máis caro de Galicia, cun aumento do 16% no último ano e do 36% dende o 2017. O distrito 15706 (Conxo, Avenida Barcelona...) tamén se achega aos 600 euros, situado entre os dez máis caros do país.
No caso de Pontevedra o distrito máis caro é o 36003, convertido no quinto barrio máis caro de Galicia por mor dun aumento do 15% no último ano e do 40% dende o 2017. Sucede o mesmo co 36001, que abrangue a maior parte do centro da cidade, cun alugueiro medio que se achega aos 600 euros, tamén entre os dez máis caros. Mesmo en Ourense, a pesar de non ser das cidades máis caras para vivir en Galicia, o distrito 32004 aparece como o oitavo barrio cos maiores alugueiros do país, debido a un encarecemento do 50% dende o ano 2017.
En Lugo o distrito 27002 (que inclúe a Avenida Ramón Ferreiro e a Ronda das Fontiñas) é xa o máis caro da cidade, cun aumento do 12% no último ano e do 33% dende o 2017
Lugo e Ferrol seguen a ser as cidades máis baratas para vivir, aínda que tamén rexistran incrementos importantes nos prezos dos seus alugueiros, especialmente nos seus barrios céntricos. Por exemplo, en Lugo o distrito 27002 (que inclúe a Avenida Ramón Ferreiro, a Ronda das Fontiñas e a Ronda de Fingoi) é xa o máis caro da cidade, cun aumento do 12% no último ano e do 33% dende o 2017. Supera mesmo ao distrito 27001 (no interior da muralla) e ao 27003 (Avenida da Coruña, A Milagrosa...).
Finalmente, en Ferrol os prezos continúan máis contidos, pero no 15405 (Estrada de Catabois, A Malata...) os alugueiros encarecéronse un 42% dende o 2017, e no 15004 (Ultramar, Estrada de Castela...) fixérono un 33%. Estes dous barrios chegaron a igualar os prezos medios dos distritos tradicionalmente máis caros da cidade, o 15401, o 15402 e o 15403, entre Ferrol Vello, Canido, A Magdalena e Esteiro.