As compras realizadas por estranxeiros medraron un 14% no último ano en Galicia e sitúanse un 72% por riba do pico máximo acadado antes do estoupido da burbulla inmobiliaria en 2009
O número de vivendas que se mercan non deixa de medrar. E unha parte do incremento vén motivado polo aumento das adquisicións por estranxeiros, sexan residentes ou non. En concreto, no caso de Galicia, o número de inmobles comprados por persoas estranxeiras acadou no primeiro semestre deste ano un novo máximo, con 1.072, segundo os datos publicados esta semana polo Consello Xeral do Notariado.
É un 14,3% máis que no mesmo período do ano 2024, o que converte Galicia nun dos territorios nos que a cifra aumentou máis, fronte a unha suba media do 2% no conxunto do Estado. O incremento engádese a unha tendencia de ascenso que se vén rexistrando dende hai anos e que fixo que o número de vivendas compradas por estranxeiros en Galicia se duplicase dende 2019.
A cifra actual, de feito, é un 72% superior á rexistrada no punto máis alto dos anos previos ao estoupido da bubulla inmobiliaria, no primeiro semestre de 2009.
No conxunto do Estado, do total de 71.155 operacións realizadas por estranxeiros, 27.849 corresponderon a non residentes, o 39,1% do total, interesadas en adquirir unha vivenda para empregala no tempo vacacional ou ben como investimento
A estatística do órgano que agrupa a Notarios de todo o Estado só ofrece algúns indicadores detallados por comunidades autónomas. Por exemplo, non sabemos cantas desas 1.072 operacións completadas en Galicia no primeiro semestre foron efectuadas por residentes e cantas por persoas non residentes, interesadas en adquirir unha vivenda para empregala no tempo vacacional ou ben como investimento.
Trátase, por suposto, de dúas realidades moi diferentes, que cada unha na súa medida, explican o incremento. Por unha banda, está a aumentar de forma moi importante a poboación estranxeira residente en Galicia, que ao igual que as persoas con nacionalidade española, nalgún momento lánzanse a mercar unha vivenda para habitala. Pola outra, estase a dar un fenómeno crecente de uso da vivenda como ben de investimento e unha parte desas operacións son realizadas por estranxeiros que nin sequera viven en Galicia.
No conxunto do Estado, do total de 71.155 operacións realizadas por estranxeiros, 27.849 corresponderon a non residentes, o 39,1% do total. Se comparamos os datos do primeiro semestre de 2025 cos do primeiro semestre de 2019, vemos como a compra de vivendas por estranxeiros non residentes aumentou un 31%, unha porcentaxe semellante á evolución do total das operacións de compra-venda.
En Galicia os estranxeiros non residentes que sumaron un maior número de adquisicións de vivendas no primeiro semestre do ano foron portugueses (17%) e alemáns (13,6%). En canto aos estranxeiros residentes, dominan tamén portugueses (12,2%) e os italianos (7,5%)
No informe si se detalla que en Galicia os estranxeiros non residentes que sumaron un maior número de adquisicións de vivendas no primeiro semestre do ano foron portugueses (17% do total de compras realizadas por estranxeiros) e alemáns (13,6%). En canto aos estranxeiros residentes, dominan tamén portugueses (12,2%) e os italianos (7,5%).
No conxunto do Estado a distribución por países é diferente e varía moito entre residentes e non residentes. Entre os residentes son máis habituais as compras por parte de persoas de Marrocos, Romanía e Italia. Entre os non residentes dominan as adquisicións de persoas de Reino Unido, Alemaña e Países Baixos.