A vivenda nova acentúa o desequilibro rural-urbano: A Coruña, Vigo e Santiago suman máis da metade

Novas vivendas visadas entre 2019 e 2014 por comarcas © Montaxe: Praza.gal Imaxe: pxhere

No primeiro semestre deste ano 2025 os arquitectos galegos visaron un 19% máis de vivendas de nova planta, cun aumento do 26% no caso das vivendas colectivas (pisos) e dun 6% no que atinxe ás vivendas unifamiliares

A falta de vivenda é posiblemente o principal momento da sociedade galega. Falta, sobre todo, vivenda para alugar a un prezo accesible para a maioría, pero tamén son escasas (e cada vez máis caras) as opcións de compra, cunha oferta aínda máis reducida de pisos protexidos, despois de quince anos de parálise na súa construción. E todo, a pesar de que Galicia suma medio millón de vivendas baleiras, 90 mil delas nas sete cidades, onde hai barrios onde no 40% dos inmobles non vive ninguén.

A realidade é que nos últimos 15 anos construíuse pouco, despois dos excesos cometidos entre 2000 e 2008 que levaron ao estoupido da burbulla inmobiliaria. Unha situación que pouco a pouco comeza a mudar. No primeiro semestre deste ano 2025 os arquitectos galegos visaron un 19% máis de vivendas de nova planta, cun aumento do 26% no caso das vivendas colectivas (pisos) e dun 6% no que atinxe ás vivendas unifamiliares, que semellan perder o pulo gañado entre 2020 e 2022 a consecuencia da pandemia de COVID.

A pandemia levou a un incremento da construción de vivendas unifamiliares, que suman o 53% do total. Porén, as vivendas colectivas visadas polos arquitectos disparáronse en 2024, cun total de 2.128, cun aumento aínda maior na primeira metade deste ano 2025.

Son os datos do informe de visado de vivendas no período 2019-2024, que esta semana presentou o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) a través do seu decano, Luciano Alfaya, e da secretaria da xunta de goberno, María Pierres. O documento detalla que no período 2019-2024 visáronse en Galicia 8.415 vivendas colectivas e 9.518 vivendas unifamiliares, sumando entre as dúas tipoloxías 17.933 vivendas de nova planta nos seis últimos anos.

A pandemia de COVID e a percepción de que a situación foi máis doadamente sobrelevable nunha casa con xardín e fóra dos espazos urbanos levou a un incremento da construción de vivendas unifamiliares, que suman o 53% do total. Así, mentres que en 2019 o número de pisos e casas visadas foi practicamente idéntico (1.329 e 1.336, respectivamente), entre 2020 e 2023 o número de vivendas unifamiliares foi moi superior.

As vivendas unifamiliares visadas acadaron un máximo no ano 2022 para comezar a descender a partir dese momento. En cambio, as vivendas colectivas visadas polos arquitectos disparáronse en 2024, cun total de 2.128, cun aumento aínda maior na primeira metade deste ano 2025.

A pesar do incremento do número de vivendas iniciadas en Galicia nos últimos anos, a vivenda protexida representa menos do 5% do total do construído

Na presentación, Luciano Alfaya non só se referiu aos efectos da pandemia de COVID, senón tamén a outros acontecementos internacionais que tiveron unha influencia directa no sector da construción, como foi o bloqueo da Canle de Suez durante case unha semana ou o inicio da Guerra de Ucraína, que motivaron o encarecemento dos materiais e dos custos xerais das obras, o que provocou un descenso no visado de novas vivendas no ano 2023, con cifras que só se recuperaron no ano 2024. 

Alfaya tamén subliñou que a pesar do incremento do número de vivendas iniciadas en Galicia nos últimos anos, a vivenda protexida representa menos do 5% do total do construído, segundo datos do Observatorio da Vivenda de Galicia.

De esquerda a dereita, Rocío Lamas da área técnica do Colexio, María Pierres e Luciano Alfaya, a presentación da rolda de prensa e o informe da ‘Evolución do visado de vivendas de nova planta no período 2019-2024’ © COAG

O decano do COAG subliñou que a pesar do incremento do visado de vivendas novas que se está a producir nos últimos anos -as vivendas visadas en 2024 son un 164% máis que as de 2014-  as cifras están aínda moi lonxe das que se rexistraban antes do estoupido da burbulla inmobiliaria

O decano do COAG tamén subliñou que a pesar do incremento do visado de vivendas novas que se está a producir nos últimos anos -as vivendas visadas en 2024 son un 164% máis que as de 2014-  as cifras están aínda moi lonxe das que se rexistraban no ano 2004, pois o dato do 2024 representa apenas o 10% daquel.

Alfaya alertou, ademais, sobre "os prazos de terminación das obras que impiden dar unha resposta áxil á demanda de vivendas", sinalando que o avultado número de vivendas con visado e sen Certificado Final de Obra "pode ser unha oportunidade para completar o parque edificatorio de Galicia, a pesar de que a media entre o visado dunha vivenda e o remate da mesma é de tres anos aproximadamente". O decano do COAG salientou que, ata 2020, había máis de 50.000 vivendas con visado, pero non se chegaron a rematar, na maioría dos casos a consecuencia da crise económica.

Por comarcas, a da Coruña é con moita diferenza a que máis vivenda nova construíu neste período, con 4.303, o 24% do total de Galicia. Seguen as comarcas de Vigo (3.002) e Santiago (1.802). Entre as tres suman máis da metade do total galego

Entre o 2019 e 2024 a maior parte das novas vivendas visadas en Galicia corresponden ás zonas urbanas e, en xeral, ao Eixo Atlántico. Por comarcas, a da Coruña é con moita diferenza a que máis vivenda nova construíu neste período, con 4.303, o 24% do total de Galicia. Seguen as comarcas de Vigo (3.002) e Santiago (1.802). Entre as tres suman máis da metade do total galego. 

Nos primeiros lugares aparecen outras comarcas nucleadas ao redor de cidades, como Pontevedra (1.240), Ourense (755), Lugo (642) e Ferrol (423) ou cunha grande actividade nas súas grandes vilas, coma O Salnés (1.209), O Morrazo (503), Bergantiños (403), O Baixo Miño (357), Betanzos (329) ou o Barbanza (306).

Contrastan estas cifras coas que se rexistran en comarcas maioritariamente rurais, como a da Fonsagrada, nas que entre 2019 e 2024 tan só se iniciaron dúas vivendas, Terra de Caldelas (5), A Baixa Limia (10) ou Terra de Trives, Os Ancares, Viana, Quiroga, A Ulloa ou o Ortegal

Contrastan estas cifras coas que se rexistran en comarcas maioritariamente rurais, como a da Fonsagrada, nas que entre 2019 e 2024 tan só se iniciaron dúas vivendas, Terra de Caldelas (5), A Baixa Limia (10) ou Terra de Trives, Os Ancares, Viana, Quiroga, A Ulloa ou o Ortegal, todas con entre dez e vinte novas vivendas en cinco anos.

Por provincias, as vivendas unifamiliares dominan claramente en Ourense (o 70% do total das visadas na provincia), mentres que no resto de territorios pisos e casas presentan valores moi semellantes. En todo caso a tendencia é semellante en todas, cun predominio das vivendas unifamiliares entre 2020 e 2023 e unha escalada das vivendas colectivas a partir de 2024. 

Por concellos, dominan Vigo e A Coruña, con 2.137 e 2.008 novas vivendas, respectivamente, e cifras moi superiores ás do resto de cidades, con Oleiros (1.281) en terceirao lugar

Por concellos, dominan Vigo e A Coruña, con 2.137 e 2.008 novas vivendas, respectivamente, e cifras moi superiores ás do resto de cidades, encabezadas por Santiago (1.137), Pontevedra (989) e Lugo (493). Chama a atención os elevados datos de localidades da área metropolitana da Coruña, coma Oleiros (o terceiro termo municipal con máis vivenda nova: 1.281) ou Culleredo (388).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.