A Coruña e Vigo, chamadas a manifestarse contra a crise da vivenda

Os representantes do Sindicato de Barrio da Falperra, Antón Tembas, e da Plataforma Polo Dereito á Vivenda, Santiago Lamelo, na rolda de prensa ©

"Nin alugueiros polas nubes nin salarios polo chan". Unha manifestación contra a emerxencia habitacional percorrerá as rúas da Coruña o vindeiro sábado 6 de xuño. Convocada pola Plataforma Polo Dereito á Vivenda e o Sindicato de Barrio da Falperra o punto de partida será a Praza de Ourense ás 12 horas con chegada na Praza de María Pita

"Nin alugueiros polas nubes nin salarios polo chan". Unha manifestación contra a emerxencia habitacional percorrerá as rúas da Coruña o vindeiro sábado 6 de xuño. Convocada pola Plataforma Polo Dereito á Vivenda e o Sindicato de Barrio da Falperra o punto de partida será a Praza de Ourense ás 12 horas con chegada na Praza de María Pita. A marcha busca denunciar a situación da vivenda na Coruña e reclamar medidas urxentes para garantir o acceso a unha vivenda digna.

Presentada en rolda de prensa na mañá deste martes, Santiago Lamelo, en representación da Plataforma Polo Dereito á Vivenda, e Antón Tembas, polo Sindicato de Barrio da Falperra, alertaron do forte incremento dos prezos da vivenda na Coruña e da crecente dificultade da maioría social para acceder a un fogar na cidade. En efecto, o prezo dos alugueiros leva medrando de forma moi importante -por riba do aumento do IPC e dos salarios- dende o ano 2015. E só entre 2022 e 2025 o custo dos arrendamentos se elevou un 37%. Un incremento que motivou a declaración de zona tensionada que semella ter contribuído a frear esta escalada.

Con todo, a situación de "emerxencia" mantense, con prezos moi elevados que na práctica impiden o acceso a unha vivenda digna para moitas persoas, ben de alugueiro, ben a través da compra, con prezos que superan xa os 2.800 euros por metro cadrado de media, chegando a cifras superiores en distintos barrios da cidade.

Cartel da manifestación pola vivenda convocada para este sábado 6 na Coruña ©

As dúas entidades reclaman do Goberno central "medidas máis contundentes contra a especulación", da Xunta que asuma as competencias sobre vivenda e do Concello, un maior control dos pisos turísticos ilegais

Os colectivos convocantes denuncian que esta situación "non é casual nin inevitable, senón o resultado de políticas que favoreceron a especulación inmobiliaria durante anos". Entre os factores sinalados figuran a xestión da Sareb tras a crise financeira, os privilexios fiscais das SOCIMI, o incremento das vivendas turísticas e dos alugueiros temporais e a insuficiencia do parque público de vivenda.

Na rolda, as dúas entidades tamén criticaron a actuación das distintas administracións. Respecto ao Goberno central, reclamaron "medidas máis contundentes contra a especulación" e lembraron que o Estado español continúa tendo un dos parques públicos de vivenda máis baixos de Europa. En relación coa Xunta, sinalaron que, malia ter as competencias en materia de vivenda, non está desenvolvendo políticas capaces de garantir o acceso a unha vivenda digna para a maioría social. 

Sobre o Concello da Coruña, denunciaron "a falta de actuación fronte ás vivendas turísticas ilegais e a ausencia dun plan ambicioso de creación de vivenda pública e mobilización de vivendas baleiras". Tamén criticaron "a falta de control por parte do Concello da Coruña do cumprimento da Zona Tensionada" e o feito de non ter clausurado "aínda as VUT ilegais" denunciadas pola propia plataforma.

A Alianza pola Vivenda convoca unha marcha baixo o lema “A vivenda cústanos a vida” que comezará ás 20 horas da Praza dos Cabalos (Praza de España) co obxectivo de reclamar "unha vivenda digna, estable e asumible para toda aquela persoa que a precise"

Tamén en Vigo haberá este venres unha manifestación pola situación da vivenda. A Alianza pola Vivenda convoca unha marcha baixo o lema “A vivenda cústanos a vida” que comezará ás 20 horas da Praza dos Cabalos (Praza de España) co obxectivo de reclamar "unha vivenda digna, estable e asumible para toda aquela persoa que a precise". Vigo converteuse nos últimos meses na cidade galega máis cara para vivir.

A Alianza pola Vivenda está conformada por organizacións de todo tipo, dende colectivos específicos (Plataforma Galega Vivenda Xa!, Sindicato de Inquilinas Vigo), sindicatos (CIG), entidades veciñais (Asociación Veciñal de Teis), grupos ecoloxistas (Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Ecoloxistas en Acción, Árbore, Verdegaia), e outros movementos sociais, como o Sindicato Estudantil Fervenza, Amnistía Internacional,, o Foro Socioeducativo As Ninguéns ou o Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN).

Concentración ante a sede da Xunta organizada pola Alianza pola Vivenda - Vigo © Alianza pola Vivenda - Vigo

Hai unhas semanas concentráronse diante da sede da Xunta para denunciar a falta de alternativa habitacional para colectivos vulnerables e reivindicar un parque de vivenda público estable e asumible que dea resposta aos máis de 10.000 demandantes de vivenda pública na cidade

A mobilización enmárcase na campaña “Vigo polo dereito a teito”, que a Alianza pola Vivenda leva meses desenvolvendo con accións públicas de información e reivindicación. Hai unhas semanas representantes das 15 entidades que a compoñen concentráronse diante da sede da Xunta na cidade para denunciar a falta de alternativa habitacional para colectivos vulnerables e reivindicar un parque de vivenda público estable e asumible que dea resposta aos máis de 10.000 demandantes de vivenda pública na cidade. 

Critican que a previsión das administracións na construción de vivenda pública “non cubrirá nin a cuarta parte dos actuais demandantes”, como destacou Isabel Flores, voceira de Amnistía Internacional, que reclamou “aumentar ata as 16.000 vivendas, en vez das 10.000 previstas” en 2030 no II Pacto de Vivenda de Galicia 2026 – 2030 aprobado en xaneiro pola Xunta.

Reclaman ao Concello que declare Vigo como zona tensionada para aplicar o control do prezo do alugueiro, o control das vivendas turísticas e facilitar o acceso ao aloxamento para o estudantado

“As medidas adoptadas polas administracións resultan insuficientes, xa que non confrontan a base do conflito: a especulación”, declarou Juan Medela, do Sindicato de Inquilinas de Vigo, que reclamou ao Concello que lle pida á Xunta que “declare Vigo como zona tensionada para  aplicar o control do prezo do alugueiro previsto na Lei de Vivenda”. "Na Coruña e outros lugares onde se aplica, esta medida freou a suba dos prezos", lembrou.

Tamén denunciaron que a nova ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico (VUT) aprobada polo pleno “non vai solucionar a crecente conversión de vivendas en aloxamentos turísticos”, como destacou Xaquín Pastoriza, de Ecoloxistas en Acción, que reclamou “a moratoria indefinida de licenzas de VUT en todo o concello e o peche das VUT ilegais”. 

Outro dos motivos da protesta era a carencia de prazas en residencias públicas e “as longas esperas que limitan o acceso á educación de miles de estudantes de clase traballadora”, sinalou Sara Castro, do Sindicato Estudantil Fervenza.

Cartel da manifestación convocada en Vigo este venres © Alianza pola Vivenda - Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.