A renda dos propietarios de pisos alugados xa duplica a dos inquilinos en Galicia

Edificios de vivendas na Coruña, nunha imaxe de finais de 2025 CC-BY-NC-SA Praza.gal

A crise da vivenda permanece e enquístase. E apenas é paliada ata o momento pola reactivación da construción de pisos protexidos en xeral e de promoción pública en particular tras, no caso galego, apenas quince anos de parálise: a Xunta ten unhas tres mil vivendas públicas en diferentes fases contratación e construción para atender unha demanda superior ás 22.000 solicitudes e o Estado, polo momento, achega menos de 70 novos pisos procedentes do 'banco malo'.

A renda mediana das persoas propietarias de vivendas arrendadas en Galicia rolda os 56.000 euros, un 99% máis que a da poboación que as aluga, segundo datos que manexa o Ministerio de Consumo

Con este pano de fondo, os prezos dos alugueiros privados de vivenda seguen á alza ou, nos menos dos casos, estabilízanse en prezos moi elevados. E no debate político emerxen iniciativas como a lanzada polo presidente do Goberno de España nos últimos días: descontos de impostos ás persoas propietarias que "renoven os contratos sen subir o prezo aos inquilinos". A proposta de Pedro Sánchez, que terá que buscar votos no Congreso para seguir vixente tras a súa aprobación vía Real Decreto-Lei, xerou malestar no socio minoritario do Goberno de España, Sumar. 

A través dun dos ministerios que dirixe, o de Dereitos Sociais e Consumo, esta formación advertiu de que plans coma este poden incidir negativamente na cada vez máis ampla fenda de rendas entre persoas propietarias e inquilinas. Quen aluga ten cada vez máis cartos e os fondos que manexa deixan cada vez máis atrás á poboación que vive de alugueiro con correlacións como a galega: en cifras redondas, a renda do propietariado duplica á do inquilinato.

Segundo os datos manexados polo Ministerio para un informe co que procura "coñecer en profundidade a situación dos inquilinos e inquilinas no mercado da vivenda", actualmente en elaboración, a renda mediana dos propietarios de vivendas alugadas en Galicia rolda os 56.000 euros, segundo cifras que o departamento dirixido por Pablo Bustinduy tira da Enquisa de Condicións de Vida de 2024. Segundo figura na información que incluirá o documento, á que puido ter acceso Praza.gal, esa renda mediana sitúa os propietarios un 99% por diante dos inquilinos e inquilinas. Isto é, a renda das persoas propietarias duplica a dos seus arrendatarios. 

A renda do 'propietariado' galego está por riba da media e é a terceira máis alta do Estado, mentres que a poboación inquilina está en sétima posición

Esa fenda de renda en Galicia supera amplamente a media estatal, situada segundo o mesmo informe nun 82% con datos que exclúen Euskadi e Navarra (polos seus réximes forais) e mais Catalunya, pola extensión que no seu territorio teñen xa as declaracións de zonas de alugueiro tensionado ao abeiro da lei estatal de vivenda (atinxen ao 80% da poboación catalá). O dato galego súmase aos doutras sete autonomías (Comunitat Valenciana, Extremadura, Murcia, Castilla-La Mancha, Canarias, Cantabria e Asturias) onde a "renda dos caseiros é xa o duplo que a dos inquilinos", subliña a documentación do Ministerio que puido consultar este xornal.

Sempre segundo os devanditos datos, a renda mediana dos propietarios e propietarias de pisos alugados en Galicia tamén está por riba do total estatal. Os case 56.000 euros anuais (concretamente, 55.195) superan en máis de tres mil a media estatal e sitúan o propietariado galego coma o terceiro con máis renda mediana do Estado, só por tras de Madrid e Balears.

Mentres, a renda mediana das persoas que viven en pisos de alugueiro no noso país si está por baixo da media estatal. Son uns 28.091 euros, a sétima do Estado e por tras da poboación inquilina en Balears, Madrid, Aragón, La Rioja, Castilla y León e Asturias.

Riscos da renovación de contratos este ano e o vindeiro

Consumo advirte de que a fenda de renda entre propietarios e inquilinos chegará ao 103% e os contratos que toca renovar este ano e o vindeiro son asinados "a prezos de mercado" e sen límites legais, que Sumar avoga por situar no IPC

O informe no que traballa o Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo tamén advirte dun agravamento da fenda de renda entre propietarios e inquilinos no caso de que os contratos de alugueiro que toca renovar en 2026 e 2027 sexan asinados "a prezos de mercado". Para calculalo, o departamento de Bustinduy analiza os datos de contratos de alugueiro asinados entre 2021 e 2022 finalizan cinco anos despois (máis dun millón), e crúzaos cos incrementos de prezos reflectidos en informes de portais inmobiliarios como Idealista.

En Galicia, sinala o informe en preparación, a renda mediana dos propietarios, pasaría dos devanditos 56.000 euros anuais a algo máis de 57.000. E, desta maneira, a fenda coas persoas inquilinas aumentaría ata o 103%. Seguirían sendo oito as autonomías nas que a renda dos propietarios sería o duplo ou máis que a dos inquilinos e o dato estatal -excluídas Euskadi, Navarra e Catalunya- xa ascendería ata o 90%.

O Ministerio encadra esta análise nun contexto no que estima en arredor dun 34% a suba dos alugueiros nos últimos cinco anos. Cara a eses datos ollan tamén dende Sumar para desmarcarse da proposta de bonificacións fiscais do PSOE. Fontes da formación de Yolanda Díaz defenden, no seu lugar, aplicar unha medida semellante á xa aprobada durante a pandemia da COVID, con "renovación automática dos contratos de alugueiro" limitando as subas ao incremento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC).

Investigación a portais inmobiliarios con efectos na Coruña

Consumo detecta anuncios en zonas tensionadas que superan os límites legais, no caso dos grandes propietarios, ou non informan do prezo do último contato, para particulares, segundo fixa a nova Lei da Clientela

Con estes datos sobre a mesa o propio Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo vén de realizar outro movemento sobre o mercado da vivenda, neste caso dirixido aos "principais portais inmobiliarios" e con repercusións na cidade da Coruña por ser, ata o momento, o único concello galego declarado zona tensionada. O Ministerio, anunciou este pasado venres, ten aberta "unha investigación para perseguir e eliminar os anuncios de pisos de alugueiro" nestas zonas que "se ofrecen a prezos superiores aos fixados por lei para grandes propietarios" ou "non inclúen no anuncio cal era o prezo do último contrato de alugueiro que se ofreceu na vivenda", para particulares.

Prezos de alugueiros na Coruña ofertados en Idealista, nunha consulta realizada este 16 de xaneiro, sobre unha vista parcial da cidade CC-BY-NC-SA Foto: Concello da Coruña | Montaxe: Praza.gal

A nova Lei de Atención á Clientela, que xa está ene vigor, "obriga" estes portais a publicar, para pisos en zonas tensionadas, esta información "de forma clara e accesible", mentres que ata agora, pola Lei de Vivenda, só tiñan que revelala "antes da sinatura do contrato". O Ministerio xa detectou "prácticas que poden infrinxir as novas regras de transparencia", polo que vén de dirixirse formalmente a portais de busca de piso e asociacións de inmobiliarias para "informar dos cambios legais" e "advertir de que o seu incumprimento pode ser considerado unha práctica desleal, por enganosa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.