O efecto da zona tensionada: A Coruña, única cidade galega que abarata o alugueiro

Evolución do prezo do alugueiro nos primeiros meses de aplicación da zona tensionada sobre unha imaxe xeral de edificios de vivendas na Coruña © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Concello da Coruña

Dende agosto, cando comeza a aplicarse a zona residencial tensionada, os prezos medios dos alugueiros na Coruña están a descender. Moi lixeiramente, iso si. De feito, posiblemente habería que falar máis ben dunha conxelación dos prezos

A finais de xullo A Coruña converteuse na primeira cidade declarada polo Ministerio de Vivenda como zona residencial tensionada, como solicitara o Goberno municipal herculino. O obxectivo da aplicación desta ferramenta, que entre outras medidas impón un tope máximo para unha parte dos contratos de alugueiro, era frear a escalada dos prezos na cidade -un 37% máis nos últimos tres anos e medio- e facilitar o acceso á vivenda.

Aínda é cedo, probablemente, para analizar os posibles efectos directos e indirectos dunhas medidas que comezaron a aplicarse en agosto e que en boa medida aínda non se fixeron efectivas en moitos casos. Porén, semella que a ferramenta das zonas tensionadas comeza a ter influencia no mercado do alugueiro da cidade, se comparamos a evolución dos prezos dos contratos asinados dende entón en comparación coa situación anterior e tamén coa das outras cidades galegas.

Así, os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta, e que ofrece unha foto fixa moi fiable sobre os prezos dos novos contratos de alugueiro (a súa información procede das fianzas depositadas ante o IGVS), amosa que dende o mes de xullo (e máis aínda dende agosto) os prezos medios dos alugueiros na Coruña están a descender. Moi lixeiramente, iso si. De feito, posiblemente habería que falar máis ben dunha conxelación dos prezos.

En xullo o prezo medio mensual dos contratos de alugueiros asinados na Coruña dende xaneiro era de 731,4 euros, mentres que o 2025 pechou cun prezo medio de 731 euros. Dende o mes de agosto, cun prezo medio de 735 euros e coa zona tensionada comezando a aplicarse, o descenso é máis claro.

Entre xullo e decembro a cidade herculina é a única que baixa, mentres que no resto das urbes seguen a rexistrarse subas

En todo caso, o contraste é claro se comparamos a evolución dos prezos na Coruña e os das restantes cidades galegas. Entre xullo e decembro a cidade herculina é a única que baixa, mentres que no resto das urbes seguen a rexistrarse subas, dende o 1,3% de Ferrol (7 euros máis) e o 1,7% de Pontevedra (15 euros máis) ata case o 3% de Santiago, Vigo e Lugo (entre 18 e 14 euros de suba) e o 4% de Ourense (máis de 20 euros de encarecemento).

En cambio, nos sete primeiros meses do ano, antes da declaración de zona tensionada, A Coruña estaba a ser unha das cidades nas que o prezo dos alugueiros máis se estaba encarecendo (+7,4%)

En cambio, nos sete primeiros meses do ano, antes da declaración de zona tensionada, A Coruña estaba a ser unha das cidades nas que o prezo dos alugueiros máis se estaba encarecendo (+7,4%), só por detrás dos datos de Ferrol (+12,3%) e Pontevedra (+7,8%).

Dende o ano 2021, con todo, os prezos medios do alugueiro na Coruña acumulan unha suba do 37%, na media das cidades galegas. Inferior á de Ferrol (+47%) e Lugo (+40%), máis por riba da de Santiago (+35%), Ourense (+33%), Pontevedra (+32%) e Vigo (+30%). Dende o 2016 as subas acumuladas móvense entre o 60% de Ourense e o 72% da Coruña, Lugo e Ferrol.

As voces críticas coa aplicación das zonas residenciais tensionadas, dende as inmobiliarias e grandes propietarios ata o Partido Popular, veñen denunciando que estas provocan un segundo efecto: a redución do parque de alugueiro dispoñible

O Observatorio de Vivenda ofrece tamén o indicador do prezo medio dos contratos asinados cada mes, máis volátil e menos fiable para observar tendencias, pero interesante para ver os movementos a curto prazo. Mentres que ata o mes de xullo A Coruña era claramente a cidade galega na que se estaban a asinar os contratos de alugueiro máis caros de Galicia, todo cambiou a partir de agosto. Nese momento os prezos da cidade herculina practicamente se igualan cos de Vigo, pero tamén cos de Pontevedra e Santiago, que seguen a encarecer.

Cómpre lembrar que Santiago tamén busca a súa declaración como zona residencial tensionada, unha proposta que foi rexeitada por parte da Xunta.

O número de contratos asinados na Coruña foi notablemente inferior ao do mesmo período de 2024, un 17% menos. Porén, esta sifra baixou en todas as cidades galegas, especialmente en Pontevedra (-20%)

As voces críticas coa aplicación das zonas residenciais tensionadas, dende as inmobiliarias e grandes propietarios ata o Partido Popular, veñen denunciando que estas provocan un segundo efecto, ademais da baixada dos prezos: a redución do parque de alugueiro dispoñible, debido a que algúns propietarios prefiren retirar a súa vivenda do mercado e non alugala a un prezo menor. 

Non existen datos oficiais nin fiables sobre o número real de vivendas dipoñibles en cada momento para o seu alugueiro. En todo caso o Observatorio da Vivenda de Galicia publica a información actualizada sobre o número de contratos de alugueiro asinados cada mes nas sete cidades galegas e no conxunto do país. 

A estatística dos meses nos que estivo en aplicación a zona residencial tensionada na Coruña (de agosto a decembro), en comparación cos mesmos meses do ano anterior, amosa que, efectivamente, o número de contratos asinados na cidade herculina foi notablemente inferior ao do mesmo período de 2024, un 17,3% menos.

Con todo, hai que dicir que en todas as cidades galegas o número de contratos asinados foi inferior e aínda que o descenso na Coruña supera a media do conxunto das sete urbes, é inferior ao rexistrado en Pontevedra (-20,2%) e non está tan lonxe do de Vigo (-11%) e Lugo (-10,3%), que carecen de zonas declaradas tensionadas.

A declaración de zona tensionada en Catalunya provocou, un ano despois da súa entrada en vigor, a redución dos prezos dos alugueiros nun 4,7% de media, en case un 9% en Barcelona e dun 5% nas áreas especificamente incluídas na medida. Ademais, non se reduciu a oferta e hai maior estabilidade nos contratos

Haberá que agardar aos datos do meses seguintes para comprobar se estas cifras supoñen o inicio dun cambio de tendencia no encarecemento do prezo dos alugueiros na Coruña e a demostración da efectividade da declaración de zona residencial tensionada. 

Segundo os datos que achega o Ministerio, a declaración de zona tensionada en Catalunya provocou, un ano despois da súa entrada en vigor, a redución dos prezos dos alugueiros nun 4,7% de media, en case un 9% en Barcelona e dun 5% nas áreas especificamente incluídas na medida. Ademais, non se reduciu a oferta e hai maior estabilidade nos contratos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.