O prezo dos alugueiros baixa na Coruña no inicio da aplicación da zona tensionada

Evolución do prezo medio do alugueiro nos últimos meses sobre a imaxe dun edificio de vivendas na Coruña © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

É un descenso leve, pero significativo: o abaratamento dos alugueiros en setembro na Coruña contrasta coas subas que seguen a rexistrar as outras seis cidades galegas

Nos últimos días de xullo a cidade da Coruña foi declarada polo Ministerio de Vivenda como zona residencial tensionada, como solicitara o Goberno municipal herculino. O obxectivo da aplicación desta ferramenta, que entre outras medidas impón un tope máximo para unha parte dos contratos de alugueiro, era frear a escalada dos prezos na cidade -un 37% máis nos últimos tres anos e medio- e facilitar o acceso á vivenda.

Aínda é cedo para analizar con precisión o efecto que a declaración de zona tensionada, que tamén persegue Santiago, que viu rexeitada a súa solicitude por parte da Xunta. Porén, os primeiros indicadores poden estar xa amosando un cambio de tendencia. O Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta, que dá conta da evolución do prezo recollido nos contratos de alugueiro asinados cada mes, recolle da súa estatística de setembro un descenso no prezo medio pagado na Coruña.

É unha caída leve, menos de tres euros (de 735,2 a 732,6 euros), pero é significativa. Sobre todo se temos en conta que os prezos do alugueiro non baixaban na Coruña dende abril de 2024 (daquela a caída fora dun euro) e, sobre todo, ao observar que nas outras seis cidades galegas -sen zonas tensionadas- os prezos seguiron a encarecerse o mes pasado.

O abaratamento dos alugueiros en setembro na Coruña (-0,35% en relación a agosto) contrasta coas subas rexistradas en Ourense (+2,8%), Santiago (+2,5%), Lugo (+1,8%) e Vigo (+1,4%). En Ferrol e Pontevedra as subas foron menores, ao redor do 0,3%.

Nos sete primeiros meses do ano, antes da declaración de zona tensionada, A Coruña estaba a ser unha das cidades nas que o prezo dos alugueiros máis se estaba encarecendo (+7,6%)

Mesmo se collemos os datos de agosto e setembro, meses nos que estivo en aplicación a zona tensionada, o comportamento dos prezos na Coruña revélase como diferente ao das outras cidades galegas. Aínda que os prezos si aumentaron en agosto na cidade herculina, a caída experimentada en setembro deixa os prezos case ao mesmo nivel que en xullo (+0,16%), unha suba moi inferior á de Ourense (+3,5%), Lugo (+3%), Santiago (+2,9) ou Vigo (+2%).

En cambio, nos sete primeiros meses do ano, antes da declaración de zona tensionada, A Coruña estaba a ser unha das cidades nas que o prezo dos alugueiros máis se estaba encarecendo (+7,6%), só por detrás dos datos de Ferrol (+10,9%) e Lugo (+8,2%).

A Coruña foi a cidade galega na que máis contratos de alugueiro se asinaron en Galicia (578), segundo os datos comunidados polo Observatorio da Vivenda de Galicia. Unha cifra, iso si, que se sitúa por debaixo do nivel do mesmo mes do ano anterior (761).

Haberá que agardar aos datos do meses seguintes para comprobar se as cifras de setembro supoñen o inicio dun cambio de tendencia no encarecemento do prezo dos alugueiros na Coruña

Haberá que agardar aos datos do meses seguintes para comprobar se as cifras de setembro supoñen o inicio dun cambio de tendencia no encarecemento do prezo dos alugueiros na Coruña e a demostración da efectividade da declaración de zona residencial tensionada. 

Segundo os datos que achega o Ministerio, a declaración de zona tensionada en Catalunya provocou, un ano despois da súa entrada en vigor, a redución dos prezos dos alugueiros nun 4,7% de media, en case un 9% en Barcelona e dun 5% nas áreas especificamente incluídas na medida. Ademais, non se reduciu a oferta e hai maior estabilidade nos contratos.

Entre decembro de 2021 e xullo de 2025 o prezo medio dos alugueiros aumentou un 37,2% na Coruña

Entre decembro de 2021 e xullo de 2025 o prezo medio dos alugueiros aumentou un 37,2% na Coruña. Entre as cidades galegas tan só aumentou de forma máis importante Ferrol (+44,8%), que partía dun nivel moi inferior. O encarecemento na Coruña foi superior ao de Lugo (+36,6%), Santiago (+31,8%), Pontevedra (+29,6%), Ourense (+27,7%) e Vigo (+26,7%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.