Como son os caseiros e caseiras galegas? Como son os inquilinos e inquilinas? O Instituto Galego de Estatística publicou hai uns días unha achega sobre a caracterización socioeconómica das que posúen vivendas de alugueiro e sobre as persoas que as alugan, unha información estarística, con datos sobre a súa idade media, sexo ou situación laboral que permite trazar o perfil destes colectivos, ben diferentes entre si.
Os datos do IGE sobre os propietarios das vivendas de alugueiro e os arrendatarios que permiten trazar un perfil sobre un e outro colectivo, con grandes diferenzas entre si. O 76% dos inquilinos son traballadores en activo, mentres que entre os arrendadores a porcentaxe baixa ao 47%
A primeira gran diferenza é a da idade. As persoas propietarias de vivendas en alugueiro son notablemente máis vellas que as persoas que alugan eses inmobles, cun salto de case vinte anos. Así, caseiras e caseiros galegos teñen unha idade media de 61,4 anos, fronte aos 42,5 anos dos seus inquilinos e inquilinas.
Relacionado con ese dato, o IGE informa de que máis do 35% das persoas propietarias é pensionista, fronte a un 47,4% de traballadores e traballadoras en activo afiliadas á Seguridade Social, un 2% de persoas paradas e un 13% de persoas noutra situación.
Na provincia de Ourense, de feito, son máis os pensionistas que os traballadores en activo, un indicador que se relaciona co envellemento que sofre esta provincia. Estes pensionistas propietarios de vivendas alugadas teñen unhas pensións medias duns 1.432 euros mensuais, segundo o IGE.
Caseiras e caseiros galegos teñen unha idade media de 61,4 anos, fronte aos 42,5 anos dos seus inquilinos e inquilinas. O 35% dos arrendadores son pensionistas
O perfil dos inquilinos e inquilinas é moi distinto, cun 76% de persoas afiliadas á Seguridade Social, un 4,2% de persoas paradas e un 8,7% de pensionistas.
O IGE non informa do nivel de ingresos de propietarios e inquilinos, aínda que outros estudos -coma o Censo de 2021- si teñen amosado que hai moitas máis persoas que viven alugadas entre as rendas baixas. Así, mentres que apenas o 11,8% da poboación galega vive de alugueiro, esa proporción medra ata o 32% nas persoas con ingresos inferiores a 500 euros mensuais e móvese entre o 15% e o 17% nas persoas que ingresan entre 500 e 1.500 euros todos os meses, con datos que se disparan nas cidades. Entre as persoas que gañan máis de dous mil euros ao mes as porcentaxes móvense entre o 5,9% e o 8,6%.
O 85% das vivendas alugadas pertencen a persoas físicas e só 15% son propiedade de persoas xurídicas. Destas, moi poucas son de carácter público (pouco máis de tres mil, o 1,7% do total)
Os indicadores achegados polo IGE, ademais, confirman o dato xa apuntando en anteriores ocasións de que o mercado do alugueiro en Galicia está dominado polos pequenos propietarios, cunha proporción de inmobles propiedade de empresas, administracións ou grandes posuidores inferior á doutros territorios.
Así, dos preto de 175 mil vivendas alugadas contabilizadas polo IGE, ao redor do 85% son propiedade de persoas físicas. A inmensa maioría residen en Galicia, pero hai máis de 18 mil vivendas alugadas cuxos propietarios son persoas residentes fóra. Hai, ademais, 5.420 vivendas alugadas cuxos propietarios legais constan como falecidos.
Once mil vivendas alugadas son propiedade de empresas, principalmente de sociedades limitadas. Algo máis de catro mil corresponde a sociedades que posúen 50 ou máis alugueiros
Do 15% restante de vivendas propiedade de persoas xurídicas moi poucas son de carácter público (pouco máis de tres mil, o 1,7% do total). Do resto, destacan as máis de once mil vivendas alugadas que son propiedade de empresas, principalmente de sociedades limitadas.
Hai dous anos unha investigación de Civio, a partir de datos solicitados á Consellaría de Vivenda, revelou que tan só 4.210 vivendas alugadas en Galicia eran propiedade de empresas privadas con 50 ou máis alugueiros, unha proporción inferior á doutras comunidades autónomas, onde o peso destes megapropietarios é máis importante.
O Grupo Lavandeira, con preto de 400 alugueiros, é o maior arrendador privado de Galicia. 340 pertencen ao fondo de investimento Blackstone
Máis de 2.700 destas vivendas son de 24 inmobiliarias, entre as que destacan o Grupo Lavandeira, que, con preto de 400 alugueiros, é o maior arrendador privado de Galicia, e Avante Electa (304), empresa dirixida polos fillos de Manuel Jove. Outras 900 vivendas son propiedade de cinco entidades financeiras. Delas, preto de 340 son propiedade directa de Testa Residencial, unha filial do fondo de investimento Blackstone.
O perfil máis común de caseiro é o dunha persoa física, que habitualmente posúe un número limitado de propiedades. O IGE non achega moita información a este respecto, máis aló de que o número medio de inmobles alugadas por cada caseiro é de 1,5.
En Galicia destaca a figura do pequeno propietario, que tipicamente aluga unha única vivenda ou dúas como moito
Outros indicadores, coma os datos da Axencia Tributaria sobre os ingresos declarados á hora de presentar o IRPF, amosaban por exemplo que en Galicia a porcentaxe de caseiros entre a poboación con rendas inferiores aos 30.000 euros era superior á existente no conxunto de España. Isto é, que en Galicia destaca a figura do pequeno propietario, que tipicamente aluga unha única vivenda ou dúas como moito. O ingreso medio por alugueiros inmobiliarios era segundo estes datos de 573 euros en Galicia.
Mesmo na Galicia máis nova a idade media de caseiros é moi elevada. Pontevedra (59,3 anos) e Lugo (61,3) son as cidades con propietarios máis novos. Santiago e Vigo aparecen con 61,7 anos, A Coruña con 62,6 e Ferrol con 62,9. Ourense é a urbe con propietarios máis envellecidos, con 63,7 anos de media
O IGE ofrece tamén información por concellos, o que permite coñecer a media de idade dos caseiros residentes en cada localidade ou o número medio de propiedades que alugan. As diferenzas entre uns e outros lugares son se poden disociar do distinto nivel de envellecemento que presenta cada comarca, de xeito que os caseiros teñen unha maior idade media nas zonas máis envellecidas, comezando pola provincia de Ourense ou as zonas máis rurais das outras tres provincias.
En todo caso, mesmo na Galicia máis nova a idade media de caseiros e caseiras é moi elevada. Pontevedra (59,3 anos) e Lugo (61,3) son as dúas cidades con propietarios máis novos, nunha lista na que Santiago e Vigo aparecen con 61,7 anos, A Coruña con 62,6 e Ferrol con 62,9. Ourense é a urbe con propietarios máis envellecidos, con 63,7 anos de media. Salceda de Caselas ou Ames, os dous concellos máis novos de Galicia, presentan algunhas das medias de idade máis baixas e aínda así móvense ao redor dos 56 anos.
Cómpre ter en conta, iso si, que nalgunhas localidades pouco poboadas o número de vivendas alugadas é reducido e polo tanto os datos achegados poden sufrir importantes desviacións.
Avión é o concello no que cada propietario ten máis vivendas alugadas, cunha media de 3,7 por caseiro. Na lista destacan tamén Barreiros (2,8) e Viveiro (2,7)
O IGE publica tamén información desagregada a nivel municipal sobre o número medio de propiedades alugadas por cada caseiro, que no conxunto de Galicia se sitúa en 1,5. Neste caso, non hai grandes diferenzas entre a maior parte de concellos, pero si atopamos casos singulares, coma o de Avión (con moita poboación residente do estranxeiro), onde cada propietario aluga unha media de 3,7 vivendas.
Destacan tamén os casos de Barreiros (cun gran número de edificacións construídas na primeira década deste século), con 2,8 vivendas alugadas por cada propietario. Ou, tamén na Mariña, o de Viveiro, cunha media de 2,7.