A Xunta ten en diferentes fases de tramitación algo máis de 2.000 pisos de promoción pública tras unha década na que tanto a vivenda promovida polo Goberno galego como a protexida en xeral quedaron reducidas á mínima expresión
Unha das principais promesas do Goberno galego en materia de vivenda é finalizar a lexislatura conseguindo "duplicar" o parque público de vivenda, que consta de 3.819 pisos. En cifras redondas, o gabinete que dirixe Alfonso Rueda di estar en condicións de roldar en 2028 os 8.000 pisos públicos, o que suporía sumar uns 4.000. E o pasado febreiro a conselleira con competencias na materia, María Martínez Allegue, cifraba en 2.080 as vivendas de promoción pública que o seu departamento ten en marcha, sumando as que xa comezaran a tramitarse daquela e as que estaban "a piques" de facelo.
Estas cifras de vivenda de promoción pública en particular e de vivenda protexida en xeral contrastan coa escaseza da impulsada polo Goberno galego dende o retorno do PP a San Caetano en 2009. Moi especialmente coas da última década, cando os Executivos presididos por Alberto Núñez Feijóo deixaron de xestionar a herdanza recibida do Goberno de coalición PSdeG-BNG en forma de vivendas xa contratadas ou mesmo en construción.
Nese tempo, a vivenda protexida en Galicia -tanto de promoción pública como de promoción privada con algún réxime de protección- quedou reducida á mínima expresión, primeiro nun contexto marcado pola crise financeira internacional e despois, pola liña política do Goberno. Esa parálise virou en forte lastre mesmo para a Xunta do propio PP, agora inmersa nun relativo cambio de rumbo neste ámbito á calor, entre outros factores, dos fondos europeos. Boa mostra disto son os datos de vivenda protexida rematada en 2024 publicados nos últimos días polo Ministerio de Vivenda, con só cinco novos pisos en Galicia, todos eles na provincia de Pontevedra.
Os datos do Ministerio de Vivenda reflicten media decena de vivendas protexidas rematadas en Galicia en 2024 e outras 169 iniciadas
Mentres a Xunta lanza máis vivenda pública nun ano que en toda a década anterior, os números do non feito seguen sendo elocuentes. Atendendo a esta fonte oficial, durante todo o ano pasado unicamente cinco inmobles recibiron a cualificación definitiva -ratificación administrativa de cumprir todos os requisitos para ser vivenda protexida- de vivenda protexida e outras 169 en construción cumpriron o trámite inicial, a cualificación provisional. Esas cinco vivendas protexidas rematadas, todas de promoción privada, supoñen a cifra máis baixa dende 2018, cando foran 8.
En comparación co resto de comunidades autónomas e coa media do Estado, o dato galego é dos máis cativos. Sempre segundo a fonte estatística oficial do Ministerio de Vivenda, o total estatal de vivendas protexidas que recibiron a cualificación definitiva como tal en 2024 foi de 14.37. Isto supón 29,56 novas vivendas protexidas por cada 100.000 habitantes mentres o dato galego queda nun reducidísimo 0,18.
A situación de Galicia en canto a novas vivendas protexidas rematadas en 2024 é, neste caso, moi semellante á das tres autonomías uniprovinciais de escasa poboación que finalizaron o pasado exercicio sen ningún novo piso con algún réxime de protección: Cantabria, Murcia e La Rioja, segundo o Ministerio. A seguinte autonomía con menor correlación entre as novas vivendas protexidas e a súa poboación foi Extremadura, cuxos 48 novos pisos supoñen 4,55 por cada cen mil habitantes.
As 0,18 novas vivendas protexidas por cada 100.000 habitantes rexistradas no noso país en 2024 contrastan coas 29 da media estatal, pero tamén coas 95 de Madrid, as 87 de Euskadi ou as 40 de Navarra
Na banda contraria sitúanse Madrid, Euskadi e Navarra. As táboas do departamento estatal de Vivenda indican que nestes territorios quedaron cualificadas definitivamente como vivendas protexidas 95, 87 e 40 novos pisos por cada cen mil habitantes. A continuación sitúase Catalunya, cunhas 23. Cómpre lembrar, non obstante, que a condición de vivenda protexida non é equivalente a vivenda de promoción pública -a promovida directamente polos gobernos- e que non en todos os casos a protección é permanente.
Cabe agardar, non obstante, que en vindeiros anos a situación de Galicia mellore relativamente nestes indicadores. Tanto polas devanditas vivendas promovidas pola Xunta como polos pisos protexidos de promoción privada que a Consellería asegura estar en condicións de impulsar mediante accións como "facilitar solo para a construción de 25.000 novas", das cales unhas 20.000 terían algún réxime de protección.

Mesmo no caso de cumprirse todas estas proxeccións, o lastre de década e media de parálise non desaparecería. Boa mostra deste feito é que, con data deste 24 de marzo de 2025, o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida da Xunta -a inscrición neste rexistro, de actualización continua, é indispensable para poder optar a un destes pisos- contaba con 20.238 solicitudes pendentes, un incremento superior ao milleiro en apenas un mes.