A política pública de vivenda estivo en Galicia practicamente paralizada durante máis dunha década. Así sucedeu especialmente dende o segundo mandato de Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta cando, coa gran recesión e a crise financeira internacional como pano de fondo, concluíron e foron entregadas polo Goberno do PP as promocións de vivenda protexida que deixara planificadas e en marcha o Executivo de coalición de PSdeG e BNG.
Vivenda ten en marcha 2.080 pisos públicos. Na última década con Feijóo na presidencia o total de vivendas protexidas iniciadas apenas superaron as 1.500
Como é sabido, o actual gabinete popular presidido por Alfonso Rueda vén imprimindo un relativo cambio de rumbo neste eido. Á calor dos fondos europeos de recuperación transferidos polo Estado, co impulso duns maiores orzamentos e coa escaseza de vivenda e prezos disparados tanto en venda como en alugueiro como pano de fondo, a Xunta lanzou a promesa de "duplicar" o parque público de vivenda, que consta actualmente de 3.819 pisos.
Só as promocións de vivenda pública lanzadas dende o inicio da lexislatura xa superan toda a vivenda protexida impulsada nunha década polos gobernos de Feijóo, nos que Rueda exerceu como 'número dous'. E, así e todo, apenas chegan para cubrir o 13% da demanda de vivenda pública que consta oficialmente na propia Xunta.
A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, aproveitou esta semana unha comparecencia no Parlamento para resumir as actuacións do seu departamento na materia tras as eleccións do 18 de febreiro de 2024, co Goberno constituído a mediados de abril dese ano. Son, en total, 2.080 vivendas de promoción pública, mantén a conselleira a sumar as que xa comezaron a tramitarse e as que están "a piques" de facelo.
De 2014 a 2024 iniciáronse 172 vivendas de promoción pública e rematáronse 270
Segundo o exposto por Martínez Allegue, os contratos de obra que xa están activos -entre pendentes de adxudicar e xa adxudicados e construción- atinxen a 832 vivendas públicas. Outras 982 teñen en marcha os contratos para os seus proxectos e as restantes 268 vanse sacar a concurso "nas vindeiras semanas", especifica.
Estes números, que inclúen tamén algúns proxectos que xa botaran a andar na recta final do anterior mandato, permiten afirmar en números redondos que en apenas un ano as vivendas de promoción pública xa superan toda a vivenda con algún réxime de protección iniciada en Galicia entre 2012 e 2022, isto é, dende o segundo mandato de Feijóo ata que dimitiu da presidencia da Xunta. Mesmo se aproximan a toda a vivenda protexida iniciada entre 2011 e 2022 e só quedan por tras de toda a do período 2010-2022, cando aínda entran no cómputo moitas promocións herdadas do Goberno de socialistas e nacionalistas.
Ao contarmos só a vivenda de promoción pública, as diferenzas son aínda máis significativas. Atendendo ás estatísticas do Ministerio de Vivenda neste ámbito, que ofrecen datos dende 2014, dende ese ano e en toda a década seguinte (ata 2023, último ano con datos completos dispoñibles) iniciáronse 172 vivendas de promoción pública e rematáronse 270. É dicir, cifras ínfimas que fican moi por baixo das dos tempos de Fraga ou do bipartito PSdeG-BNG, pero que tamén fican cativas en comparación cos 2.080 pisos que a Xunta ten agora en diferentes fases de contratación ou execución.
O Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida supera as 19.000 inscricións, máis de 15.000 delas solicitando vivendas de promoción pública
A parálise das lexislaturas de Feijóo é clave para comprender por que o incremento relativo das promocións de vivenda pública apenas cobre, mesmo atendendo o obxectivo para toda a lexislatura (unhas 4.000 vivendas) unha décima parte da demanda existente. Isto é, das inscricións no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida.
Este 12 de febreiro, no Rexistro de Demandantes constaban 19.056. Dentro deste total, un dato de actualización continua e no que as solicitudes caducan aos tres anos se non se tramita a súa renovación nos tres meses previos, 15.534 persoas pedían especificamente vivenda de promoción pública, contando a súa modalidade xeral como a específica en núcleos rurais e cascos históricos.

Deste xeito, tal e como amosa o gráfico sobre estas liñas, as 2.080 vivendas públicas actualmente en marcha apenas equivalen ao 13,4% da demanda específica de vivenda pública e ao 10,9% do total de demanda de vivenda protexida. Martínez Allegue asegura agardar paliar esta demanda nos vindeiros anos non só mediante o obxectivo de "duplicar as vivendas públicas ata as 8.000", senón tamén "facilitando solo para a construción de 25.000 novas" por promotores privados, "20.000 delas protexidas".