A vivenda protexida só cubriu o 30% dos novos fogares galegos dende o inicio da autonomía

Edificios de vivendas no barrio coruñés de Monte Alto CC-BY-NC-SA Praza.gal

En Galicia o parque de vivenda pública dependente da Xunta rolda as catro mil vivendas. Son, concretamente, 3.819 pisos arrendados con criterios sociais. Tras década e media de práctica parálise, o Goberno galego vén reiterando que o seu obxectivo é "duplicar" este parque público nunha lexislatura ata roldar as 8.000 vivendas públicas en 2028, o que viría cubrir en torno a un 20% da demanda de pisos protexidos no noso país.

Dende 1981 Galicia gañou uns 357.000 fogares e arredor de 96.000 vivendas protexidas, segundo datos dun boletín especial do Ministerio de Vivenda

A estes datos xa coñecidos véñense de engadir unha manchea deles a través dun novo Boletín Especial sobre Vivenda Social editado polo Ministerio de Vivenda. A publicación, a primeira ao respecto en catro anos, permite ir alén da conxuntura e observar o impacto da vivenda con algún réxime de protección dende o inicio da autonomía en 1981 e ata o último ano con datos completos, 2023. Un período de máis de catro décadas no que a vivenda protexida apenas cubriu o 30% dos novos fogares galegos.

Nun contexto marcado pola perda de poboación, Galicia gañou algo máis de 357.000 fogares nestas décadas, durante as cales o aumento de vivendas protexidas foi dunhas 96.000. Nos anos 80 ambas variables aumentaban de xeito relativamente parello mentres diminuía o total da poboación, pero o desequilibrio disparouse nos anos previos á gran recesión desencadeada en 2008. 

Nos anos posteriores á gran recesión o país rexistrou uns 36.000 novos fogares e só 3.000 vivendas protexidas, equivalentes ao 10% das que gañou o mercado privado

Nese tempo previo ao estoupido da burbulla inmobiliaria, non obstante, o número total de vivendas aumentaba moito máis que os fogares por mor dun mercado privado disparado. Na década seguinte, a dos anos 10, o total de fogares aumentou en máis de 36.000 mentres Galicia sumaba apenas 34.000 pisos no mercado privado e pouco máis de 3.000 no público. 

A "crise económico-financeira que asolou a construción de vivenda" deu lugar "ao desequilibrio entre incremento de fogares e incremento de vivendas" a partir de 2008, pero dende os anos 80 ambas variables están relativamente equilibradas. É por isto que o devandito informe oficial chama a "ter en conta que unha parte das vivendas construías estiveron destinadas a segunda vivenda ou uso vacacional", polo que non cobren necesidades residenciais derivadas do aumento de fogares.

A gran caída nos anos de Feijóo

O gran desequilibrio de Galicia a respecto das cifras estatais veu de aí en diante. Durante os mandatos dos gobernos do PP de Alberto Núñez Feijóo na Xunta a porcentaxe de vivenda protexida sobre a total construída no país apenas remontou por riba do 10% mentres no total estatal superaba o 30%. No primeiro trienio dos anos 20 Galicia non chegou ao 4% e a media estatal achegouse ao 12%, se ben os proxectos públicos actualmente en marcha aventuran unhas cifras futuras máis avultadas.

Tanto con Fraga como co Goberno de PSdeG e BNG o investimento en vivenda en Galicia superaba a media estatal. A tendencia inverteuse dende a chegada de Feijóo e ata a actualidade

O gran devalo da vivenda protexida en Galicia chegou nuns anos de forte caída no total do investimento da Xunta nas políticas públicas neste ámbito. O informe do Ministerio pon o foco nesta análise económica dende comezos do século, un tempo no que o gasto por habitante en políticas de vivenda superaba en Galicia a media estatal. Así sucedeu tanto nos últimos gobernos de Fraga como durante a maior parte do Executivo da coalición de PSdeG e BNG, cando chegou o dato galego tocou teito con 61,4 euros por habitante dedicados a vivenda.

De 2009 en diante a tónica xeral foi de caída dos orzamentos públicos en vivenda, pero ademais no caso galego a tendencia foi pasar a investir menos que a media. Así sucede sen excepción cada ano dende 2013. Tamén continúa acontecendo dende 2020, cando o impulso dos fondos europeos de recuperación alentou o aumento dos orzamentos para vivenda. No último ano analizado polo Ministerio, 2023, o investimento medio no Estado foi de 72,4 euros por habitante e en Galicia, duns 55.

O reflexo destas cifras -nominais, polo tanto, sen contar a inflación- traduciuse, como é sabido, nunha nova oferta de vivenda protexida en Galicia practicamente nula a partir de 2014, cando xa se entregaran as últimas promocións que o gabinete Feijóo herdara do Goberno de socialistas e nacionalistas, e moi escasa de aí en diante. Así, o informe reflicte como en Galicia pasou de ser habitual contar cunhas 3.000 novas vivendas protexidas anuais a varios anos con menos dunha decena, o cal sucedeu entre 2015 e 2018.

Tras anos con apenas unha decena de novos pisos protexidos, a Xunta informou o Ministerio de que en 2024 tiña en marcha 90 promocións con 1.289 vivendas, a maioría de promoción pública e destinadas a arrendamento

Os plans formulados polo actual Goberno galego para os vindeiros anos permiten albiscar un futuro de certa remonta que, non obstante, non logrará compensar a curto prazo o baleiro previo. Outra volta segundo os datos do informe do Ministerio, no momento da elaboración do documento en Galicia estaban en diferentes fases un total de 90 promocións de vivendas titularidade da Xunta que darán lugar a 1.289 pisos, a maioría deles (1.212) destinados ao seu arrendamento e de promoción pública directa (956).

O galego foi o único dos gobernos autonómicos que non facilitou ao Ministerio información sobre as datas previstas de finalización destas promocións en marcha. En xeral, a Consellería de Vivenda e o propio presidente veñen sinalando o 2028, ano no que corresponde finalizar a lexislatura, como horizonte para o devandito incremento do parque público de vivenda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.