Cando os salóns das casas estaban presididos polos antigos televisores de tubo era habitual escoitar a importancia de prender a tele de cando en vez aínda que non se utilizase moito ou se, por exemplo, a familia estaba un tempo fóra do seu fogar. En caso contrario, dicíase -con certa base real-, era posible que ao volver prendelo, o aparello non funcionase ou lle cumprise algunha reparación.
Os 3.500 pisos protexidos prometidos polo Goberno galego para esta lexislatura contrastan co non feito na década e media anterior e coas máis de 18.000 inscricións do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida
Activar unha maquinaria parada que noutrora estivo activa adoita ser complexo. E resulta practicamente imposible que a curto prazo colla o ritmo que tiña antes do paro. Estes exemplos ben poderían servir para ilustrar o feito ou, en rigor, o non feito en materia de vivenda protexida en Galicia na última década e media en contraste coas actuais intencións do Goberno galego, que prevé uns 3.500 pisos protexidos na actual lexislatura nun cambio de rumbo alimentado polos fondos europeos de recuperación. Ou, o que é o mesmo, unha ampliación do parque de vivenda con algún réxime de protección que apenas cubriría un 20% da demanda que existe oficialmente.
Este 15 de outubro de 2024 o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), no que a inscrición é requisito indispensable para optar a un destes pisos, contaba con 18.021 altas. Son un 8% máis que o pasado marzo, cando o total de solicitudes experimentara unha pronunciada baixada por caducidade de solicitudes. Conforme ao decreto que regula o Rexistro dende 2010 -cando o reformou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo-, cada petición expira aos tres anos agás que a persoa interesada a a renove nos "tres meses anteriores" á caducidade.
Vigo e A Coruña concentran case a metade das demandas de vivenda protexida, con 5.800 e 3.000 inscricións no rexistro, respectivamente. Ata 2028 a Xunta prevé 1.600 e 500 novos pisos nestas cidades
Estas avultadas cifras, tanto as máis de 16.000 demandas de vivenda protexida no primeiro trimestre do ano como as máis de 18.000 actuais, desbordan amplamente as previsións máis inmediatas do Goberno galego. Segundo o resumido en varias ocasións nos últimos meses tanto polo presidente, Alfonso Rueda, como pola conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, eses plans pasan por 3.452 novas vivendas protexidas ata 2028, entre novas construcións e rehabilitacións, "cun investimento de 580 millóns de euros".
Segundo especificou a propia Xunta o pasado xuño, esas 3.452 vivendas "xa planificadas" van aumentar o parque de protección sobre todo nas áreas de Vigo e da Coruña con 1.600 e 500, respectivamente. As dúas principais cidades do país -sen contar as súas contornas- concentran case o 50% de todas as demandas de vivenda protexida. Acumulan, a 15 de outubro, máis de 5.800 peticións no concello vigués e máis de 3.000 no coruñés; neste último, alén dos plans da Xunta, están en marcha dúas promocións de iniciativa municipal que suman algo máis de medio cento de vivendas.
As restantes vivendas protexidas planificadas pola Xunta ata 2028, sempre segundo o avanzado polo Executivo, estarán en Lugo, con 370; e mais na área de Ferrol, con 982. Unicamente no caso ferrolán o total de novos pisos protexidos anunciados superaría o actual número de inscricións no Rexistro Único de Demandantes, mesmo contando o concello veciño de Narón -a cidade departamental ten 495 demandantes e o municipio naronés, 213-.
A máis longo prazo a Estratexia Galega de Solo Residencial proxecta ata 20.000 pisos protexidos quince anos despois do plan do Goberno de coalición PSdeG-BNG que proxectaba 37.000 nun tempo en que Galicia sumaba nun só ano máis vivenda protexida da que a actual Xunta prevé para un cuatrienio
Si podería chegar a atender en maior medida o total de demandas de vivenda protexida o cumprimento dos plans bosquexados pola Xunta ao aprobar, a comezos do verán, a Estratexia Galega de Solo Residencial. O proxecto, que viría substituír o trazado polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG (2005-2009) co obxectivo de sumar 37.000 novas vivendas protexidas, cancelado polo Goberno do PP, ,foi presentado por Rueda e Allegue coa intención de "impulsar a construción de 20.000 vivendas protexidas", tanto de promoción pública como protexidas pero promovidas por empresas privadas, "e outras 5.000 libres".
Non obstante, a propia Xunta admite que nestes catro anos só sairían adiante as devanditas 3.452 vivendas, cadrando coa "primeira fase" da estratexia, na que a consellería prevé "abordar a planificación, a adquisición de solo, a redacción de proxectos e os acordos con concellos" ata 2028. De aí en diante, din, chegarían "a execución das obras de urbanización, a comercialización das parcelas e á execución das edificacións".
Se os plans máis inmediatos chegan a bo porto -a conselleira Allegue resaltaba recentemente que "o 30% das novas vivendas protexidas comprometidas para esta lexislatura" xa están "en marcha"- farán remontar uns datos reducidos practicamente a cero nos últimos anos. Pero seguirán lonxe dos tempos nos que, tanto co Goberno de Fraga como coa coalición de socialistas e nacionalistas, Galicia sumaba nun só ano tantas vivendas protexidas como as que agora promete o gabinete de Rueda para un cuatrienio.