O dereito á vivenda está gañando espazos no debate público. Faino á calor da suba sostida dos prezos do alugueiro e da compra década e media despois do estoupido da burbulla inmobiliaria que foi parello á crise financeira internacional. A caída do banco estadounidense Lehman Brothers foi emblema da fin dos anos de financiamento descontrolado a promotores e de hipotecas disparadas, pero tamén do inicio dun período de fortes recortes nos orzamentos públicos que impactaron de cheo tamén na vivenda protexida en todas as súas modalidades.
Dende mediados da segunda década do século a vivenda no mercado libre recuperou aos poucos mentres a protexida o fixo de maneira moito máis tímida, cun desequilibrio que en Galicia se disparou dende 2014
Dende mediados da segunda década do século, con factores como a intervención do Banco Central Europeo no mercado de débeda pública, principiou a recuperación económica e con ela, a vivenda no mercado libre, o cen por cen privado, tamén foi recuperando aos poucos. Moi lonxe, en todo caso, dos niveis previos a 2008. Pero a recuperación da vivenda protexida foi moito máis tímida, cando menos no caso galego. Ata dar lugar a datos coma o do pasado 2023, cando o mercado libre sumou no noso país 193 novas vivendas rematadas por cada novo piso protexido.
A derradeira sesión de control no Parlamento antes da fin do primeiro período de sesións foi reflexo, este pasado mércores, do peso político renovado da cuestión durante as preguntas ao presidente da portavoz nacional do BNG. Ana Pontón reprochou a Alfonso Rueda a escaseza de novas vivendas protexidas nos últimos anos e o titular da Xunta reiterou a súa promesa de ata 4.000 nos vindeiros catro anos, o que na práctica suporía unha autoemenda a respecto da liña política do Executivo do PP dende 2009, mudanza alimentada en boa medida pola chegada dos fondos europeos de recuperación.
Nos anos 90 en Galicia rematábanse 4 vivendas libres por cada nova vivenda protexida. Entre 2000 e 2008 multiplicábanas por 10. En 2015 chegaron a ser 566 veces máis
Como amosa o gráfico que encabeza esta información, o gran desequilibrio entre novas vivendas no mercado libre e novas vivendas protexidas comeza en Galicia no ano 2014. A serie histórica dispoñible, que comeza en 1991, amosa como na década dos 90 do século pasado se remataban unha media de algo máis de 4 novas vivendas 100% privadas por cada novo piso protexido.
Este valor medio disparouse na década seguinte: entre 2000 e 2008 os pisos do mercado libre multiplicaron por dez os novos pisos protexidos en Galicia. Pero a correlación quedou desacompasada de vez hai agora dez anos. En 2014 houbo 61 veces máis pisos libres que protexidos rematados e en 2015 foron 566 veces máis. Tras unha breve paréntese en 2016, a deriva continuou no seguinte trienio: entre 2017 e 2019 quedaron finalizadas en Galicia, de media, 370 vivendas libres por cada vivenda protexida rematada.
O seguinte trienio, de 2020 a 2022, as cifras foron máis discretas (unha media de 15 vivendas libres por cada nova vivenda protexida). Pero en 2023 volveu dispararse a correlación ata as devanditas 193.
As cifras de ambos mercados
Entre 2015 e 2023 quedaron rematadas en Galicia 750 vivendas protexidas e 18.705 do mercado libre
Como amosan os gráficos que ilustran a presente información, a enorme disparidade entre novas vivendas libres e novas vivendas protexidas non vén dada por que o mercado privado retornase, nin de lonxe, aos niveis previos á burbulla, cando chegaron a quedar rematadas arredor de 30.000 novos pisos cada ano no circuíto inmobiliario alleo á protección pública. A causa fundamenta é a caída en picado da vivenda protexida.
Así, tomando como referencia o 2015 para sinalar o comezo da fin da crise económica que estou en 2008, é posible observar como en Galicia foron quedando rematadas unha media anual algo superior ás 2.000 vivendas libres. Mentres, este mesmo valor medio cae no eido da vivenda protexida ata as 83 por ano. En números absolutos, entre 2015 e 2023 quedaron rematadas en Galicia 750 vivendas protexidas e 18.705 do mercado libre.
Ao ollarmos polo miúdo as cifras da vivenda protexida distínguense ata tres anos neste período con menos de dez vivendas protexidas rematadas en Galicia e cinco exercicios con menos de vinte. O balance do último ano completo, o 2023, é de 129 vivendas protexidas iniciadas en Galicia e as devanditas 14 rematadas, segundo datos do Ministerio de Vivenda que recolle o Instituto Galego de Estatística.
Cambio de rumbo dende niveis ínfimos e con forte demanda
O Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida contén máis de 17.000 solicitudes, a metade en Vigo e A Coruña. A conselleira reitera a promesa de 4.000 vivendas protexidas nesa lexislatura e sinala como mostra proxectos en marcha en varias cidades
A práctica desaparición da nova vivenda protexida no mercado galego, aínda máis agudizada no caso dos pisos con algún réxime de protección en réxime de alugueiro -con varios anos a cero-, fai que a declarada intención de cambiar de rumbo por parte da Xunta parta de niveis ínfimos e afronte unha demanda disparada. Malia á caducidade das solicitudes -a lei marca que expiran aos tres anos se non son renovadas-, con data deste 10 de xullo de 2024 había no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida un total de 17.302 nas diversas modalidades de protección. Case a metade das solicitudes, un total de 8.574, acumúlanse nas dúas principais cidades galegas: 5.781 en Vigo e 2.793 na Coruña.
Na Coruña, precisamente, reiteraba este mércores a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue algúns dos plans do seu departamento na materia durante o inicio das obras dun novo edificio de 40 pisos de promoción pública no barrio de Xuxán. Nesa contorna están previstas "preto de 1.500 vivendas protexidas", indica Vivenda sobre unha área na que o Concello coruñés lanzou o pasado xuño o contrato para construír 50 pisos públicos que destinará a alugueiro.
Xunto á Coruña, nos últimos días a Xunta tamén sinalou proxectos en marcha como 74 vivendas protexidas no barrio pontevedrés de Valdecorvos, onde están previstas un total de 515 (358 promovidas pola Xunta e 157 protexidas, pero de promoción privada). Ou 58 en Navia (Vigo), polígono en cuxa ampliación están contemplados uns 1.600 pisos con algún réxime de protección.
Pontón recea de que o Goberno do PP "vaia facer nunha lexislatura o que non fixo en 15 anos": "As mentiras enchen o Telexornal, pero non axudan as familias a ter unha vivenda"
A conselleira encadra estes proxectos na promesa global de "duplicar nesta lexislatura o número de vivendas públicas". O horizonte, agrega, é "acadar as 8.000 e facilitar solo residencial para construír 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres".
Tras a práctica desaparición da vivenda protexida en todas as súas modalidades durante anos, dende as bancadas da oposición acóllense estes anuncios e as cifras globais das promesas con suma prevención. O Goberno do PP, di Pontón, di que "vai facer nunha lexislatura o que non fixo en 15 anos". E polo momento, considera a líder do BNG, "as mentiras enchen o Telexornal, pero non axudan as familias a ter unha vivenda".