Os alugueiros dispáranse: na Galicia urbana un terzo das familias dedica máis do 40% dos ingresos ao seu pagamento

Evolución do prezo medio dos novos alugueiros en Galicia dende o ano 2018 ©

A vivenda converteuse nos últimos ano nun dos principais problemas de Galicia, especialmente para as novas xeracións. Todos os indicadores amosan que hai pouco inmobles dispoñibles (a pesar de que nas sete cidades galegas hai máis de 90 mil baleiros) e que estes son cada vez máis caros, con prezos que supoñen para moitas persoas un obstáculo insalvable para acceder ao dereito constitucional a unha vivenda digna.

O Banco de España alerta no seu último informe de que o 35% dos fogares realizan un "sobreesforzo" para pagar o alugueiro nas cidades galegas

O último informe anual do Banco de España, correspondente ao ano 2023, alerta de que un 35% das familias que viven nas cidades galegas dedican máis do 40% dos seus ingresos ao pagamento do alugueiro da súa vivenda, un esforzo excesivo, que supera a proporción máxima de recursos que se recomenda dedicar a este fin. A porcentaxe, iso si, non chega aos niveis de Madrid, Andalucía, Baleares ou Cataluña, onde máis da metade das familias atopa estas dificultades para pagar o alugueiro. 

Na periferia das áreas urbanas galegas a porcentaxe de familias que realizan un sobreesforzo económico para pagar o alugueiro é algo menor (algo máis do 30%) e xa fóra das áreas urbanas, a proporción cae ata case o 20%.

Segundo o Observatorio da Vivenda, dependente da Xunta, os novos contratos de alugueiro son hoxe un 30% máis caros que hai seis anos. Idealista eleva aínda máis esta porcentaxe, ata o 40% de incremento

De igual xeito, a pasada semana o Banco Central Europeo publicou un artigo no seu último boletín económico no que analiza o incremento nos gastos da vivenda en todos os países da UE. A entidade considera "motivo de preocupación" as crecentes dificultades que as familias teñen para facer fronte a estes gastos básicos e, en relación, ao Estado Español, considera que as vivendas son un 14% máis caras do que os fogares poden pagar. O BCE advirte especialmente das dificultades que presentan os fogares de baixos ingresos e alerta de que está a incrementarse a porcentaxe de familias que non son quen de pagar a tempo o seu alugueiro mensual ou a cota da súa hipoteca.

Os datos en Galicia, no que atinxe aos custos dos alugueiros, amosan un encarecemento continuado dos prezos dos novos contratos, unha suba moi por riba do IPC e do incremento dos salarios. Todos os indicadores dispoñibles, tanto públicos coma privados informan destes prezos disparados, especialmente nas grandes cidades e, sobre todo, se os datos se limitan a analizar os cambios nos novos alugueiros (é dicir, nos novos contratos asinados).

Se tomamos como referencia unicamente o último ano e medio, dende o ano 2022, as subas son igualmente importantes e móvense entre o 10% e o 15% nos datos do Observatorio e entre un 15% e un 20% nos que Idealista

Segundo o Observatorio da Vivenda, dependente da Xunta, os novos contratos de alugueiro son hoxe un 30% máis caros que hai seis anos. Ferrol, Santiago e A Coruña rexistran as subas máis importantes, próximas ao 40%. O portal inmobiliario Idealista mesmo eleva un pouco este encarecemento dende o ano 2018, con subas que en Santiago e Lugo superan o 50% e que superan o 30% en todas as cidades.

Se tomamos como referencia unicamente o último ano e medio, dende o ano 2022, as subas son igualmente importantes e móvense entre o 10% e o 15% nos datos do Observatorio e entre un 15% e un 20% nos que Idealista. 

Segundo o Observatorio da Vivenda, a media dos novos alugueiros supera xa os 650 euros mensuais na Coruña e rolda os 620 en Vigo. Santiago e Pontevedra achéganse aos 600

O Índice de Prezos da Vivenda de Alugueiro, que elabora o Ministerio de Vivenda a partir de datos fiscais, é máis exhaustivo, pois ten en conta todos os arrendamentos, tamén aqueles que hai tempo que non mudan o seu custo mensual ou os renda antiga. É un indicador máis completo sobre o conxunto dos alugueiros pero infravalora os incrementos nos prezos cos que se atopan as persoas que están a buscar unha nova casa na que vivir. En todo caso, mesmo este indicador rexistra subas nas sete cidades galegas entre os anos 2018 e 2022 (último ano dispoñible) que roldan o 10%.

De que prezos estamos a falar? Canto se está a pagar ao mes polo alugueiro dunha vivenda nos novos contratos asinados nas cidades galegas? Segundo o Observatorio da Vivenda, a media dos novos alugueiros supera xa os 650 euros mensuais na Coruña e rolda os 620 en Vigo. Santiago e Pontevedra achéganse aos 600. Ourense, Lugo e Ferrol seguen a presentar prezos por debaixo da media galega, entre os 470 e os 490 euros mensuais.

Na actualidade cada persoa debe entregar sete anos de salario completo para facer fronte a unha hipoteca tipo. O dato está aínda moi por debaixo do que chegou a acadar no momento do estoupido da burbulla inmobiliaria (13 anos de salario), pero supón un importante incremento dende os 5,5 anos que había que dedicar de media no ano 2021

O indicador de Idealista achega os seus datos en euros por metro cadrado, con valores que superan os 10 euros por metro cadrado en Vigo e A Coruña. Un piso tipo duns 86 metros cadrados (o valor mediano dos inmobles en edificios colectivos segundo o Ministerio de Vivenda) achegaríase deste xeito aos 850 euros ao mes. Santiago e Pontevedra móvense entre os 8 e os 9 euros por metro cadrado, uns 700 euros por vivenda. E Ourense e Lugo fican en 7 euros o metro cadrado (600 euros), por 6 euros en Ferrol (550 euros).

Os indicadores que periodicamente publica o Banco de España informan tamén do crecente esforzo económico que unha persoa debe afrontar para poder acceder a unha vivenda en propiedade, con prezos en auxe aos que se une o encarecemento das hipotecas. Na actualidade cada persoa debe entregar sete anos de salario completo para facer fronte a unha hipoteca tipo. O dato está aínda moi por debaixo do que chegou a acadar no momento do estoupido da burbulla inmobiliaria (13 anos de salario), pero supón un importante incremento dende os 5,5 anos que había que dedicar de media no ano 2021.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.