Máis pisos turísticos, menos para alugar: as cidades galegas, escenario da presión que limita o acceso á vivenda

Cartel dun inmoble en alugueiro na Illa de Arousa CC-BY-SA Praza.gal

Nas cidades galegas hai 1.435 vivendas dispoñibles para alugar fronte a 4.869 vivendas de uso turístico. É dicir, os pisos turísticos triplican nestes momentos o número das vivendas de alugueiro, cando hai tan só dous anos o seu número era equivalente

A falta de vivenda para alugar tense convertido nun dos grandes problemas de Galicia, nomeadamente para as xeracións máis novas, as que acaban de trasladarse a outra localidade e, en xeral, as que non poden permitirse ou non queren optar por adquirir unha vivenda en propiedade. O parque de vivendas de alugueiro é moi limitado e nos últimos anos foi descendendo de forma continuada, o que ademais provocou un incremento do prezos de case o 40% dende o 2017, especialmente nas cidades. O parque de vivenda pública é, ademais, moi limitado.

A realidade (as persoas que buscan piso para alugar sábeno ben) é que as posibilidades de arrendamento son escasas, caras e moitas veces presentan grandes deficiencias. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) publica de xeito periódico informes que cuantifican e analizan o parque de vivenda dispoñible para o seu alugueiro. Os seus últimos datos, difundidos nos últimos días, indican que en toda Galicia o número de inmobles que poden ser alugados limítase a 2.780, unha cifra moi cativa e que, ademais, está en descenso dende os 3.550 de hai dous anos.

Aínda que os pisos turísticos non son os responsables únicos da carencia de alternativas de arrendamento (cómpre ter en conta o problema dos milleiros de inmobles baleiros existentes no país), cando unha vivenda entra no circuíto turístico queda fóra do acceso para as persoas que queren un lugar para vivir de forma estable

En paralelo, nos últimos tempos vimos asistindo a outro proceso necesariamente relacionado: o incremento das vivendas de uso turístico en Galicia, que nestes dous últimos anos aumentaron sobre todo nas cidades. Segundo o rexistro obrigatorio creado pola Xunta para permitir esta actividade económica, en todo o país funcionan neste momento ao redor de 22.000 destes establecementos, oito mil máis dos existentes hai dous anos, unha cifra na que non entra un número indeterminado de vivendas que operan de forma ilegal.

Aumentan as vivendas turísticas (de alugueiro para estadías curtas) e descende o número de inmobles dispoñibles para alugueiro tradicional, é dicir, para estadías longas e estables. Hai relación? Dende logo, trátase de vasos comunicantes e, aínda que os pisos turísticos non son os responsables únicos da carencia de alternativas de arrendamento (cómpre ter en conta o problema dos milleiros de inmobles baleiros existentes no país), cando unha vivenda entra no circuíto turístico queda fóra do acceso para as persoas que queren un lugar para vivir de forma estable.

En case todas as urbes (coa única excepción de Lugo) reduciuse nestes dous anos o número de vivendas dispoñibles para o seu alugueiro. A caída foi especialmente importante na Coruña, Ourense e Vigo, con descensos próximos ao 50%.

É certo que unha parte importante deses 22.000 pisos turísticos están situados en localidades turísticas (nomeadamente no litoral), onde a demanda de aloxamentos estables non é tan elevada. Porén, a presión das vivendas de uso turístico nótase especialmente nas cidades, cunha poboación nova máis numerosa, con estudantado universitario na procura de aloxamento e tamén cunha maior mobilidade por motivos laborais que obriga a moitas persoas que acaban de se trasladar a buscar unha vivenda que non sempre existe. E, se existe, moitas veces só está dispoñible para alugueiro por días ou semanas.

Os datos das sete cidades galegas son moi claros a este respecto. No conxunto das sete urbes hai nestes momentos 1.435 vivendas dispoñibles para alugar (segundo os datos de FEGEIN) fronte a 4.869 vivendas de uso turístico (segundo os datos da Xunta). É dicir, os pisos turísticos triplican nestes momentos o número das vivendas de alugueiro, cando hai tan só dous anos o seu número era equivalente (2.410 vivendas para alugueiro e 2.741 pisos turísticos).

Non só se está a producir un trasvase dunha actividade económica a outra, senón que, ademais, os alugueiros turísticos están a mobilizar unha parte do parque de vivenda baleira que ata agora non estaba no mercado

Aumentan os pisos turísticos e descenden as vivendas para alugar, aínda que a estatística amosa que o incremento dos primeiros é máis importante, o que indica que non só se está a producir un trasvase dunha actividade económica a outra, senón que, ademais, os alugueiros turísticos están a mobilizar unha parte do parque de vivenda baleira que ata agora non estaba no mercado.

A dinámica é moi semellante en todas as urbes, cando menos no que atinxe ao incremento acelerado das vivendas turísticas nos dous últimos anos. En Vigo, por exemplo, pasaron de 691 a 1.600 dende o 2022, na Coruña duplicáronse neste tempo (de 577 a 1.180) e en Ourense e Ferrol o aumento foi de máis do 80%. Lugo e Pontevedra tiveron tamén subas moi importantes e só Santiago, que leva anos contendo o ascenso dos pisos turísticos, rexistrou un aumento moi limitado (de 724 a 811). Compostela, con todo, era a urbe máis saturada deste tipo de establecementos, o que seguramente reduciu as posteriores subas.

Aviturga fai fincapé no gran número de inmobles deshabitados existentes en Galicia e apunta que o problema non pode estar no preto de 22 mil pisos turísticos rexistrados legalmente

Ao tempo, en case todas as urbes (coa única excepción de Lugo) descendeu nestes dous anos o número de vivendas dispoñibles para o seu alugueiro. A caída foi especialmente importante na Coruña, Ourense e Vigo, con descenso próximos ao 50%. En Vigo e A Coruña, segundo os datos de FEGEIN, hai nestes momentos unicamente 420 e 350 vivendas para alugar.

Lugo sería a excepción, pois segundo os datos de FEGEIN, o número de vivendas dispoñibles para alugar non variou nos últimos dous anos. Tampouco variou en exceso en Compostela, segundo esta estatística, pois a cifra pasou de 200 a 175 inmobles.

 

A posición dos propietarios de vivendas turísticas

Dende a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA), entidade que representa os propietarios de pisos turísticos no país, vén defendéndose que o crecemento desta actividade económica e a conversión de inmobles en vivendas de uso turístico non inflúe na redución do parque de alugueiro. 

Aviturga ou o Colectivo de Pequenos Propietarios de Vivendas de Uso Turístico de Compostela buscan a comprensión da cidadanía sobre a súa actividade económica, rexeitando que a saturación de pisos turísticos leve aparelladas molestias para a veciñanza ou que limite do dereito de acceso a unha vivenda digna

A entidade fai fincapé no gran número de inmobles deshabitados existentes en Galicia (ao redor de medio millón, o 29% do total, segundo as cifras do último Censo), apuntando que o problema non pode estar no preto de 22 mil pisos turísticos rexistrados legalmente. Aviturga defende que é da mobilización deste conxunto de inmobles baleiros de onde debe saír a solución á falta de vivenda de alugueiro. 

Nos últimos tempos entidades como Aviturga ou o denominado Colectivo de Pequenos Propietarios de Vivendas de Uso Turístico de Compostela están a poñer en marcha campañas coas que buscan a comprensión da cidadanía sobre a súa actividade económica, rexeitando que a saturación de pisos turísticos leve aparelladas molestias para a veciñanza ou que limite do dereito de acceso a unha vivenda digna. Neste senso os propietarios composteláns din ser "conscientes do problema de vivenda que teñen nas cidades as persoas máis desfavorecidas economicamente" e "tamén a mocidade", pero sinalan "é responsabilidade das distintas administracións construír vivenda social para alugueiro".

Interesouche esta información?

Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.