A proliferación de pisos turísticos é un feito en todas as contornas turísticas de Galicia. Só atendendo ao rexistro oficial da Xunta, este 2024 comezou con case 22.000 destes negocios operando e un crecemento interanual de case o 30%. Esta suba, non obstante, é menor en comparación coas rexistradas nalgúns puntos quentes como as cidades da Coruña ou Vigo, con subas interanuais superiores ao 60%.
No rexistro da Xunta constan máis de 800 pisos turísticos en Santiago, onde foron impulsadas limitacións a este negocio xa en 2023. A cifra sitúase só por tras das de Sanxenxo, Vigo e A Coruña
En Santiago tamén aumentaron as vivendas turísticas inscritas no rexistro da Xunta, aínda que en menor medida que noutras urbes. Fixérono arredor dun 10%, ata principiar 2024 con 811 destes pisos que ofertan algo máis de 4.000 prazas. Fixérono tras un 2023 no que, na recta final do anterior mandato municipal, foran aprobadas as novas limitacións do Concello compostelán a esta actividade económica para "evitar a desaparición" da vivenda habitual onde máis se concentran, xustificara o anterior goberno municipal (PSdeG).
Actualmente, mentres o actual goberno do Concello (BNG-CA) ultima unha ordenanza ao respecto nun contexto de encarecemento e escaseza de vivenda, especialmente de alugueiro, os propietarios destes negocios din ser vítimas dunha "campaña de desprestixio". E por iso buscan apoio veciñal porta a porta.
Nos últimos días, o denominado Colectivo de Pequenos Propietarios de Vivendas de Uso Turístico de Compostela distribuíu pola cidade un panfleto "á atención da veciñanza" para afirmaren que "por distintas razóns, decidimos adicar as vivendas que adquirimos cos nosos aforros ao alugueiro de curta duración" e agora están sendo "moi prexudicados" pola devandita "campaña". Por tras, manteñen, están "distintos sectores, entre outros, grandes cadeas hoteleiras".
Os propietarios distribúen un panfleto no que atribúen a "entre outros, grandes cadeas hoteleiras" o aumento dos "prexuízos" na súa contra e expoñen argumentos como que os turistas "en xeral, retíranse cedo e madrugan" ou que manter os seus apartamentos xera "moitos gastos"
Manteñen estes propietarios que o seu negocio "repercute na economía da cidade" en eidos como a limpeza ou as xestorías mentres que "os beneficios das grandes cadeas hoteleiras teñen menos eco" e son "establecementos con sede fóra de Galiza e mesmo fóra de España". Agora, acusan, os "promotores desta guerra" pretenden "enfrontar coas comunidades de veciños" mediante "falsos prexuízos que ocasionan os turistas". Pero, aseguran, acordar "limitacións estatutarias" aos pisos turísticos nos edificios "derivan nunha perda de valor das propiedades".
Que os turistas en Santiago "en xeral, retíranse cedo e madrugan", que non se aloxan "coa intención de molestar" ou que "un apartamento turístico non supón máis gastos para a comunidade" son algúns dos argumentos adicionais destes propietarios, quen advirten de que "o coidado dos nosos apartamentos require moito esforzo" e "e xera moitos gastos". Ademais, agregan, "cómpre levar rexistro de todas as persoas que se aloxan e trasladalo puntualmente á Policía", o que "garante a seguridade".
Eles, conclúen, son "conscientes do problema de vivenda que teñen nas cidades as persoas máis desfavorecidas economicamente" e "tamén a mocidade", pero "é responsabilidade das distintas administracións construír vivenda social para alugueiro" no canto de "pendurarse medallas a costa dos pequenos propietarios que investiron gran parte do que tiñan e mesmo do que non tiñan en adecentar as súas vivendas", aseguran.
Os propietarios piden que a futura ordenanza municipal para o sector "non prexudique a un pequeno propietario que mañá podería ser vostede", afirman na comunicación divulgada á veciñanza da cidade
"Solicitamos a súa comprensión e pedímoslle que na medida do posible difunda esta nosa mensaxe para axudarnos a conquerir que desde o Concello se aproben unhas ordenanzas que non prexudiquen a un pequeno propietario que mañán podería ser vostede", finaliza a mensaxe. Nas últimas semanas a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, sinalou, en resposta ás reclamacións do PSdeG local, que a futura ordenanza está pendente de informes xurídicos e urbanísticos, pero que verá a luz proximamente.
Malia á devandita limitación e á espera da ordenanza, Santiago é actualmente o cuarto concello galego con máis pisos turísticos inscritos no rexistro da Xunta, só superado por Sanxenxo (2.761 a 1 de xaneiro), Vigo (1.600) e A Coruña (1.180). Tras os 811 de Compostela están os 652 do Grove, 619 en Cangas e 587 en Foz. Pontevedra, Barreiros, Poio, Vilagarcía ou Viveiro superan os 400, sempre segundo os datos do rexistro oficial do Goberno galego.