Santiago avanza na limitación dos pisos turísticos para "evitar a desaparición" da vivenda habitual

Vista xeral do casco histórico de Santiago e barrios da súa contorna dende as torres da Catedral © Concello de Santiago

Ás portas deste verán o número de pisos turísticos rexistrados legalmente na Xunta seguía en aumento ata igualar as prazas hoteleiras. Alén do balance global, a proliferación deste negocio en determinadas vilas e barrios turísticos aumenta a presión sobre o mercado da vivenda habitual en alugueiro. É o que sucede en Santiago, onde o debate político ao respecto se remonta a hai anos. Así, por exemplo, en 2018 o Concello tiña contabilizado un milleiro de pisos de uso turístico aínda que neste 2022 o rexistro oficial apunte a que son uns 700.

Con este pano de fondo e co aval de recentes sentenzas xudiciais ao respecto (tanto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como no Supremo), o pleno municipal da capital galega aprobou este luns por ampla maioría absoluta (os 10 edís do gobernante PSdeG xunto aos 5 de Compostela Aberta e as 2 do BNG) o trámite de nova exposición pública da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade para acoutar este tipo de actividades. A intención, defendeu durante o pleno a concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, é fixar "requisitos e límites" que "eviten a desaparición do uso residencial".

Pleno no Concello de Santiago deste 12 de setembro de 2022, que aprobou a segunda exposición da modificación do PXOM para limitar os pisos turísticos © Concello de Santiago

A reforma, á que se opuxo o PP (8 edís), trae consigo mudanzas como restrinxir a instalación de vivendas aos baixos dos edificios residenciais "que contan cun mínimo de cinco andares" ou ao seu primeiro andar, nos que teñen cando menos seis. Segundo consta na documentación divulgada polo consistorio compostelán esa será a regulamentación para as denominadas "zonas sensibles", nas que "se considera prioritario e imprescindible que o uso residencial manteña a súa condición de uso maioritario", ademais de manter a prohibición destas vivendas na cidade histórica, ratificada hai catro anos. No resto, non existirá esa restrición ligada ao número de andares.

A reforma do plan urbanístico, aprobada por ampla maioría absoluta e a única oposición do PP, fixa requisitos como restrinxir as vivendas turísticas a baixos e primeiros andares. Trátase, defende o goberno local, de procurar que a cidade non vire en "mero destino para visitar"  sen ser "lugar para vivir"

Entre as novidades destaca tamén a posibilidade de alugar vivendas habituais para uso turístico durante un período limitado do ano, na liña do que pretendeu ser o espírito inicial de empresas do sector como Airbnb. Haberá posibilidade de facelo por un máximo de 60 días ao ano, "sempre que o resto do tempo a vivenda se destine a residencia habitual", sinala o Concello de Santiago no documento de preguntas e respostas editado para divulgar os contidos da modificación.

Defende Rosón que o obxectivo desta modificación non é "prohibir" esta actividade, senón regulala despois de que "o incremento de vivendas destinadas a usos turísticos nos últimos anos puxese de manifesto, como en outras cidades de grande atractivo turístico, que este fenómeno supón unha alteración da esencia mesma da cidade como lugar no que habitar" ata derivar en "meros destinos que visitar, non en lugares para vivir". Tamén dende o goberno local o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, puxo o foco en que as vivendas turísticas son unha actividade económica -a plataforma do sector, que se manifestou no exterior e interveu no pleno, négao- e a existencia de ata cinco sentenzas do TSXG que avalan a decisión.

Campaña de concienciación fronte aos pisos turísticos ilegais en Santiago (2018) © Concello de Santiago

Pola banda dos grupos da oposición que apoiaron a medida, Compostela Aberta coida que en boa medida o actual goberno do PSdeG "continúa o camiño iniciado" polo anterior goberno, se ben considera que "perde a oportunidade" para "regular os usos comerciais" e así "parar a proliferación das tendas de souvenirs". O BNG concorda con esta consideración e mais bota en falta outras regulacións, como "establecer un límite de vivendas turísticas por propietario", se ben ve "evidente" a necesidade de regular a actividade na liña aprobada é evidente "para rematar coa inseguranza causada pola Xunta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.