As vivendas de uso turístico non poden alugar habitacións soas a visitantes, senón que a comercialización debe atinxir á totalidade do inmoble. O Tribunal Supremo vén de determinalo nunha sentenza que avala o ditame emitido hai dous anos polo TSXG e que confirmaba o disposto pola normativa galega en vigor dende o 2017.
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e a Administración Xeral do Estado recorreran a norma galega, avalada polo TSXG e agora polo Supremo
Nese ano a Xunta aprobou o Decreto 12/2017, que establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico. Nesa norma prohíbese a comercialización dos pisos turísticos por habitacións, obrigando a que se realice o alugueiro da vivenda ao completo: "A comercialización da vivenda turística deberá consistir na cesión temporal do uso e desfrute da totalidade da vivenda, polo que non se permite a formalización de contratos por cuartos ou a coincidencia dentro da vivenda de usuarios que formalicen distintos contratos".
Esta disposición foi recorrida pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e a Administración Xeral do Estado. Porén, o TSXG avalou a norma galega, nunha sentenza ditada en febreiro de 2018. Posteriormente, o asunto foi elevado ante o Tribunal Supremo, que ditou unha primeira sentenza en outubro de 2019, que si estimou parcialmente o recurso do Estado e da CNMC e anulou dous artigos (o 4.2 e o 5.1, primeiro parágrafo, segundo inciso) do Decreto.
A posibilidade de alugar habitacións soas existe na ordenación de Galicia tanto nas modalidades tradicionais de aloxamento (hoteis, pensións...) como en alugueiros particulares fóra da normativa turística
Con todo, a Axencia Turismo de Galicia expuxo incidente de nulidade contra esa sentenza do Supremo por entender que non tivera en consideración a Lei 7/2011 de Turismo de Galicia, o que foi estimado pola Sala por Auto de 19 de decembro de 2019, que declarou nula a citada sentenza desta Sala de 21 de outubro de 2019. Anulada a sentenza ditada no seu momento, procedía agora ditar unha nova sentenza. O alto tribunal entende agora que esa restrición regulamentaria conta cun expreso respaldo legal, xa que non na Lei de Arrendamentos Urbanos, si na propia lei galega de turismo.
Segundo recolle a sentenza, a Lei de Turismo de Galicia "non prohibe a cesión por habitacións, senón que a exclúe da normativa sectorial de ordenación do turismo". Isto é, que o titular dunha vivenda sempre podería arrendar habitacións illadas, só que ese contrato "non serían vivendas turísticas e non estarían suxeitas á regulación autonómica existente na materia". A posibilidade de alugar habitacións soas existe na ordenación de Galicia tanto nas modalidades tradicionais de aloxamento (hoteis, pensións e similares) como en alugueres particulares fóra da normativa turística.
Os pisos turísticos, en ascenso
A pesar da crise xerada polo coronavirus, o número de pisos turísticos rexistrados en Galicia non deixa de medrar. Entre o 1 de xaneiro e o 1 de maio deste ano 2020 o número total de establecementos rexistrados en Galicia pasou de 9.872 a 10.551, mantendo un ritmo de crecemento moi semellante ao dos dous últimos anos. Aumenta tamén o número de prazas totais ofertadas, que pasa de 50.134 a 56.986 en só catro meses. Esta cifra, ademais, supón que por primeira vez hai máis prazas de aloxamento en pisos turísticos legais que en todos os hoteis de Galicia (56.144).