O incremento progresivo no número de visitantes e o aumento no número de pisos turísicos, sobre todo nos cascos históricos de determinadas cidades, están a provocar importantes efectos sobre estas localidades e os seus habitantes. O retorno económico é importante, pero estes fluxos tamén xeran unha serie de prexuízos aos seus residentes, nomeadamente no campo da vivenda, que se encarece, levando a dinámicas de expulsión, e tamén no tecido comercial, que sofre fenómenos de monocultivo.
O Eixo Atlántico vén de dar a coñecer un informe que analiza o impacto das vivendas de uso turístico na morfoloxía dos concellos de Galicia e o Norte de Portugal
O Eixo Atlántico vén de dar a coñecer un informe, coordinado por Ana Luísa Ladeiras, que analiza o impacto das vivendas de uso turístico na morfoloxía dos concellos de Galicia e o Norte de Portugal. O documento recolle datos sobre o actual ecosistema turístico das principais cidades e vilas da eurorrexión, reflexións sobre as dinámicas que se están a producir e, finalmente, achega unha serie de propostas para garantir os dereitos dos residentes e a sostibilidade dos fluxos de visitantes.
O texto destaca que Porto e Santiago de Compostela, cidades turísticas e patrimonio da UNESCO, "son os polos de concentración da oferta de vivendas de uso turístico", como xa o eran na oferta hostaleira tradicional. Compostela, xunto coas Rías Baixas e A Coruña, concentran o 71% dos visitantes a Galicia. De feito, na urbe portuense o número de prazas ofertadas neste tipo de apartamentos xa supera á propia oferta hoteleira. en Compostela, pola súa banda, o número de cuartos e prazas en hoteis e pensións é aínda superior ao que se pode atopar nos pisos turísticos, cando menos nas cifras oficiais da Xunta.
"Foron detectadas situacións de tensión entre o desenvolvemento da actividade turística baseada nas vivendas de uso turístico e a calidade de vida dos residentes"
O propio informe fai referencia á dificultade para cuantificar con exactitude o número de vivendas de uso turístico existentes, dado que moitas se sitúan na economía mergullada, fuxindo da súa fiscalización e evitando pagar os correspondentes impostos. Os rexistros paralelos realizados o pasado ano polo Concello de Santiago detectaron un número de apartamentos moi superior aos contabilizados polo Goberno galego. Tamén Porto, a través da súa política cobro da taxa turística, levou a cabo accións (tanto pedagóxicas como de fiscalización) dirixidas ao combate deste fenómeno. E, igualmente, está a monitorizar das plataformas de comercialización destes aloxamentos, como destaca o informe.
Neste contexto, o documento do Eixo Atlántico destaca que "foron detectadas situacións de tensión máis ou menos evidentes entre residentes e turistas, entre o desenvolvemento da actividade turística baseada nas vivendas de uso turístico e a calidade de vida dos residentes". Sobre todo na cidade do Porto, onde o movemento 'O Porto não se vende' denuncia fenómenos de "asedio" e "bullying inmobiliario" contra os e as residentes de maior idade en determinados barrios e, igualmente, "o aumento exponencial do valor de venda e de aluguer dos inmobles do centro urbano de Porto". Alértase, igualmente, sobre o risco da "perda de autenticidade dos espazos" nos cascos históricos e da "escaseza da oferta de aloxamento estudantil".
Medidas propostas
O texto realiza finalmente unha serie de propostas de acción para os gobernos municipais, co obxectivo de "ordenar" o turismo e tentar evitar os efectos máis negativos da saturación de visitantes e de aloxamentos turísticos. "Os concellos deben ser capaces de actuar de forma eficaz e informada orientando o impacto da actividade turística nas súas cidades para a construción da morfoloxía urbana que asegure unha alta calidade de vida aos seus residentes e unha experiencia turística satisfactoria e única aos seus visitantes", sinala o documento.
O Eixo Atlántico recomenda que todos os concellos "aproben un plan de vivenda e un plan de turismo que recollan a realidade, propostas e políticas para as vivendas de uso turístico"
O Eixo Atlántico recomenda que todos os concellos "redacten e aproben un plan de vivenda e un plan de turismo que recollan a realidade, propostas e políticas para as vivendas de uso turístico dentro dunha realidade máis ampla residencial e turística. E, ademais, que conten cun "plan urbanístico actualizado e en vigor que recolla e ordene a particularidade do uso de vivenda turística e que a englobe nunhas políticas de vivenda xerais".
O documento do Eixo Atlántico alerta de que "en Galicia non existe ningún concello cun Plan Municipal de Vivenda aprobado e en vigor medianamente actualizado á realidade presente" e de que "en moitos dos concellos galegos non existe unha planificación urbanística actualizada e coherente cos requirimentos ambientais e de loita contra o cambio climático". Ademais, comenta que algúns concellos contan cun plan de turismo, pero sinala que "na maioría dos casos, non pasa de ser un plan de promoción, lonxe do que debe de ser un auténtico plan de ordenación turística municipal".
Pídese maior control para previr a fraude fiscal e políticas de ordenación dos pisos turísticos para evitar fenómenos de saturación
O informe salienta que as accións neste senso dos concellos portugueses "constitúen boas prácticas" que se poderían imitar para "orientar o impacto da actividade turística na morfoloxía urbana das súas cidades". Con todo, recoñece que as vilas lusas "dispoñen dun conxunto máis amplo de solucións para impulsar unha actividade turística sustentable no seu territorio".
Entre as medidas propostas están as seguintes:
- Aposta pola ordenación dos pisos turísticos na cidade: Limitación por zonas de cidade en función de saturación do mesmo xeito que veñen regulando as actividades de hostalaría nas zonas acusticamente saturadas. Limitación en función do visto e prace por parte dunha porcentaxe determinada de propietarios do edificio. Limitación do número de días/semanas/meses ao ano que se pode alugar unha vivenda para uso turístico. Limitación en función do número de vivendas turísticas que posúa un propietario determinado
- Un maior control fiscal desta actividade co obxectivo de previr a fraude fiscal. Destaca que cando os pisos turísticos non pagan impostos xérase unha tripla inxustiza, pois prímase este uso sobre o alugueiro permanente, prodúcese unha competencia desleal fronte a outros establecementos turísticos e, finalmente, esta actividade non contribúe ao pagamento dos servizos extraordinarios que a cidade debe afrontar polo maior número de visitantes.
Tamén se recomenda o desenvolvemento dunha política municipal de vivenda "especialmente enfocada aos colectivos máis desfavorecidos e que sofren maior dificultade de acceso á vivenda"
- Redireccionar as políticas de rehabilitación e rexeneración urbana actuais que poidan estar a incentivar o desprazamento da poboación residente fronte ao turista, primando o uso residencial fronte ao uso turístico.
- Declaración de certas actividades comerciais como saturadas en zonas ou rúas da cidade. Apoio e/ou beneficios fiscais á recuperación de inmobles comerciais sempre que a súa utilización futura corresponda a actividades de comercio tradicional.
- Ampliación e desenvolvemento dunha política municipal de vivenda "especialmente enfocada aos colectivos máis desfavorecidos e que sofren maior dificultade de acceso á vivenda".