A Illa de Arousa busca protexer o seu 'paraíso natural' con restricións para os coches dos turistas

Acceso á praia da Area da Secada, na que se introducen restricións ao aparcamento (na marxe esqueda e polas noites) para protexer a contorna e pemitir o paso de vehículos de emerxencia © Google

Dende este domingo a Illa de Arousa pon en marcha restricións ao acceso a determinados lugares de vehículos de turistas e visitantes, limitación que non afectarán ás persoas residentes na illa nin a aquelas que pernocten no lugar

Dende este domingo a Illa de Arousa pon en marcha restricións ao acceso a determinados lugares de vehículos de turistas e visitantes, limitación que non afectarán ás persoas residentes na illa nin a aquelas que pernocten no lugar. Así, establécese unha área de 45 rúas, que comprende o groso do núcleo principal da localidade, non que estes coches chegados do continente non poderán entrar, que si se poderán seguir movendo con liberdade polo resto do termo municipal. De igual xeito, poderán acceder á zona da Area da Secada e Punta Cabalo a través do Paseo do Cantiño.

O obxectivo é "mellorar a calidade de vida" dos veciños e veciñas do centro da localidade, que todos os anos -especialmente no verán- sofren o impacto negativo da excesiva presenza de vehículos no núcleo, en rúas estreitas que se atopan ao límite da súa capacidade e nas que a chegada dos turistas provoca colapsos. Búscase que estas vías teñan "un uso ordenado e racional que permita a coexistencia de veciños e visitantes".

Para conseguir que a medida se cumpra, o Concello puxo en marcha un sistema de lectura de metrículas que identificará os vehículos que teñen dereito ou non a circular polo espazo restrinxido. Aqueles coches non autorizados, serán sancionados cunha multa de 200 euros. 

Todos os clientes dos establecementos hoteleiros e das vivendas de uso turístico (se están legalmente rexistradas) poderán circular libremente por toda a illa

Afectará esta medida á turismo, que achega todos os anos importantes ingresos económicos para a poboación da Illa? Non debería. Todos os clientes dos establecementos hoteleiros e das vivendas de uso turístico (se están legalmente rexistradas) poderán circular libremente por toda a illa. 

E se un veciño recibe unha visita de fóra da illa ou dun profesional para facer unha reparación ou reforma na súa casa? Tampouco haberá problema, pois cada vivenda poderá dar de alta como autorizadas cinco matrículas cada mes, sen dar máis explicacións. De igual xeito, as empresas que accedan habitualmente a resolver avarías, por exemplo, estarán igualmente autorizadas. Tamén a carga e descarga estará libremente permitida en dous horarios, pola mañá e pola tarde.

A medida foi criticada polo PP, que di que pode prexudicar o turismo. O goberno de PSdeG e BNG defende as limitacións para "ordenar o tráfico en zonas concretas e residenciais" e "mellorar a calidade de vida" da veciñanza 

Sorprendentemente, a medida anunciada hai meses foi recibida con críticas por parte dalgúns veciños e veciñas, que veñen protagonizando protestas no salón de plenos, apoiadas polo PP, baixo o lema "Por todos os negocios e veciños, co noso traballo non se xoga". Os populares denuncian que o control dos vehículos dos visitantes (enténdese daqueles que non pernoctan na Illa) pode prexudicar o turismo. 

O goberno municipal, formado por PSdeG e BNG, defende a limitación. O alcalde, Luís Arosa, destaca que "a Illa está aberta a todo o mundo. O que se está facendo é ordenar o tráfico en zonas concretas e residenciais. A idea de que non se pode vir á Illa de Arousa é totalmente falsa e responde a intereses de quen pretende xerar confusión".

Punta Cabalo, na Illa de Arousa CC-BY-SA Holger Adams

O lugar soporta todos os anos unha importante presión turística e son habituais os atascos na única saída da illa, no momento de deixar as praias. Esta saturación tamén se percibe na zona da Area da Secada

A Illa de Arousa soporta todos os anos unha importante presión turística, tanto de persoas que se aloxan por uns días nos hoteis, vivendas de uso turístico e campings da localidade, coma sobre todo daqueles que se achegan para pasar o día nas súas praias. Neste senso, son habituais os importantes atascos na única saída da illa (a ponte que a conecta co continente), pois unha boa parte dos visitantes inicia o seu regreso ao mesmo tempo, no final da tarde.

Esta saturación tamén se percibe na zona da Area da Secada, unha fermosa praia con piñeiral que se atopa moi preto do tamén icónico faro de Punta Cabalo. O acceso a esta área, que forma unha península unida ao resto da illa, faise a través dunha estreita estrada que, ademais, é empregada para estacionar o vehículos nas súas dúas beiras. 

Na Area da Secada o Concello vai prohibir o estacionamento na marxe esquerda da estrada de acceso para permitir o paso dos vehículos de emerxencia, que nalgunhas ocasións ficaron bloqueados

Outra das medidas que vai poñer en marcha o Concello é a prohibición do estacionamento na marxe esquerda desta estrada, co obxectivo de protexer a contorna e sobre todo permitir o paso de vehículos de emerxencia, que ata agora algunhas veces ficaban bloqueados, como sucedeu con camións de bombeiros que acudían a apagar un incendio forestal. Tamén se prohíbe, nas dúas marxes, o estacionamento nocturno (de 12 da noite a 8 da mañá), para evitar que se empregue o lugar como aparcamento de longa duración para caravanas.

O Goberno municipal instalou lectores de matrícula na entrada e saída da zona da Area da Secada "para mellorar a seguridade viaria e protexer a contorna natural". Tamén anunciou que no lugar entrará en vigor no futuro unha zona azul de pagamento por horas. O Concello apela á colaboracion e responsabilidade de todas as persoas usuarias para o respecto a estas "medidas esenciais para mellorar a convivencia na zona e asegurar un acceso libre e seguro para todos, protexendo ademais o noso patrimonio natural".

Praia de Area da Secada (A Illa de Arousa) CC-BY-SA Imaxina novas

A partir o 1 de xullo o Concello porá en marcha un servizo de autobús con varias paradas para acudir ás praias da Area da Secada e tamén do Carreirón

Ademais, a partir o 1 de xullo o Concello porá en marcha un servizo de autobús con varias paradas para acudir ás praias da Area da Secada e tamén do Carreirón, no outro extremo da illa. O obxectivo é facilitar o acceso aos areais e desincentivar o uso do coche. A medida únese á posta en marcha de aparcamentos disuasorios gratuítos no lugar de Abilleira, que se suman aos que xa existían no Bao ou no centro da vila. 

Todo un conxunto de medidas que buscan facilitar ao máximo a estadía dos visitantes ao tempo que protexen o benestar dos residentes e o respecto ao paraíso natural que é A Illa de Arousa.

A Illa de Arousa CC-BY Gabriel González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.