8,2 millóns de visitantes: Galicia supera o récord histórico de viaxeiros en pleno debate sobre a taxa turística

Unha rúa de Santiago ateigada de visitantes © Ana Varela / Xunta

Durante o pasado ano Galicia recibiu 1,84 millóns de viaxeiros procedentes do estranxeiro, un 14% máis que no 2023. Tamén se disparou o seu gasto total: 2.676 millóns de euros, un 29% máis

2024 volveu ser un excelente ano para o sector turístico en Galicia, que bateu récords históricos de visitantes e ocupación en practicamente todos os indicadores. Este luns o INE deu a coñecer os datos anuais de movementos turísticos en fronteiras e de gasto turístico, que confirman a tendencia de crecemento xa apuntada por outras estatísticas.

Durante o pasado ano Galicia recibiu 1,84 millóns de viaxeiros procedentes do estranxeiro, un 14% máis que no 2023, que estivera xa a piques de bater o máximo histórico de 2019 (1,62 millóns), agora claramente superado.

Tamén se disparou o gasto total destes visitantes, que deixaron no sector turístico galego 2.676 millóns de euros, un 29% máis que no ano 2023, que xa supuxera un máximo histórico.

Segundo cálculos da Xunta, Galicia sumou ao longo do pasado ano 2024 máis de 8,2 millóns de visitantes aloxados en establecementos de todo tipo, tanto hoteleiros como vivendas de uso turístico, un crecemento do 14% en relación ao 2023 (7,02 millóns)

A pasada semana o Goberno galego xa anticipou algúns datos que indicaban a importancia do crecemento do sector. En total, segundo cálculos da Xunta, Galicia sumou ao longo do pasado ano 2024 máis de 8,2 millóns de visitantes aloxados en establecementos de todo tipo, tanto hoteleiros como vivendas de uso turístico, un crecemento do 14% en relación ao 2023 (7,02 millóns).

Todos os indicadores superaron xa claramente o paréntese obrigado pola pandemia de COVID nos anos 2020 e 2021 e superan amplamente os rexistros anteriores a 2019. Ademais, dende ese ano 2020 son xa cinco anos de notables incrementos porcentuais, tanto nas cifras de visitantes, coma de pernoitas e gasto total. Cómpre ter en conta que 2021 e 2022 foron Anos Xacobeos.

Os establecementos hoteleiros e extrahoteleiros sumaron case 6,8 millóns de pernoitas, aos que hai que sumar as noites contratadas en vivendas de uso turístico, que se situaron nos 6,3 millóns

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou que “o turismo na Comunidade galega está a medrar cuantitativa e cualitativamente”, subliñando ademais o "éxito" da "estratexia de internacionalización" do sector en Galicia.

En total, os establecementos hoteleiros e extrahoteleiros (albergues, campings casas de turismo rural, apartamentos turísticos regrados...) sumaron en 2024 case 6,8 millóns de pernoitas, acadando récords históricos tanto no número de viaxeiros estranxeiros coma dos procedentes do conxunto do Estado Español. 

Neste caso o incremento en relación ao ano 2023 non é tan importante en termos porcentuais (+4%) pero si o é o aumento dende os datos do ano 2022 (+31%) e en relación ao 2019 previo á pandemia de COVID (+70%).

Nos últimos meses varios concellos anunciaron a súa intención de implantar unha taxa turística

A estes datos hai que sumar as noites contratadas por viaxeiros en vivendas de uso turístico, que en 2024 se situaron nos 6,3 millóns, fronte aos 4,6 millóns do ano 2023. As noites contratadas en pisos turísticos triplicáronse nos últimos tres anos en Galicia.

Nos últimos meses varios concellos anunciaron a súa intención de implantar unha taxa turística, que se aplicará a todos os visitantes ou a aqueles que pernoiten na localidade. Así o fixo primeiro Compostela e posteriormente anunciaron O Grove e A Illa de Arousa e, a pasada semana, A Coruña. O obxectivo é acadar "un equilibrio entre o turismo e a corresponsabilidade", como destacou o concelleiro de Facenda da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, e tamén soster a prestación de servizos públicos durante o verán, cuxo custo se multiplica pola chegada de milleiros de visitantes a moitas localidades.

O número de visitantes recibidos polas Rías Baixas non deixa de medrar e acadou en 2024 un novo máximo histórico, con case catro millóns de pernoitas

Os datos do INE, que só ofrece indicadores detallados a nivel local sobre as noites contratadas en establecementos hoteleiros, amosan que o número de visitantes recibidos polas Rías Baixas non deixa de medrar e acadou en 2024 un novo máximo histórico, con case catro millóns de pernoitas. Superan amplamente os datos das Rías Altas. Tamén os da Costa da Morte e a Mariña, que en 2024 superaron igualmente o seu máximo histórico.

Santiago é a localidade galega que acolleu máis visitantes o pasado ano, con 1,6 millóns de pernoitas en establecementos hoteleiros, superando tamén o seu récord histórico

Santiago é a localidade galega que acolleu máis visitantes o pasado ano, con 1,6 millóns de pernoitas en establecementos hoteleiros, superando tamén o seu récord histórico. Por detrás aparecen Vigo, A Coruña e Sanxenxo, achegándose os tres concellos ao millón de noites contratadas, aínda que con cifras semellantes ás de 2019. Destacan igualmente os ascensos experimentados en 2024 por Lugo e Ribadeo.

Cómpre ter en conta que nestes datos non se teñen en conta os viaxeiros que se instalaron durante a súa visita en vivendas de uso turístico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.