Bosquexo da taxa turística na autoemenda do PP á Xunta: ata 2,5 euros e un máximo de cinco días

Turistas e peregrinos na compostelá Praza do Obradoiro o pasado setembro CC-BY-NC-SA Praza.gal

Co retorno do PP á Xunta hai década e media regresaron tamén as denominadas leis de acompañamento, un proxecto que o Goberno tramita cada ano paralelamente aos Orzamentos Xerais do exercicio vindeiro modificando dun só golpe decenas de leis e normas previas. Nos últimos anos veñen optando por darlle unha volta máis a ese controvertido procedemento lexislativo: a introdución de emendas do PP durante o trámite da lei de acompañamento que, segundo o caso, matizan ou mudan por completo o sentido dos cambios formulados polo Executivo escasas semanas antes.

O PP dá en concretar pola vía das emendas á lei de acompañamento algunhas das características da futura taxa turística, que nacerá bonificada ao 100% e os concellos interesados poderán cobrar coa forma de "recarga"

Cara ao ano 2025 a lei de acompañamento volveu abordar multitude de asuntos, dende a vivenda á enerxía eólica. E, un mes despois do seu rexistro, o Grupo Parlamentario Popular disponse a agregarlle 128 páxinas de emendas en cuestións diversas. Unha vintena delas bosquexan a taxa turística que a Xunta agora está disposta a permitir tras reiteradas reclamacións do Concello de Santiago. Faino despois de que, na súa versión inicial, a lei de acompañamento introducise pouco máis ca unha declaración de intencións política ao respecto, remitíndose a unha futura norma para concretar.

Membros do Goberno galego e do PP aplauden ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, durante o debate das emendas da oposición á totalidade dos Orzamentos para 2025, este 18 de novembro CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Coas emendas que agora insire o PP a lei da taxa turística non bota andar integramente como tal, pero no ordenamento xurídico galego xa haberá dende o 1 de xaneiro unha primeira estada legal ao respecto. Segundo o avanzado, a taxa nacerá como imposto de ámbito galego que a Xunta bonifica ao 100%, deixando nas mans dos concellos interesados o establecemento dunha "recarga" que será a taxa efectivamente cobrada cuns importes que non pasarán dos 2,5 euros diarios por estancia cun máximo de cinco xornadas.

O novo "imposto galego sobre as estadías turísticas" será formalmente un tributo propio da Xunta "que grava a especial capacidade económica das persoas físicas posta de manifesto pola súa estadía en calquera establecemento turístico". Atinxirá ás estadías en establecementos hoteleiros, apartamentos, vivendas e pisos turísticos, cámpings, casas rurais e albergues, así como aos cruceiros que fagan escala nun porto galego e non teñan Galicia como inicio ou fin do traxecto.

1,5 euros para pensións, hoteis dunha estrela e cruceiros

O rango máis baixo da nova taxa será un euro por día ou fracción en albergues, cámpings, casas rurais e apartamentos e vivendas turísticas. A continuación estaría a tarifa de 1,5 euros para pensións e mais para hoteis dunha estrela ou unha estrela superior, equiparados en importe da taxa ás "estadías en portos deportivos e embarcacións de cruceiro":

O seguinte rango na taxa serían 2 euros ao día en pisos "de uso turístico" -negocios legalmente distintos das vivendas e apartamentos turísticos- e nos hoteis de dúas a catro estrelas. Na categoría hoteleira de catro estrelas superior, cinco estrelas e cinco estrelas superior o pagamento sería o máis alto, de 2,5 euros por noite.

Ficarán fóra da taxa estadías por motivos de saúde ou competicións deportivas. As excepcións tamén atinxen a persoas menores de idade ou con discapacidade superior ao 65% ou aos albergues do Xacobeo

As emendas do PP á lei inicialmente formulada pola Xunta tamén especifican as excepcións do novo imposto. Quedarían exentas da taxa turística as estadías "por motivos de saúde" sempre que "quede xustificada a recepción de prestacións" no Sergas; as de deportistas federados "pola concorrencia a partidos de competición oficial" ou outras causas de forza maior.

Ademais, tampouco pagarán a taxa turística as "persoas menores de idade non emancipadas", todas as persoas con discapacidade igual ou superior ao 65% ou quen participen en estadías dentro de programas sociais -coma o Imserso- de calquera Estado membro da UE. Fican fóra, asemade, os albergues públicos do Xacobeo e os albergues xuvenís.

A "recarga" dos concellos, a taxa real

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, cos edís de Turismo e Facenda, reunidos con responsables de Facenda e Turismo da Xunta para abordar a taxa, o pasado 15 de novembro CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Aínda que o imposto sobre estadías turísticas sexa formalmente de ámbito galego, na práctica operará como un tributo municipal. O seu nacemento bonificado ao 100% pola Xunta provocará que a única recadación real pola taxa turística se produza nos concellos cuxos gobernos locais decidan aplicar o que as emendas do PP definen como "unha recarga municipal" sobre o imposto, que poderá chegar a ser de "ata un máximo do 100%" sobre "a cota íntegra do imposto antes de aplicar a bonificación".

O Concello de Santiago, que iniciou a demanda para poder aplicar a taxa turística, discrepa das condicións que impón a Xunta para un novo tributo que, na práctica operará como municipal aínda que formalmente se trate dun tributo galego

Deste xeito, os concellos que desexen aplicar a taxa turística non poderán cobrar máis dos devanditos importes e ademais, estarán obrigados a destinar o 80% do que recaden "a investimentos e gastos vinculados á promoción, impulso, protección, fomento e desenvolvemento do turismo sostible" en eidos como infraestruturas ou promoción. A Xunta impón ademais outras condicións aos concellos como regularen o tributo mediante unha ordenanza específica cuxo proceso de elaboración se abra á "participación e audiencia ás organizacións e asociacións representativas do sector turístico". 

Con este pano de fondo, o Concello que iniciou a demanda da taxa turística, Santiago, recea das formas empregadas polos populares para concretar a taxa, así como do mantemento das diversas condicións cando o realmente aplicado será a devandita "recarga". A alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, remítese en calquera caso a unha análise máis demorada das emendas do PP para avaliar o texto en profundidade, toda vez que o Concello non o recibiu ata "o venres ás 14 horas", menos de vinte e catro horas antes de que os populares o formalizasen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.