Os populares engaden no último momento 128 páxinas á lei de acompañamento dos Orzamentos con novas disposicións sobre os sectores eólico, turístico, mineiro, do xogo ou da dependencia, entre outros
Vivenda, eólico, turismo, minas, dependencia, convivencia escolar, xogos de azar, cargos a dedo, inundacións, investigación científica... A normativa galega desas e outras varias áreas vai mudar novamente ao presentar este sábado o PP 128 páxinas de emendas á lei de acompañamento dos Orzamentos para 2025 entregada pola Xunta no Parlamento hai menos dun mes, o 19 de outubro, coa que o Goberno galego xa ía mudar ducias de leis previas cunha tramitación acelerada e menor debate parlamentario. Agora, menos dun mes despois, os populares emendan a última hora o texto da Xunta para introducir ducias de novas modificacións.
Se xa é unha tradición desde o comezo dos gobernos de Feijóo que a Xunta aproveite os seus Orzamentos anuais para aprobar con menos debate e de xeito acelerado unha lei de acompañamento coa que muda todo tipo de normas previas, tamén comeza a ser tradición que as emendas de última hora do PP a esa lei non só a maticen senón que introduzan disposicións completamente novas e de alcance. Unhas reformas legais que, ao ser introducidas no último momento da tramitación a través das emendas dos populares, xa non poden ser á súa vez emendadas pola oposición, restrinxindo así o debate parlamentario.
O ano pasado esas emendas de última hora do PP á Xunta reactivaron o imposto de patrimonio como manobra fronte ao imposto estatal ás grandes fortunas. Hai dous anos deron máis facilidades a bingos e parques eólicos. Hai tres anos facilitaron nomeamentos a dedo e compensaron ás construtoras o encarecemento de materiais. E agora os propios populares poñen o foco no problema da vivenda, sector para o que xa prevían reformas no texto presentado pola Xunta hai menos dun mes (rebaixa de impostos a quen merque edificios para alugar pisos pero sen limitar o prezo do alugueiro, ou "aloxamentos compartidos" como vivenda "transitoria" para mocidade e familias).
Agora o PP introduce, para quen teña ata catro vivendas, incluída a habitual, e poña en alugueiro cando menos unha que leve baleira polo menos un ano, unha dedución no IRPF de 500 euros por vivenda. Permitiralles que cobren ata 700 euros ao mes de alugueiro.
Igualmente, habilita deducións nos gastos derivados de adecuación dun inmoble baleiro para destinalo a arrendamento como vivenda e segue facilitando a conversión de locais comerciais en vivendas.
Novas mudanzas no sector eólico
No sector eólico a repotenciación non afectará a parques con menos de 10 aeroxeradores e o novo canon eólico cobrarase segundo a altura dos aeroxeradores
No sector eólico, onde veñen mudando a normativa cando menos unha vez ao ano, os populares levan semanas anunciando a súa intención de esixir a repotenciación dos parques xa existentes máis antigos para reducir o número de aeroxeradores substituídos por outros que xeren máis electricidade. Agora as súas emendas limitan esa medida deixando fóra os parques eólicos con menos de 10 aeroxeradores.
Tamén se limita o anuncio de que os novos parques eólicos deberán comprometer cando menos a metade da súa electricidade nas súas zonas de influencia. Será así só para os novos parques que se queiran instalar nas áreas de desenvolvemento eólico (ADE) delimitadas no actual plan eólico mentres a Xunta non aprobe a súa anunciada nova planificación, á que renunciou durante os últimos 15 anos. Unha medida similar se implanta tamén para hidroeléctricas que rematen o seu prazo de concesión.
As emendas tamén concretan a igualmente anunciada mudanza do canon eólico, que leva 15 recadando a mesma cantidade malia aumentar o número de parques e concellos afectados. Se antes se pagaba por número de aeroxeradores en cada parque, agora gravarase a suma das alturas dos aeroxeradores existentes en cada parque a razón de 75 euros por metro.
Noutros eidos, as emendas do PP tamén regulan a taxa turística para os concellos que queiran aplicala establecendo un abano de entre 1 e 2,5 euros ao día en función das estrelas dos aloxamentos e ata un máximo de 5 días, período a partir do cal non se aboará a taxa..
As emendas do PP aos Orzamentos tamén aumentan en 400.000 euros as axudas a partidos políticos, medida que se presenta como un "axuste" en función da inflación
Os populares tamén inclúen, para evitar asolagamentos, sancións ou imposición de obras de retirada a quen obstaculice zonas de servidume dos ríos, reforman a tramitación da lei de dependencia ou fan aínda máis flexible o nomeamento de cargos a dedo e a instalación de máquinas de xogo na hostalaría, entre outras moitas medidas.
Ademais destas e outras reformas legais a través das súas emendas á lei de acompañamento, o PP tamén corrixe a Lei de Orzamentos para 2025 para aumentar as axudas a partidos políticos en 400.000 euros, medida que defenden como un "axuste" á evolución da inflación