O imposto estatal de solidariedade só se cobra nas comunidades que rebaixaron o imposto do patrimonio, polo que agora a Xunta rectificará parcialmente a súa bonificación do tributo galego para que o estatal non teña efecto
O imposto do patrimonio págano en Galicia unhas 8.000 persoas que posúen, a grandes liñas, máis de 3 millóns de euros. Segundo os últimos datos dispoñibles da Axencia Tributaria, en 2021 acumulaban entre todas máis de 57.000 millóns de euros polos que pagaron 79 millóns.
En 2022 Feijóo bonificou nun 25% a contía final a pagar por cada contribuínte e en 2023 Rueda elevou ese perdón ata o 50%. Outras comunidades autónomas perdoan aínda máis porcentaxe, polo que o Goberno de España aprobou hai un ano o denominado imposto de solidariedade ás grandes fortunas. Un tributo que naceu como temporal pero que agora o Estado estuda manter, que grava os patrimonios de xeito progresivo -1,7% entre 3 e 5 millóns, 2,1% entre 5 e 10 millóns e 3,5% a partir dos 10 millóns- e que o Tribunal Constitucional vén de avalar, en contra do que pedía a Xunta, ao consideralo "complementario" do imposto do patrimonio cedido ás comunidades.
Porque o imposto estatal aplícase ao patrimonio que non resultase gravado polas rebaixas das comunidades, de xeito que os contribuíntes do imposto de solidariedade das grandes fortunas "só tributan pola parte do seu patrimonio que non fose gravado pola súa comunidade autónoma no imposto sobre o patrimonio". Isto é, "descóntase do pago deste novo imposto o abonado no imposto sobre o patrimonio". Isto fixo que no seu primeiro ano de aplicación ese imposto estatal afectase en Galicia a unha pequena parte dos contribuíntes afectados polo imposto do patrimonio, 91 persoas que pagaron 9,8 millóns de euros.
Agora, ante a decisión do Constitucional de avalar o imposto estatal, o PP vai emendar os Orzamentos da Xunta un mes despois de presentalos e antes de que se chegasen a aprobar para crear "un mecanismo de carácter temporal" que volva elevar o imposto do patrimonio de xeito que xa non sexa de aplicación en Galicia o imposto estatal das grandes fortunas.
A Xunta di que a súa rectificación das rebaixas do imposto do patrimonio decididas en 2021 e 2022 "só a manteremos en vigor mentres estea vixente o imposto estatal"
Á espera de que se desvele o texto concreto da reforma, segundo a explicación avanzada este venres polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, "aqueles galegos que non ían pagar polo imposto de grandes fortunas seguirán gozando da bonificación do 50% aprobada en Galicia, e aqueles que ían pagar a consecuencia deste novo imposto implantado polo Goberno de Pedro Sánchez farano agora na comunidade galega, co que ese diñeiro se quedará en Galicia". "Este mecanismo temporal tan só o manteremos en vigor mentres estea vixente o imposto estatal", asegurou.
O conselleiro dixo que "esta decisión adoptouse logo do criterio amosado polo Tribunal Constitucional e ante o que consideramos unha invasión da nosa autonomía", cuestión que descartou o alto tribunal.