Os gobernos do PP foron ampliando as reducións fiscais a rendas e patrimonios cada vez máis altos presentando as medidas como un beneficio para a maioría da poboación ou para o asentamento no rural
Quen en 2009 herdase un millón de euros, cobrase 60.000 euros ao ano e mercase un chalé como segunda vivenda en San Vicente do Mar, no Grove, nunha das parroquias máis turísticas de Galicia, tiña que pagar o imposto de sucesións e o mesmo tipo impositivo pola compra da súa vivenda que se estivese en calquera outra parroquia. Hoxe unha herdanza da mesma contía xa non paga imposto de sucesións e a compra do chalé nesa parroquia e noutras tamén turísticas ten un tipo impositivo máis baixo que a compra da primeira vivenda nas cidades ou grandes vilas.
Ademais, os ingresos desa persoa, sen ter en conta a inflación destes anos, estaban gravados por tipos impositivos máis altos que os actuais nos treitos do IRPF ata os 60.000 euros. Isto é, quen cobre 60.000 euros paga hoxe preto de cincocentos euros menos que hai unha década, mentres que o aforro é de menos da metade para quen cobre 15.000 euros. E se a persoa privilexiada da que estamos a falar ten que pagar imposto do patrimonio (por sumar máis de 700.000 euros sen contar a vivenda habitual ata 300.000 euros ou máis de dous millóns en conxunto), o ano próximo terá unha bonificación do 50% fronte ao 25% deste e á inexistente en 2009.
Estas son algunhas das rebaixas impositivas que veñen impulsando os gobernos de Feijóo e Rueda desde 2009, con reducións fiscais a rendas e patrimonios cada vez máis altos que se presentaron nestes anos como un beneficio para a maioría da poboación ou mesmo para o asentamento no rural.
Rebaixa nos treitos do IRPF ata 60.000 euros
O imposto máis estendido e que afecta a máis poboación é o da renda ou IRPF. Sen ter en conta outras cuestións que inflúen no seu cálculo, como as deducións por circunstancias persoais ou gastos, está configurado en tramos progresivos tanto estatais como autonómicos. Isto é, págase unha menor porcentaxe ou tipo impositivo polos treitos de ingresos máis baixos e unha maior polos treitos de ingresos máis altos. Pero quen ten ingresos máis elevados tamén queda beneficiado polas rebaixas que se implanten nos treitos máis baixos se non lle soben ao tempo os treitos máis altos. E iso é o que pasou coa maioría dos treitos impositivos da cota autonómica do imposto desde 2009.
Unha comparación dos treitos impositivos existentes na chegada de Feijóo á Xunta e os actuais (realizada sen ter en conta a inflación pero si que os propios límites dos treitos foron variando neste tempo, isto é, cruzando os límites de treitos de hai unha década cos actuais) permite comprobar como se reduciu o tipo na gran maioría deles.
No treito autonómico de ingresos superior aos 60.000 euros anuais hai que pagar agora un tipo superior ao de hai unha década, o 22,5% fronte ao 21,5%. Isto é, hai unha década todos os ingresos por riba dos 53.407 euros, o que daquela era o tipo máximo, asumían unha mesma porcentaxe do 21,5%, e agora hai un treito aínda superior para que os ingresos de máis de 60.000 paguen un 22,5%.
Pero no resto de treitos por baixo desa cifra -agás no segmento entre 20.000 e 33.000 que rexistrou un lixeiro 0,9 máis que se compensaría coas reducións rexistradas por baixo ou por riba- as rebaixas de tipos que foi aprobando o PP non só benefician ás persoas que cobren menos senón que tamén reducen os impostos que deben pagar polos seus primeiros 60.000 euros de ingresos as persoas que cobren máis desa contía. Isto é, a rebaixa no primeiro treito do 9,4% ao 9% anunciada agora por Rueda para o próximo ano non só se aplicará a quen cobre menos de 12.000 euros senón que tamén beneficiará a quen cobre máis de 60.000 nese seu primeiro treito de ingresos de 12.000.
Hoxe quen cobre 60.000 euros ao ano paga preto de 500 euros menos que hai unha década, fronte aos 236 euros de aforro de quen cobre 15.000
Hai un ano a Xunta chegou a propoñer crear un treito aínda superior, cun tipo do 23,5% para quen ingresase máis de 100.000 euros, pero o PP emendouno na tramitación dos orzamentos no Parlamento e finalmente mantivo o 22,5% a partir dos 60.000 euros.
Máis alá da redución dos tipos e as mudanzas nos límites dos treitos impositivos, os beneficios aprobados pola Xunta para as rendas máis altas pódense comprobar tamén cunha simulación de casos concretos. Praza.gal recorreu ao asesoramento de expertos en réxime fiscal da Universidade de Vigo, que simularon unha declaración da renda de 2011 ou de 2022 para catro tipos de ingresos: de 15.000, de 30.000, de 60.000 e de 100.000, cifras en todos os casos tomadas como base liquidable do imposto, isto é, xa deducidos certos gastos e consideracións persoais que reducen a renda inicial. A cota íntegra a pagar aplicando en todos os casos o mínimo persoal deducible vixente en cada ano implica un aforro en todos os supostos, pero superior para a persoa que ingresa 60.000 euros que para o resto.
Na simulación, a persoa con ingresos de 15.000 euros afórrase agora 236 euros a respecto do que pagaba hai unha década, a de 30.000 euros aforra 216 euros, a de 60.000 euros aforra 490 euros e a de 100.000 euros aforra 90 euros. No último caso é así porque a partir de 60.000 euros o tipo é un punto superior ao de hai unha década, polo que canto máis cobre unha persoa por riba dos 60.000 euros menor será o seu aforro e mesmo chegará a pagar máis a partir de certas contías.
Aumento ata un millón de euros das herdanzas que non tributan
Ao aumentar en 2020 de 400.000 a un millón as herdanzas eximidas do imposto de sucesións a Xunta beneficiou a un 1% da poboación situado na marxe máis privilexiada
Seguindo co mesmo perfil de persoa que dá título a esta información, tamén no eido das herdanzas beneficiouse das rebaixas impositivas. En 2016 a Xunta xa eximira de pagar imposto de sucesións por herdanzas de ata 400.000 euros, o que segundo as súas cifras supuña deixar fora dese imposto ao 99% da poboación. Pero a partir dos orzamentos de 2020 foi máis alá e elevou a exención ata o millón de euros sen ter en conta a vivenda habitual, o que segundo tamén as súas propias cifras faría que só tivese que pagar ese imposto o 0,06% da poboación. Isto é, o propio Goberno galego recoñecía que esa rebaixa de impostos decidida en 2020 supuña un beneficio para exclusivamente un 1% da poboación situada na marxe máis privilexiada.
O Goberno de Feijóo tamén recorreu ao Constitucional unha lei estatal para garantir que en Galicia as herdanzas en vida paguen menos impostos
Pero a defensa da Xunta da rebaixa de impostos ás herdanzas foi máis alá. Un ano máis tarde o Goberno de España estableceu para o caso das herdanzas en vida permitidas pola lexislación galega que se unha propiedade herdada é vendida antes de que pasen cinco anos hai que tributar por esa venda (como se tributa por calquera outra venda patrimonial) en función da plusvalía que o ben acumulou non só desde o momento da herdanza senón desde antes. Foi unha medida tomada segundo o Goberno central para evitar certa picaresca á hora de facer pasar por herdanzas en vida o que poderían ser outro tipo de doazóns ou transmisións patrimoniais.
Isto é, se unha persoa vende un inmoble a outra allea á súa familia ten que tributar polo beneficio que lle comporta esa operación. Pero se a deixa como herdanza en vida a un fillo sen tributar nada e a continuación este a vende, o beneficio desa venda sería supostamente nulo desde o momento en que se herdou o inmoble. Así, non tributaría nin pola herdanza nin pola venda, situación contra a que lexislou o Goberno de España.
Porén, o Goberno de Feijóo recorreu esa lei estatal ante o Tribunal Constitucional, pendente de resolver, porque considera que supón unha intromisión no dereito civil galego que permite as herdanzas en vida. Segundo a Xunta, a lei estatal "cando presume que a venda en vida dun ben transmitido por pacto sucesorio implicaría unha fraude fiscal, é inconstitucional e discriminatoria".
Rebaixa do imposto á compra de segundas residencias en parroquias presentadas como “rurais”
Desde 2020 mercar unha segunda vivenda en parroquias rurais ten un tipo impositivo do 6%, inferior ao 7% das primeiras residencias nas cidades, e a Xunta considera rurais zonas con presión urbanística ou turística do Grove, Oleiros ou Baiona
Pero a persoa que ingresa 60.000 euros ao ano e herdou un millón tamén pode ser aínda máis beneficiada a respecto do que o sería hai unha década se merca unha residencia non habitual nalgunha das parroquias que a Xunta considera rurais, entre as que o Goberno galego inclúe varias que, malia conservar efectivamente elementos rurais e agrogandeiros, con áreas nas mesmo despoboadas, abarcan zonas turísticas ou de especial atractivo para as segundas residencias de elevado poder adquisitivo.
Foi tamén nos orzamentos de 2020 cando o Goberno de Feijóo decidiu reducir o imposto de transmisións patrimoniais para a compra de vivendas “no 94% de Galicia” co argumento de que así facilitaría vivir no rural. Se o tipo impositivo das transmisións de vivendas habituais estaba no 7%, naquel momento pasou ao 5% para un listado de parroquias consideradas rurais. Nesas mesmas parroquias tamén se rebaixou o tipo xeral do 10% que rexía para as vivendas non habituais ou segundas e seguintes residencias ao 6%.
E o listado desas parroquias coa “consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais”, 3.469 en toda Galicia, inclúe varias con efectivamente pouco grao de urbanización pero cunha importante presión urbanística e demanda de segundas residencias, como San Vicente do Grove, onde está San Vicente do Mar, A Illa de Arousa, Baredo en Baiona, Dexo en Oleiros, Veigue e Carnoedo en Sada ou toda a ría de Muros e Noia. En todos eses sitios considerados pola Xunta rurais a compra dunha segunda vivenda ten desde 2020 un tipo do 6%, inferior ao tipo do 7% para a compra dunha primeira vivenda nas cidades ou principais vilas de Galicia.
Nova redución do imposto do patrimonio en 2023
E tras todas estas rebaixas, agora o Goberno galego vén de anunciar unha nova a partir de 2023 que tamén beneficiará á cidadanía con máis recursos. Hai un ano Feijóo xa implantara unha bonificación do 25% no imposto do patrimonio, o que paga quen ten máis de 700.000 euros -sen ter en conta a vivenda habitual ata os 300.000- e quen supere en conxunto os dous millóns. Pero para o próximo ano esa bonificación chegará ao 50%.
Segundo as últimas cifras oficiais dispoñibles da Axencia Tributaria, en 2020, antes de que se aplicase ningunha bonificación, en Galicia tributaron por patrimonio unhas 7.600 persoas que deixaron nas arcas públicas preto de 67 millóns de euros, a unha media de algo máis de 8.000 euros por persoa. A bonificación ao 50% suporía que se aforrasen máis de 4.000 euros de media a cambio de que a Xunta deixe de ingresar uns 34 millóns de euros.
O Consello de Contas vén criticando que a Xunta non está a avaliar os efectos dos sucesivos beneficios fiscais que aplicou nos últimos anos
Todas estas rebaixas de impostos veñen sendo implantadas sen que a Xunta avalíe os seus efectos, segundo vén criticando o Consello de Contas de xeito reiterado nos últimos anos. O propio Goberno galego admitiu ante o órgano fiscalizador que non ten unha planificación estratéxica xeral dos beneficios fiscais de toda a administración autonómica senón que cada un dos seus órganos decide as súas rebaixas.