O grupo parlamentario do PP vén de presentar emendas aos orzamentos da Xunta para 2022 e a súa lei de acompañamento que reverten parte das mudanzas anunciadas polo Goberno galego na cota autonómica do imposto sobre a renda, o IRPF. Na práctica as correccións dos populares ao texto inicialmente presentado pola Xunta supoñen que non aumentarán os impostos ás rendas máis altas pero si se consolida para as rendas medias-altas unha rebaixa moito maior que a prevista para as rendas máis baixas.
Os populares suprimen a proposta do Goberno galego de que o tipo impositivo para as rendas de máis de 100.000 euros subise do 22,5% ao 23,5% e confirman a rebaixa do 20,5% ao 18,5% para as rendas de entre 47.000 e 60.000 euros
Ata agora a parte autonómica do IRPF contaba con sete treitos de rendas aos que se aplicaban tipos impositivos de entre o 9,5% para o treito máis baixo e o 22,5% para o máis alto, que tiña unha base liquidable a partir de 60.000 euros.
O proxecto de orzamentos presentado pola Xunta no Parlamento hai un mes reformaba eses treitos e reducíaos a seis con tipos impositivos entre o 9,4% e o 23,5%, de xeito que entre os 60.000 e os 100.000 euros de base liquidable seguía habendo un tipo do 22,5% como ata agora e engadíase un último treito a partir de 100.000 euros cun tipo do 23,5%, o que supuña para esas rendas un aumento dos impostos nun punto porcentual.
A Xunta presentou o seu proxecto como unha rebaixa dos impostos ás rendas máis baixas, xa que os tipos máis baixos se reducían 0,1 puntos, ao tempo que se subía un 1 punto o tipo para as rendas de máis de 100.000 euros. Pero o proxecto da Xunta tamén eliminaba dous treitos intermedios (os que había a partir de 27.700 euros cun tipo do 17% e a partir de 47.600 cun tipo do 20,5%), unha reordenación que supuña unha redución dos impostos especialmente ás bases liquidables de entre 47.600 e 60.000 euros, que verán como o seu tipo baixa do 20,5% ao 18,5%.
A reforma e contrarreforma do IRPF autonómico impulsada pola Xunta e o PP prodúcense mentres o Goberno galego se nega a explicar ao Consello de Contas os efectos das súas rebaixas de impostos
Pero agora as emendas do PP fan desaparecer ese último treito superior aos 100.000 euros, de xeito que quedarán só cinco treitos e o último treito volverá ser a partir de 60.000 euros de base liquidable cun 22,5% de tipo. E os populares deixan intacta a redución de treitos intermedios proposta pola Xunta, co que ademais de anularse a suba de impostos ás rendas de máis de 100.000 euros de base liquidable ratifícase a rebaixa para as de entre 47.600 e 60.000.
A reforma e contrarreforma do IRPF autonómico impulsada pola Xunta e o PP prodúcense mentres o Goberno galego se nega a explicar ao Consello de Contas os efectos das súas rebaixas de impostos. O ente fiscalizador pediulle que fixe “obxectivos e indicadores de cumprimento” para os incentivos fiscais, pero o Goberno galego rexéitao expresamente.
Pola contra, o grupo parlamentario popular defendeu este xoves nunha nota de prensa as súas emendas para rebaixar o IRPF deste xeito: "O Grupo Popular incide tamén na rebaixa do IRPF a todos os galegos para incrementar a renda dispoñible en mans das familias, fomentar o consumo e o investimento, e mellorando a competitividade das empresas".