O presidente salienta a decisión de quitar o imposto ás herdanzas de entre 400.000 e un millón de euros e presenta as exencións fiscais como “cartos que deixamos nos petos das familias”
O trámite ordinario polo que o Consello da Xunta aprobou este xoves a Conta Xeral da Comunidade Autónoma, o peche contable que agora implicará a súa remisión ao Consello de Contas para que a audite, permitiu ao presidente Feijóo gabarse das sucesivas rebaixas de impostos que vén aprobando nos últimos anos. Unha redución de ingresos para as contas públicas que se produce malia as reiteradas queixas do propio presidente sobre os poucos ingresos que lamenta que ten a Xunta por decisións estatais que vén cualificando como inxustas para Galicia.
Este xoves Feijóo cuantificou en 111 millóns de euros os cartos que en 2019 “deixamos no peto das familias”, argumento que posteriormente ratificaría a Xunta por escrito na nota de prensa na que insistiu en que os cartos “quedaron nos petos das familias e fogares galegos”. Unha cifra que o Goberno galego di obter das “baixadas de impostos aprobadas desde xaneiro de 2016, con especial incidencia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns e no programa de Impostos cero no rural”.
En 2016 o imposto de sucesións pasou a gravar só as herdanzas de máis de 400.000 euros, pero hai agora un ano o Goberno galego foi máis alá e ampliou a exención do imposto ata o millón de euros, cifras para cuxo cálculo non se ten en conta a vivenda habitual. O propio Feijóo salientou este xoves esa decisión de hai un ano, e que polo tanto aínda non inflúe na antedita cifra dos 111 millóns de euros menos de ingresos obtidos en 2019.
Hai un ano a Xunta tamén baixou o imposto para a compra de segundas residencias en áreas rurais ou pouco poboadas, entre as que incluíu parroquias do Grove, Baiona ou Oleiros
Canto á outra rebaixa salientada pola Xunta, a dirixida ao rural, hai un ano o Goberno galego decidiu rebaixar a partir deste 2020 o tipo impositivo para a compra de vivenda habitual do 7% ao 5% e o de segundas residencias do 10% ao 6% cando os inmobles se atopen “nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais”. Fíxoo co argumento de que iso contribuiría a evitar o despoboamento desas áreas, que cuantificaba no 94% do territorio de Galicia, pero entre elas están incluídas parroquias de concellos claramente turísticos (como O Grove) ou que forman parte das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña (como Baiona ou Oleiros) onde non existen grandes problemas de despoboamento senón máis ben unha elevada presión urbanística de segundas residencias.