A rebaixa impulsada polo Goberno galego co argumento de evitar o despoboamento inclúe casas en zonas turísticas ou próximas a cidades
O pasado xoves, ao tempo que anunciaba a eliminación de impostos para as herdanzas de entre 400.000 e un millón de euros, o presidente Feijóo avanzaba que a partir do 1 de xaneiro tamén se reducirá o imposto autonómico á compra de vivendas, tanto primeiras como segundas residencias, no 94% do territorio de Galicia. Será nunha listaxe de preto de 3.500 parroquias que a Xunta considera “zonas pouco poboadas ou áreas rurais”. “Aquelas nas que é máis necesario recuperar poboación co obxectivo de dinamizar as zonas menos habitadas”, xustificaba o Goberno galego. Porén, nesa listaxe hai parroquias de concellos claramente turísticos (como O Grove) ou que forman parte das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña (como Baiona ou Oleiros) nos que non existen grandes problemas de despoboamento senón máis ben unha elevada presión urbanística de segundas residencias.
O tipo impositivo para a compra de vivenda habitual baixará do 7% ao 5% e o de segundas residencias do 10% ao 6% cando os inmobles se atopen “nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais”
A rebaixa de impostos anunciada por Feijóo concrétase na lei de acompañamento dos orzamentos autonómicos para 2020, que modifica os tipos impositivos do denominado imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. O tipo impositivo para a compra de vivenda habitual baixará do 7% ao 5% e o de segundas residencias do 10% ao 6% cando os inmobles se atopen “nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais”.
A listaxe desas parroquias actualmente en vigor estableceuse en 2017, daquela co obxectivo inicial de rebaixar os impostos á adquisición de vivendas habituais en zonas rurais a colectivos concretos como persoas discapacitadas, familias numerosas e menores de 36 anos. Porén, agora será calquera cidadán o que se poderá beneficiar das novas rebaixas de impostos, tamén para segundas residencias, nalgunha desas 3.469 parroquias.
A listaxe elaborada en 2017 parte dun traballo realizado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que clasificou as parroquias, como división territorial básica de Galicia, en Zonas Pouco Poboadas (ZPP), Zonas Densamente Poboadas (ZDP) e Zonas Intermedias (ZIP). Fíxoo a partir de criterios establecidos por Eurostat para a determinación do grao de urbanización dun determinado territorio, e malia que o propio IGE sinalou que a clasificación en só tres graos “é bastante grosa no caso galego”, o que o levou a establecer seis subgraos de urbanización, a Xunta quedouse coa división en tres chanzos que ofrece o antedito resultado de considerar o 94% do territorio de Galicia como “rural” ou “pouco poboado”.
Aquí pode consultarse a Orde da Consellería de Facenda que en 2017 estableceu esa listaxe de 3.469 parroquias consideradas “pouco poboadas ou áreas rurais”. E este mapa do IGE, ao que se pode acceder neste enlace, permite igualmente consultar esas Zonas Pouco Poboadas (ZPP).
A maioría do litoral da Mariña ou da ría de Muros e Noia terán rebaixa para a compra de segundas residencias
Nesa categoría aparecen parroquias, ás que será de aplicación a rebaixa de impostos para a compra de segundas residencias, como San Vicente do Grove, con pouco grao de urbanización pero cunha importante presión urbanística e demanda de segundas residencias. O mesmo se podería dicir da Illa de Arousa, tamén incluída na listaxe. Ou a parroquia de Baredo, en Baiona, concello non só turístico e con numerosas segundas residencias senón tamén considerado parte da área metropolitana de Vigo. De feito, a parroquia de Baredo é onde remata a autoestrada Vigo-Val Miñor que permite desprazarse en 20 minutos a numerosos puntos da cidade.
Tamén están nesa listaxe parroquias da área metropolitana da Coruña como Dexo, en Oleiros, ou Veigue e Carnoedo, en Sada, a similar tempo de desprazamento da cidade.
As parroquias do Hío e Aldán, en Cangas, ou a de Samieira, en Poio, son outros exemplos de parroquias costeiras con atractivo turístico ou próximas a cidades nas que tamén será máis barato comprar unha segunda residencia. Ao igual que na maioría do litoral da Mariña lucense ou da ría de Muros e Noia. Son, argumenta a Xunta, zonas “rurais” ou “pouco poboadas”.