A Xunta endurece as condicións para acceder ás axudas ao alugueiro

Edificio de vivendas en Cambre CC-BY-SA José Camba

O Plan estatal de vivenda 2018-2021 inclúe dúas liñas de axudas económicas para o pagamento do alugueiro, unha de tipo xeral e outra destinada especificamente ás persoas de menos de 35 anos. O Ministerio de Fomento impulsa e financia a iniciativa, que despois é xestionada por cada comunidade autónoma, que decide se quere aumentar os fondos, algo que Galicia non fixo, a diferenza doutras comunidades autónomas. A Xunta publicou a pasada semana no DOG as bases reguladoras para a segunda convocatoria destas axudas, como informaba este domingo Faro de Vigo

Só poden beneficiarse das axudas as persoas que ingresen menos de 1.075 euros mensuais, ficando fóra aquelas que gañen entre 1.076 e 1.344

Nelas, endurécense as condicións económicas para acceder a estas achegas. O pasado ano podían solicitalas aquelas persoas cuxos ingresos se situaban entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM (537,84 euros), isto é, entre 376 e 1.344 euros mensuais. Porén, na convocatoria deste ano o novo límite máximo establécese en dúas veces o IPREM. É dicir, que só poden beneficiarse das axudas as persoas que ingresen menos de 1.075 euros mensuais, ficando fóra aquelas que gañen entre 1.076 e 1.344 euros mensuais.

Mantense a contía das axudas e os límites máximos para o valor do alugueiro que pode ser subvencionable

Mantéñense, iso si, as condicións para as familias numerosas de categoría xeral (2.151 euros mensuais) e categoría especial (2.689 euros mensuais). Tamén se manteñen o resto de condicións e as contías das axudas, establecidas no 40% do prezo do alugueiro, que se eleva ata o 50% no caso das persoas menores de 35 anos e das maiores de 65. Con todo, hai límites máximos para o valor do alugueiro que pode ser subvencionable, que varían en función das localidades de residencia: 500 euros para Vigo, A Coruña, Ourense, Compostela e Pontevedra, 400 euros en Ferrol, Lugo e ao redor de medio cento de concellos de tamaño medio e 300 euros no resto de Galicia.

Este endurecemento das condicións para acceder ás axudas chega nun contexto de rápido encarecemento dos prezos, sobre todo nas cidades. E, ademais, nunha situación nas que son moitas as familias que están a sufrir desafiuzamentos por non ser capaces de pagar os seus alugueiros. Así mesmo, son milleiros os galegos e galegas que seguen a agardar por unha vivenda en alugueiro protexida pola Xunta.

Atrasos na resolución e no pagamento

O número total de solicitudes foi de 12.000, o que desbordou as previsións realizadas polo Goberno galego

Máis aló do endurecemento nas condicións económicas, que deixa fóra a unha parte dos posibles beneficiarios e beneficiarias, a cuestión que nos últimos meses espertou máis polémica ao fío destas axudas é o importante atraso que acumula a resolución da convocatoria do pasado ano.

En xuño do ano 2018 a Xunta convocou as dúas liñas de axudas: a xeral e a dirixida especificamente a mozos e mozas menores de 35 anos. O número total de solicitudes foi de ao redor de 12.000, o que desbordou as previsións realizadas polo Goberno galego. Delas, 4.000 foron para a liña destinada a mocidade e as restantes 8.000 para a liña xeral. 

Praza.gal pediu en varias ocasións datos sobre o número de solicitudes non atendidas, pero polo momento non houbo resposta da Xunta

Máis dun ano despois, só se resolveu a liña de axudas dirixida á mocidade (dotada con 700.000 euros), que chegou a 330 persoas. Nesta liña, a Xunta admite a existencia de solicitudes non atendidas por falta de fondos. Dende o pasado mes de xullo, Praza.gal pediu en varias ocasións datos sobre o número de solicitudes non atendidas, pero polo momento non houbo resposta.

A outra liña, pensada para familias en dificultades económicas e baixos ingresos, aínda non conta coa súa resolución. Os seus tres millóns de euros de dotación poderán beneficiar a unhas 1.600 persoas, un 20% do total de solicitantes. 

Vista da cidade de Vigo CC-BY-SA UncleBucko

Críticas do PSdeG á negativa da Xunta a achegar financiamento

Máis dun ano despois, só se resolveu a liña de axudas dirixida á mocidade

O pasado venres a portavoz de Vivenda do Grupo Socialista no Parlamento, María Pierres, criticou a xestión desta axudas realizada polo Goberno galego, tanto polos importantes atrasos na súa resolución, como pola decisión de non achegar fondos propios, a diferenza doutras comunidades autónomas. 

Pierres denunciou que mentres as axudas ao alugueiro en Galicia son de 3,8 millóns de euros, en comunidades con menos poboación, como Aragón ou Castela-A Mancha, as cifras ascenden a 8,9 e 11,45 millóns, respectivamente. Isto permitiu que na comunidade manchega as axudas chegasen a máis de 5.000 familias (o 100% das que o solicitaran) e que en Aragón a porcentaxe fose de máis do 50%. Nestes dous territorios, ademais, a resolución completouse nun prazo moi inferior ao de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.