O Goberno central tramita nas Cortes Xerais dende finais do pasado verán a nova "lei de medidas de flexibilización e fomento do mercado do alugueiro de vivendas", unha norma centrada, como indica o seu propio nome, nas políticas de arrendamento, que inclúe modificacións relativas ás axudas, á duración dos contratos ou ao xeito de resolvelos, entre outros aspectos. Malia regular cuestións relativas ao alugueiro o grupo do PP no Senado introduciu unha emenda a este proxecto legal durante a súa tramitación para introducir notables cambios nas axudas non ao aluguer, senón á compra de vivendas. Nomeadamente, os conservadores dispóñense a acabar definitivamente coa denominada "subsidiación" de préstamos, isto é, coas achegas públicas que recibían as familias que adquirían unha vivenda por primeira vez para sufragar parte das cotas hipotecarias.
Para "xustificar" esta emenda os conservadores argumentar que "os compromisos de gasto e obrigas en materia de axudas á vivenda provenientes de plans estatais anteriores, pola súa contía e duración -algunhas prolónganse ata o ano 2038- resultan insostibles nun marco de restricións orzamentarias", dado que "contribúen ao incremento automático do déficit". Por este motivo, consideran "xustificada" a "súa limitación con carácter extraordinario".
Malia tratarse dunha lei centrada nos alugueiros o PP aproveita o seu trámite para suprimir a subsidiación de préstamos para a compra de vivenda
Pero, en que consiste esta "limitación"? Cando a nova normativa de alugueiro sexa aprobada incluíndo esta emenda do PP quedarán "suprimidas e sen efecto" todas as axudas á subsidiación de préstamos, con excepción das que fosen concedidas para mercar vivendas protexidas, "mesmo as que á data de entrada en vigor desta norma se viñesen abonando", isto é, non só "non se admitirán novos recoñecementos de axudas", senón que as persoas e familias que as estivesen a percibir deixarán de facelo, co conseguinte impacto directo para as súa economía doméstica. Ademais, ficarán "suprimidas as axudas estatais directas á entrada, agás para aqueles beneficiarios que dispoñan da conformidade directa do Ministerio de Fomento" e eliminaranse tamén as "subvencións acollidas aos Plans Estatais de Vivenda", coa única exepción de certos programas de rehabilitación e aluguer.
Esta supresión definitiva, xunto á que xa está en vigor a causa do paquete de recortes de 2012, non será compensada de xeito ningún pola Xunta, tal e como avanzou o pasado marzo o daquela director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, a preguntas do BNG. Este venres o propio Bloque volveu cuestionar o Goberno galego pola cuestión a través da deputada Carme Adán, quen ademais alerta dos prexuízos que lles provocará ás familias a devandita emenda do PP. "Sacrifican no altar do déficit ás persoas que tiñan un dereito recoñecido" e a Xunta, censura, actúa como "unha xestoría", limitándose a "xestionar" as axudas estatais e a non "recorrer" os decretos que as invalidan.