O presidente contrapón a "reconciliación" de hai cinco décadas coa "polarización" e "o conflito social" dos que culpa a PSOE e BNG
"Estou moi orgulloso da Transición e da reconciliación entre españois e tamén entre galegos". Así se pronunciou este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento ao ser interpelado polo líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sobre o 50 aniversario da morte de Franco.
Porén, segundo o presidente, agora os socialistas tentan "cargarse" esa "reconciliación" coa "polarización extrema". Algo máis tarde tamén acusou o BNG de non estar interesado na mellora da sanidade senón só no "conflito social".
A sesión de control ao Goberno galego deste mércores iniciouna Besteiro lembrando o "50 aniversario da morte do ditador" e lamentando que o PP votase contra a lei de memoria histórica, non impulsase unha lei galega equivalente ou suprimise axudas da Xunta nese eido. Segundo o socialista, "esa mesma actitude" de "esquecemento" coas vítimas do franquismo tena o PP cos menores migrantes ou as vítimas do machismo.
A resposta de Rueda foi volver presentar os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano como unha solución ás "necesidades" da cidadanía galega. Pero tamén respondeu á interpelación sobre a ditadura sen pronunciarse sobre ela senón sobre a Transición da que di estar "moi orgulloso". Nesa liña, lamentou que os socialistas tenten "cargarse" a "reconciliación" con "esta polarización extrema". "Como lles gustaría que houbese Vox en Galicia, nós traballaremos para que non exista Vox en Galicia", asegurou a continuación.
Tras ese debate con Besteiro, foi a nacionalista Ana Pontón quen preguntou a Rueda polas diversas mobilizacións en demanda de mellores servizos sanitarios. O presidente asegurou que a Xunta está a traballar para mellorar a sanidade e anunciou que a próxima fin de semana vai chegar a Galicia o acelerador para o centro de protonterapia que se está a construír en Santiago para tratar cancros complexos.
E fronte a ese traballo propio dixo que o BNG só quere "alongar o conflito social, as estruturas de loita". "Primeiro, que haxa mobilización social, para despois dicirme que me parece a mobilización social", criticou Rueda, que asegurou que a Pontón lle "dan igual os doentes, os servizos públicos, vostede busca a pancarta".