"Manifestación e alboroto"

Paula Prado, en conferencia de prensa para alertar sobre a intención do BNG de convocar mobilizacións, e Feijóo anunciando a convocatoria dunha manifestación contra Sánchez CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: PP

Unha peza esencial na 'campaña permanente' que caracteriza o PPdeG é a 'oposición da oposición' para tentar erosionar as expectativas da esquerda e desmoralizar o seu electorado

Unha das múltiplas fortalezas do PP de Galicia ten que ver con que a tensión electoral nunca desaparece nas súas filas. A chamada campaña permanente é un feito innegable no aparello da organización política que, baixo estas siglas, resultantes da refundación de Alianza Popular por Manuel Fraga en 1989, gobernou a Xunta nun primeiro ciclo de quince anos (1990-2005) e noutro que xa dura dezaseis e vai camiño dos 19 na lexislatura que, agás sorpresa maiúscula, finalizará en 2028. Polo medio, só tres anos e medio de goberno progresista, o mandato de PSdeG e BNG dende agosto e 2005 a abril de 2009.

Unha peza esencial nesa campaña permanente, co mesmo peso ou mesmo maior que vender os logros do Goberno agora dirixido por Alfonso Rueda, é a en ocasións chamada "oposición á oposición". Isto é, a estratexia encamiñada a erosionar as potenciais expectativas das forzas da esquerda e desmoralizar o seu electorado. Segundo os tempos, transita dende unha crítica máis ou menos xeral, acusacións de corrupción, ataques persoais ou caricaturas sobre a radicalidade e potenciais perigos que implicaría que o PP saíse de San Caetano.

Publicación do PPdeG contra o BNG nas redes sociais

Nesta lóxica encádrase o xeito en que os conservadores galegos afrontaron a ampliada presenza do BNG neste mandato, con 25 escanos que supuxeron nos comicios de 2024 un máximo histórico de representación parlamentaria apoiado nun 31% dos votos que nunca lograran. Nas salas de máquinas dos populares foron e son plenamente conscientes das claves dese éxito: dende a boa aceptación cidadá lograda por Ana Pontón ata o enganche dalgúns dos eixos da súa campaña, como políticas sociais ou de vivenda, moi alén do electorado tradicional do Bloque.

Conscientes das claves do histórico resultado do BNG en 2024, os populares veñen despregando unha estratexia encamiñada a facer ver que "só propoñen manifestación e alboroto" para "lograr o que non conseguiron nas urnas a través de esaxeración e conflitividade social"

Precisamente por isto a oposición da oposición que está a despregar contra o BNG o aparello encabezado pola secretaria xeral do partido, Paula Prado, número dous no organigrama do PPdeG tras o presidente Rueda, consiste no plano negativo en caracterizar a organización soberanista como unha opción política sen proxecto para Galicia e ademais, subversiva, sinónimo de desorde social. A imaxe da campaña era mentira, Pontón en realidade non é líder nin opción de Goberno e o BNG carece de programa alén da "independencia" porque a calquera asunto construtivo responden cun "non", veñen dicir.

A tese véñena concretando os populares dende hai meses en múltiples frontes, dende intervencións parlamentarias nas que dan en ligar iniciativas dos nacionalistas coa desaparecida banda terrorista ETA ata campañas en redes sociais baixo o lema "manifestación e alboroto". Isto, é "o que propón o BNG" sobre calquera cuestión, din esgrimindo como argumentos o alento do Bloque ás protestas contra a instalación de Altri en Palas de Rei ou un documento político da Unión do Povo Galego que, como en innumerables ocasións, sinala a importancia de que a organización soberanista estea activamente presente en diversas mobilizacións sociais.

Feijóo e Rueda, con Prado, Calvo e outros cargos na romaría-mitin do PP no Pino, o pasado 24 de maio CC-BY-SA PPdeG

"Só propoñen manifestacións, alboroto, soberanía", acusaba Prado ao BNG a comezos de maio nunha conferencia de prensa centrada nesa cuestión. "Pretenden lograr o que non conseguiron nas urnas a través das esaxeracións, as mobilizacións e buscando a conflitividade social", sintetizou a secretaria xeral do PPdeG.

Feijóo proclama que "á espera de encher as urnas", cómpre "encher as rúas" contra o Goberno de España e Pedro Sánchez, a quen atribúe "prácticas mafiosas"

Esta estratexia do PPdeG segue activa mentres, dende Madrid, o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, fía precisamente á mobilización nas rúas os seus plans a curto e medio prazo contra o Goberno de España en xeral e contra o PSOE e Pedro Sánchez en particular. "Á espera de encher as urnas de votos, enchamos as rúas", proclamou Feijóo o pasado xoves ao anunciar a convocatoria dunha manifestación contra Sánchez para o vindeiro 8 de xuño en Madrid baixo o lema Mafia o democracia.

Asegura Feijóo que este chamamento está baseado en que Pedro Sánchez e a súa contorna política e persoal son culpables de "prácticas mafiosas" e "corrupción", unha "degradación total" semellante á que diagnosticou en diversas ocasións dende que lidera o PP estatal e que desta volta apoia no caso de Leire Díez, unha militante e anteriormente cargo do PSOE que, segundo gravacións divulgadas por varios medios, contacto con implicados en casos de corrupción e tentou obter información comprometedora para axentes da Unidade contra o Crime Organizado da Garda Civil.

Feijóo, en conferencia de prensa o pasado 29 de maio chamando a participar na manifestación convocada polo PP para o 8 de xuño en Madrid

O equipo do ex-presidente volve despregar en Madrid liñas semellantes ás usadas en Galicia contra o Goberno de PSdeG e BNG, presentando o cadro político xeral como unha situación límite que cómpre afrontar, en termos do PPdeG, con "manifestacións e alboroto"

Como vén sucedendo dende a súa marcha a Madrid, na estratexia de oposición de Feijóo e o seu equipo emerxen obvios ecos da que os mesmos cargos políticos e asesores despregaron en Galicia contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Dende presentar o cadro político xeral como unha emerxencia ou situación límite ata cuestionar a lexitimidade de quen goberna para ostentar tales cargos ou, tamén, organizar mobilizacións na rúa entre lemas que rexeitaron abertamente na política galega por consideralos incompatibles coa democracia, tales como "hai que botalos".

Dende a madrileña rúa de Génova o equipo que ata 2022 imperou en Galicia opta, daquela, por tentar erosionar o atribulado Sánchez a base de, en termos do actual PPdeG, "manifestación e alboroto". Esta liña política procura "lograr o que non conseguiron nas urnas a través de esaxeracións", "mobilizacións" e "busca da conflitividade social", cren uns populares galegos que, con toda probabilidade, acudirán con notable representación a Madrid o vindeiro 8 de xuño atendendo o chamado de Feijóo para elixir entre "mafia" ou "democracia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.