Oito anos despois da chegada de Pontón á portavocía nacional o BNG coida que, alén da evidencia da nova absoluta do PP, os resultados do 18F amosan correntes de fondos que, ben interpretadas, poden acabar coa formación no Goberno galego
O pasado 28 de febreiro cumpríronse oito anos dende que Ana Pontón asumiu a portavocía nacional do BNG. "Hoxe non remata nada", advertira ante unha Asemblea Nacional que fora formulada en termos de "refundación" e celebrada nun ano electoral no que, en plena alza das mareas, o reto do Bloque era non ficar fóra do Parlamento. "Temos folgos", asegurara, porque "un revés electoral non significa o esgotamento dun proxecto".
Oito anos despois, o Bloque está inmerso na análise dun panorama electoral ben diferente para a formación. Aquel 2016 finalizárano con seis escanos, meritorios dado o contexto. Agora Pontón disponse a liderar un grupo parlamentario de 25 membros dun BNG en cuxa dirección existe a convicción de que, alén da evidencia da quinta maioría absoluta do PP, os resultados do 18F son produto de correntes de fondo que, ben interpretadas, poden acabar coa formación soberanista, finalmente, no Goberno galego.
Cun resultado agridoce sobre a mesa tras racharen o seu teito histórico en votos e escanos pero non daren gobernado, os primeiros movementos públicos do Bloque tras as eleccións encamíñanse a continuaren pisando territorio co seu programa baixo o brazo. Así o fixo a propia Pontón nos últimos días comezando pola cidade de Vigo, onde o Bloque foi primeira forza o 18F. Concretamente, polo barrio de Navia, un dos lugares onde o desbordamento do apoio á formación foi máis amplo, ata acadar niveis de voto equiparables aos que consegue o PP en moitos puntos do país.
"Vigo anticipa o futuro co BNG como alternativa ao PP", afirmou Pontón na súa primeira visita tras o 18F á cidade, onde reclamou que a metade das novas vivendas do barrio de Navia sexan de promoción pública e destinadas a alugueiro
"Vigo anticipa o futuro de Galiza co BNG como alternativa ao PP", afirmou Pontón nesa visita. Acompañada por Alexandra Fernández, Carmela Gómez e Brais Ruanova, "os deputados e deputadas electas do BNG que representarán na vindeira lexislatura á principal cidade", a líder do Bloque avanzou ademais que "a primeira medida" que formularán no Parlamento da nova lexislatura ligada a VIgo é "reclamar que o 50% das vivendas previstas no polígono de Navia sexan públicas e construídas directamente pola Xunta para ofrecer en réxime de alugueiro a prezo taxado".
Navia, precisamente, fora un dos emblemas da xestión da desaparecida Consellería de Vivenda cando a xestionou o Bloque (2005-2009) e agora, agrega Pontón, "estariamos falando de 800 pisos" para "revitalizar a construción de vivenda pública na cidade tras quince anos de abandono total do PP". Xunto á vivenda, agregou, a sanidade, o emprego, a industria ou "as infraestruturas de conexión con Portugal" serán outros dos "asuntos preferentes" do BNG para Vigo neste novo período.
A visita viguesa serviu tamén para a presentación das deputadas e deputados electos, actos que o Bloque reproduciu noutros lugares nos últimos días e cos que continuará en datas vindeiras. Así o fixo tamén en Pontevedra, igualmente con Pontón, ou na cidade de Lugo con Olalla Rodil, cabeza de lista, xunto a Daniel Castro, Montse Valcárcel e Iago Suárez. Tamén na Coruña, onde a portavoz nacional subliñou que a "primeira proposta" do Bloque para a cidade no Parlamento será que a Xunta acceda á declaración de zona tensionada para, ao abeiro da nova lei estatal de vivenda, "abaratar os prezos dos alugueiros".
Oposición "en positivo" á procura de máis fendas no PP
A dirección do Bloque observa un "novo ciclo" e dá por desaparecido o seu suposto "teito electoral" da formación que, cren, tamén logrou unha primeira entrada en electorado que nalgunha ocasión elixira o PP
Actos e presentacións coma os os últimos días son encadrados pola dirección do BNG na vontade de "non limitarnos á crítica" e, "ante cada problema, explicar que faría un Goberno do BNG para dar solucións". Os resultados do 18F, consideran, abren "un novo ciclo político" en tanto que desapareceu o suposto "teito electoral" do Bloque. Polo seu medre entre persoas que noutros comicios optaran por outras formacións da esquerda pero, intúen, tamén por unha primeira entrada en electorado que nalgunha ocasión elixiu o PP.
Fontes da formación soberanista agardan que os estudos e inquéritos postelectorais ratifiquen esta impresión, así como a importancia do liderado da portavoz nacional para logralo. Fano nun contexto de análise pausada no que a mensaxe no primeiro Consello Nacional tras o 18F foi a de "seguir traballando para alargar a base social" e seguir facéndoo "como até agora, coa man tendida e cun sorriso", resumiu Pontón. Unha análise máis repousada, valoran, pode permitir albiscar novas fendas na base electoral do partido que seguirá gobernando.
As fontes consultadas admiten tamén, non obstante, dificultades e retos cara á nova lexislatura. A comezar por seren quen de "manter a ilusión" que, coidan, lograron crear en amplas capas do electorado progresista en torno ao BNG durante unha campaña electoral que, advirten, o PP tenta "reescribir" a posteriori para esvaecer os seus propios erros e tamén os acertos do Bloque.