Pachi Vázquez, Xoaquín Fernández Leiceaga, Gonzalo Caballero. Abel Losada, José Luis Méndez Romeu, Patricia Vilán, Luis Álvarez. Pilar Cancela, Valentín González Formoso. Nove nomes entre responsables orgánicos, candidatos ás eleccións galegas ou voceiros parlamentarios en menos de década e media. A eles hai que engadir dous máis: o presidente Emilio Pérez Touriño e José Ramón Gómez Besteiro.
A interinidade nos liderados vén sendo unha das principais eivas do PSdeG nesta longa travesía de oposición
En total, máis dunha decena de referentes do PSdeG no ámbito galego dende que, en 2009, Touriño tivo que abandonar a presidencia da Xunta tras repetir a segunda maior representación parlamentaria da historia do partido en Galicia, 25 escanos, só tres por baixo do máximo que lograra Fernando González Laxe en 1989. Os mesmos, paradoxalmente, que conseguiu o BNG este pasado 18 de febreiro.
A interinidade nos liderados foi, xunto cos enfrontamentos, unha das principais eivas dos socialistas galegos nesta longa travesía de oposición que, dado o sucedido o 18F, durará practicamente un mínimo de dúas décadas. Construír un proxecto galego a medio prazo foi precisamente intención de Besteiro cando, en 2013, foi elixido secretario xeral. Pero, como é sabido, tres anos máis tarde viuse obrigado a abandonar a primeira liña política por mor das imputacións xudiciais que ditara contra el a xuíza Pilar de Lara, das cales non puido librarse ata que a finais de 2022 ficou arquivada a última delas.
O retorno de Besteiro foi visto nestes anos como unha das esperanzas máis viables para que o PSdeG recuperase o ton e a construción dun proxecto galego a medio prazo que outorgase ao partido a posibilidade de volver aspirar á Xunta. E Besteiro volveu tras sete anos: Pedro Sánchez nomeouno delegado do Goberno de España na primavera de 2023, pero estivo no cargo apenas tres meses ao lle encomendar o secretario xeral e presidente que encabezase a lista lucense do PSOE ás eleccións xerais adiantadas a xullo.
Sobre esas designacións pairaba a máis que palpable posibilidade de que o lucense acabase sendo candidato á presidencia da Xunta. Pero non foi nomeado como tal ata finais de outubro do pasado ano. Dous meses despois, Alfonso Rueda confirmaba que o PP decidira adiantar as eleccións para o 18 de febreiro.
Interinidade fronte á estabilidade e 'luces longas' do BNG
"Temos que facer en dous meses o que outros fixeron en vinte anos", resumía na súa contorna e evidenciaba o propio Besteiro para resumir as dificultades de proxectar por todo o país a figura como presidenciable dun candidato aínda notablemente coñecido e valorado na provincia de Lugo, onde presidiu a Deputación de 2007 a 2015, pero cun nivel de coñecemento e valoración moito menor no resto de Galicia. Tamén para comparar o seu punto de partida co de Rueda pero, sobre todo, co de Ana Pontón como cabeza de cartel do BNG.
Dende que Pontón asumiu a portavocía nacional do Bloque nun momento crítico ata os históricos 25 escanos logrados o 18F transcorreron oito anos
Alén de ser deputada dende 2004, Pontón asumiu a portavocía nacional do Bloque en febreiro de 2016 e foi designada candidata á presidencia da Xunta por primeira vez apenas dous meses despois. Tiña a encomenda de encabezar o proxecto que deixase atrás a traumática ruptura de Amio, a comezar por atar a supervivencia nun contexto de forte alza das mareas no seu mesmo espectro político.
Foi daquela cando comezou un proceso de construción do seu liderado á fronte dunha Executiva Nacional con notable estabilidade na súa composición e, no esencial, concordante nas análises políticas que plasmaron nas asembleas de 2017 e 2021. Nesta última, a formación fixou fixou encabezar o Goberno como obxectivo estratéxico. Previamente, pasara dos 6 escanos obtidos en 2016 aos 19 logrados en 2020, ano a partir do cal exerceu con solvencia como referencia da oposición ao Goberno do PP mentres o Bloque asentaba unha mudanza no seu xeito de presentarse ante a sociedade que cristalizou na recente campaña de 2024.
En total, oito anos dende unha situación crítica ata os históricos 25 escanos. Neste contexto, mesmo ficar nas eleccións xerais de 2023 notablemente por baixo das expectativas creadas non supuxo para o Bloque as tensións que, probablemente, implicaría antano. O Bloque puxo de vez as luces longas.
Un proxecto de "reconstrución"
Ter tempo para asentar o liderado e reconstruír é precisamente ao que agora semella aspirar Besteiro nun PSdeG que afronta a nova lexislatura con 9 escanos -poderían ser 10 tras o reconto do voto exterior de Ourense-, apenas dous deputados e catro puntos máis de apoio cidadán dos que tiña o Bloque cando Pontón tomou as rendas en 2016. Ese é o camiño ao que apuntan as primeiras reaccións orgánicas do partido tras o pau electoral do 18F e despois dunha campaña que avanzou por un carril entre PP e BNG que se estreitou co paso dos días sen que a estratexia socialista conseguise alargalo.
As primeiras reaccións orgánicas tras o pau electoral do 18F apuntan a que Besteiro terá a oportunidade de construción dun proxecto galego para o partido que non puido culminar antes de verse obrigado a abandonar a política en 2016
En vésperas da reunión extraordinaria na que a Comisión Executiva Nacional do PSdeG analiza este mércores os resultados, o seu actual secretario de organización, José Manuel Lage, considerou "positivo" que Besteiro se propoña "liderar no parlamento ao PSdeG e asumir en primeira persoa a reconstrución do proxecto político para Galicia". Na noite electoral, o propio candidato expresou o seu "compromiso" de procurar "consolidar un proxecto recoñecido entre a cidadanía, que sexa unha verdadeira alternativa, real e segura".
Este martes, a vicesecretaria xeral do PSOE e vicepresidenta primeira do Goberno de España, María Jesús Montero, considerou en declaracións á Cadena SER que Besteiro é "a persoa que necesita Galicia" e ten "por diante o reto de proxectar a Galicia do futuro" en catro anos de oposición. Nun sentido semellante se pronunciou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que ao contrario que noutras ocasións si participou activamente na campaña galega do PSdeG.
Touriño chegou á Xunta sete anos despois de asumir a secretaría xeral do PSdeG
O aval da dirección federal, implicada na campaña do 18F mesmo con máis intensidade que sectores do partido en Galicia, preséntase como clave para que Besteiro poida contar na lexislatura que comeza coa marxe que non tivo na carreira electoral que vén de rematar e que non puido ter a pasada década cando se viu obrigado a abandonar. Un reto que, cando menos de momento, tería que afrontar sen poder orgánico efectivo, dado que non é o secretario xeral do partido, aínda que manteña unha relación fluída con Formoso.
Entre os socialistas galegos hai quen segue lembrando claves da última vez que lograron tecer unha alternativa con posibilidades de Goberno. Touriño tomou posesión da presidencia da Xunta case sete anos despois de ser elixido secretario xeral no congreso do PSdeG celebrado en Ourense en 1998, a partir do cal liderou un grupo de dirixentes que conseguiron fiar un discurso galego para o partido alén da suma de alcaldías e tamén máis alá das proverbiais discrepancias internas. En plena campaña do 18F, un bo coñecedor das dinámicas internas do PSdeG comentou polo baixo en pleno mitin de Besteiro: "Vai chegar á Xunta... Pero en 2028".