Pontón: “Temos as portas abertas a todas as persoas que senten Galiza”

Apertura da Asemblea Nacional do BNG, este sábado © BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, abriu este sábado na Coruña a XVI Asemblea Nacional da formación cun discurso no que chamou a ampliar a súa "base social" facendo ao mesmo tempo unha homenaxe á militancia do Bloque: “Sodes do mellor deste país”, dixo. Tamén foi homenaxeado Francisco Jorquera, encargado de pronunciar o discurso de apertura do evento, ovacionado polos e polas asistentes e cualificado como un “dos bos e xenerosos", en palabras da tamén ex deputada Rosana Pérez.

“Estamos nun momento de sumar e de agrandar a base social do nacionalismo. Temos que ter as portas abertas a todas as persoas que senten a Galiza, que pensan que merecemos un futuro mellor"

Na súa intevención, Pontón destacou "o clima de entendemento interno e de cohesión" do BNG, "un valor ante a cidadanía e tamén para atraer ás persoas que sintan Galiza como nación". “Hoxe o BNG é unha organización da que se fala polas nosas ideas e propostas, e temos que soldar, desde a fraternidade, a unión dos galegos e galegas que pensamos que Galiza é unha nación e queremos conquistar liberdade”, dixo. E engadiu que “estamos nun momento de sumar e de agrandar a base social do nacionalismo. Temos que ter as portas abertas a todas as persoas que senten a Galiza, que pensan que merecemos un futuro mellor. Un futuro que deixe atrás a corrupción sistémica deste réxime, o roubo de dereitos e de liberdades e o empobrecemento dos traballadores e das traballadoras”.

Pontón afirmou que "o nacionalismo é máis necesario ca nunca" e destacou que nos últimos meses o BNG levou a cabo un proceso de actualización ("incluímos importantes actualizacións no plano analítico, no organizativo e no político”, dixo), mais "sen renunciar ao esencial: isto é, que somos nacionalistas é que somos unha organización asamblearia na que a militancia é quen máis ordena”. A líder do BNG fixo un repaso pola historia da formación, dende as loitas sociais das Encrobas, Xove, Baldaio, ata Nunca Máis ou Queremos Galego.

No discurso Pontón tamén cargou contra o PP e Alberto Núñez Feijoo: “O PP leva anos sementado discordias, e nós temos que sementar unidade das galegas e galegos. O PP leva anos destruíndo dereitos e conquistas sociais, e nós temos que ser o motor que recupere os dereitos roubados. O PP leva anos atacando a nosa lingua e a nosa cultura. Nós temos que ser un vendaval de liberdade contra a súa invernía”. E destacou como exemplo o traballo que o BNG desenvolve nos concellos que goberna.

 

"Punto de inflexión para renovar e corrixir o que haxa que corrixir"

“O PP leva anos sementado discordias, e nós temos que sementar unidade das galegas e galegos. O PP leva anos destruíndo dereitos e conquistas sociais, e nós temos que ser o motor que recupere os dereitos roubados"

O secretario de Comunicación, Rubén Cela, sinalara ao mediodía que esperaba que a asemblea sirva "de auténtico punto de inflexión para renovar e corrixir o que haxa que corrixir para facer do BNG unha organización máis útil, con máis incidencia e con máis respaldo electoral”, que engadiu que a formación segue a ser “fundamental” e que "en Galiza ten que seguir existindo unha expresión política propia do nacionalismo sen ningún tipo de atadura de ámbito estatal, é que só se deba ao pobo galego”.

Cela, xunto co Montse Prado e Nestor Rego, ambos responsables da Área de Internacional, foron os encargados de recibir as delegación convidadas nun encontro previo ao inicio da asemblea baixo o lema Solidariedade internacionalista, soberanía dos pobos, que contou con representantes do PNV, Bildu, Esquerra Republicana entre outras forza políticas nacionalistas do Estado. E tamén cunha ampla representación das forzas de esquerda lusas, -Bloco de Esquerdas e PCP-, e doutros territorios de Europa incluíndo, por primeira vez, a formación de esquerdas de Alemaña Die Linke. Igualmente, participaron representantes do pobo de Palestina, do Kurdistán, do Sáhara e dos consulados de Cuba e Venezuela.

 

A Asemblea Nacional continúa este domingo

Ás 13.30 procederase á votación das teses políticas, principios organizativos e regulamento e ás 13.40 á votación das candidaturas ao Consello Nacional

A Asemblea Nacional do BNG celebra este domingo a súa segunda xornada, tamén no Palexco da Coruña, a partir das 10.30 horas co debate das emendas presentadas. Ás 13.30 procederase á votación das teses políticas, principios organizativos e regulamento e ás 13.40 á votación das candidaturas ao Consello Nacional. Os resultados coñeceranse pola tarde, a partir das 17 horas, proclamándose os novos Consello e Executiva e Portavocía nacional, na que repetirá Ana Pontón, que ás 18 horas pronunciará o discurso de peche.

 

Ana Pontón, este sábado na Coruña © BNG
Encontro coas delegacións convidadas á Asemblea Nacional Dominio Público BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.