"Rock & love". Era a lenda do xersei que Aurita Mondelo levaba posto o pasado 2 de febreiro cando, catro anos despois, volveu abrir as portas da súa casa para o primeiro acto da campaña electoral encabezada pola súa filla, Ana Pontón, como candidata do BNG á presidencia da Xunta. "Un goberno da miña filla mellorará a vida dos galegos e galegas", sinalou antes de volver pedir ao electorado indeciso que dea "unha oportunidade" a Belén -o seu segundo nome, que é como a chaman na casa-, porque "non se van arrepentir".
Nos partidos esténdese a percepción dun PP á baixa á que contribúe a imaxe de Rueda no debate da CRTVG e a potencial capacidade de Pontón para levar o BNG a caladoiros electorais que semellaban vedados para a formación
Ese inicio de campaña na aldea de Chorente (Sarria) desacougou xa en 2020 nas filas do PP, aínda que relativamente. Os populares observaran un cambio de estratexia no Bloque ao trazar un perfil da súa candidata susceptible de ir alén dos marcos electorais habituais da formación soberanista. Non obstante, naquelas eleccións marcadas pola COVID-19 ninguén no PP temía pola maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo e así sucedeu. A intuición confirmouse co forte ascenso do Bloque -de 6 a 19 escanos- que, en calquera caso, non puxo en risco a hexemonía dos conservadores.
Neste 2024 a atmosfera é diferente. O groso das enquisas publicadas segue trazando un reparto de escanos co PP agora encabezado por Alfonso Rueda por riba da maioría absoluta, pero nos cuarteis xerais das principais forzas políticas esténdese a percepción dun PP á baixa que vai alén dos números, aínda que tamén ten cifras. A esa sensación axudou a atonía de Rueda no debate electoral da CRTVG e pasa, en boa medida, por Pontón. Concretamente, pola súa potencial capacidade de levar o Bloque a pescar votos en caladoiros que semellaban historicamente vedados para a formación e que ecoen as súas propostas sobre cuestións como a sanidade, a política social ou a economía. Ata o punto de facela observar, agora si, o obxectivo da presidencia da Xunta como difícil, pero posible.
Entre síntomas de fatiga, a maquinaria electoral do PP tenta devolver a imaxe de Pontón aos que considera marcos tradicionais do BNG, caricaturizándoa como un perigo para o país
Na contorna da dirección nacionalista atribúen esta conxuntura ás "fortalezas" da súa cabeza de cartel, que ven reflectidas nas boas cifras de valoración cidadá rexistradas tanto nos inquéritos do CIS -por riba de Rueda- como nos de varias casas de enquisas privadas: "É altísima, en todos os segmentos ideolóxicos". Pero tamén a unha campaña do PP por veces errática e desconcertante. Mesmo impropia dunha maquinaria como a dos conservadores en Galicia, acostumada a esmagar electoralmente os rivais. A mesma maquinaria que, malia dar síntomas de fatiga, tenta nestes días devolver a imaxe de Pontón aos que considera marcos tradicionais do BNG, caricaturizándoa como un perigo para o país con cuestións como unha suposta "imposición" do galego ou o independentismo.
"Conseguiron colocar o marco da campaña"
O politólogo Roi Pérez Vila coida que para entender o que está a suceder cómpre remontarse á campaña de 2020 ou mesmo ao ano 2016, cando Pontón asumiu a portavocía nacional dun BNG que, analiza, transitou "dunha lóxica de confrontación ou activismo" a outra de "posible goberno", un "nacionalismo que lle quere ao país como é agora" aínda que aspire a cambialo. "É unha mudanza radical que transcende a Ana Pontón", á que observa como "perfecta voceira diso". Xa o foi, cre, na campaña de hai catro anos, pero cunha diferenza: daquela "o marco do BNG como alternativa de goberno non chegou a ser o marco da campaña" e agora, si.
Os movementos do PP cara a unha "lóxica de oposición bastante violenta" acreditan para Pérez Vila que a estratexia despregada polo BNG está a ser "un éxito". "Colocaron o marco da campaña" ata resumila en boa medida "nun duelo entre Rueda e Pontón". Ese éxito, agrega, poden aspirar a acrecentalo "dende as emocións, dende a empatía" a respecto da figura de Pontón.
"Podes percibila como a túa amiga, a túa irmá ou a túa neta" e ao tempo como presidenciable "firme e solvente", cren na dirección do Bloque, onde medra a esperanza no cambio de Goberno
Na sala de máquinas da campaña do Bloque non pasa desapercibido ese factor. Fontes da formación consultadas por Praza.gal manteñen que os datos que manexan acreditan que a súa candidata "transmite confianza" ata punto de "poder percibila como a túa amiga, a túa filla, a túa irmá ou a túa neta" e, ao tempo, como unha presidenciable "firme e solvente". O rock and love do xersei de Aurita. Hai "tendencias moi consolidadas" e "xa non é que haxa partido, é que o PP está desesperado", consideran as fontes consultadas para ilustrar ata que punto ven posible o cambio.
O resto da esquerda e riscos
Elba Maneiro, profesora de Ciencia Política na Universidade de Santiago e investigadora de comportamento electoral, psicoloxía política e emocións políticas non cre que "todo" o medre electoral do BNG hai catro anos e o que poida lograr neste 2024 teña como causa "que conseguisen darlle unha volta á súa imaxe". "Tamén vén porque é o único partido que estivo facendo oposición" nos últimos anos.
"Poden pecar de condescendencia ao presentárense como gañadores"
"Cando falamos do liderado de Ana Pontón, de como recupera a súa base e estende os seus posibles votos debemos ter tamén moi presente o contexto" do resto de forzas de esquerda, considera, con períodos de "práctica dimisión do PSdeG" ou de "presenza case simbólica" do espazo representado cara ao 18F por Sumar e Podemos. Non obstante, Maneiro ve "complexo manter a imaxe de futura presidenta" e observa riscos en "presentárense como gañadores". "Poden pecar de condescencencia" cara ao electorado, analiza.
No equipo de Pontón, en calquera caso, congratúlanse ao vérense instalados no obxectivo de lograren facer ver a Pontón como "a candidata do cambio" para liderar o vindeiro Goberno. "Cada día que pase" ata o 18F a pregunta sobre a presidencia da Xunta "vai ser máis: ou Rueda ou Pontón", resume unha das fontes consultadas, para quen o devandito xiro na campaña do PP non fai máis que "referenciar aínda máis a Ana Pontón como alternativa".
Un PP desconcertante (e desconcertado?)
"O PP de Galicia non sabe operar moi ben nunha campaña na que non estea tan clara a súa vitoria fulminante"
A xuízo do politólogo Roi Pérez Vila, que o PP insista por varias vías -dende memes nas redes sociais ata discursos de Rueda en mitins- en advertir de teóricos perigos aos que se enfrontaría Galicia co BNG no Goberno e Pontón na presidencia poden ter "certa penetración" con cuestións como a lingua en "votantes de centro que mesmo ás veces votan PPdeG e nos que o Bloque está entrando". No entanto, hipérboles como ligar a Pontón co terrorismo, cre, pódenlles ser "contraproducentes" e amosar uns "nervios" que contribúan a "desmobilizar" o seu propio electorado ao ser Rueda "un candidato que non acaba de enganchar".
Para Elba Maneiro, os "bandazos" da campaña do PP poden deberse a que afrontaron a campaña do 18F "asumindo que non ían perder de ningún xeito" e por iso "utilizarían esta campaña" ao servizo "de Feijóo en Madrid", onde o ex-presidente, lembra, levou consigo a todo o equipo de asesores que foi tamén o núcleo duro das súas exitosas campañas do pasado. Neste sentido, coida que os populares deberían preguntarse se "están falando cos seus posibles electores" cando tentan caricaturizar a Pontón como radical ou perigosa. "Pode ter a súa lóxica pero, eses electores aos que tentas convencer vante votar a ti?", pregúntase.
"E se estamos prestando pouca atención a Ourense?"
"O PP de Galicia non sabe operar moi ben nunha campaña na que non estea tan clara a súa vitoria fulminante" analiza Maneiro, o que ao seu xuízo non significa necesariamente que se vaia producir un cambio de Goberno cara á esquerda. Cómpre preguntarse "cara a onde irían os escanos" que lle deron a absoluta ao PP hai catro anos (actualmente ten 42, tería que perder cinco) e, nese sentido, pon sobre a mesa outro interrogante máis nesta "estraña" campaña electoral: "E se estamos prestando pouca atención a Ourense?", advirte a politóloga en referencia á evolución do PP postbaltarista e, ao tempo, á potencial irrupción de Democracia Ourensana no novo Parlamento.