No inicio da campaña electoral, a portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia, Ana Pontón, asegura percibir unha "corrente de cambio imparable". Catro anos despois de lograr triplicar a representación parlamentaria do Bloque e tras unha lexislatura liderando a oposición, di estar convencida de poder ser a primeira presidenta da historia da Xunta. De aquí ao día 18, explica, "vou dar o mellor de min na campaña para tirar da man da xente indecisa, que vai ser clave". Se o logra, augura, haberá un novo Goberno para o que, asegura, o BNG ten un "proxecto sólido". Sobre ese proxecto preguntámoslle nesta conversa con Praza.gal, que trae consigo tamén o primeiro programa especial polo 18F do noso podcast informativo, o Fálase, no que podes escoitar a entrevista íntegra. Escóitaa no reprodutor sobre estas liñas e tamén en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast ou Podgalego.
É posible que vostede fose a primeira dirixente política que falou das eleccións galegas de 2024. Fíxoo despois das eleccións de 2020. Daquela viñera dicir que o cambio de ciclo xa comezara malia á maioría absoluta do PP e que o seu horizonte era ser presidenta catro anos despois, agora, en dous mil vinte e catro. Que a leva a pensar que ese horizonte está agora máis preto que daquela, ata o nivel de ser alcanzable?
Lembro perfectamente esa noite, foi un momento emocionante para moitas persoas. Conseguimos pasar de 6 a 19 deputados e eu dixen que aquela noite non remataba nada, senón que comezaba un novo ciclo neste país cunha forza política, o BNG, que podía disputar a hexemonía ao PP. E hoxe estamos ante sa eleccións máis abertas en quince anos, nas que temos ao alcance da man deixar atrás esta etapa gris e triste do PP e sermos capaces de poñer en marcha un tempo novo de esperanza e ilusión. O que palpei na precampaña son sensacións moi boas, unha corrente de cambio imparable. Agora temos que conseguir que ese 18 de febreiro esa corrente sexa un gran torrente nas urnas que diga que queremos gañar un futuro de esperanza da man do BNG.
Na última asemblea nacional do BNG fixaron como obxectivo estratéxico “gañar” e encabezar o Goberno. Nestes últimos meses escoitamos diversas análises que indican que o Bloque está a poñer o acento máis no social que no nacional para lograr ese obxectivo. É así?
"Non hai ningunha contradición entre reivindicar máis capacidade de decisión en Galiza con mellorar a vida das persoas"
Eu sempre digo que non hai ningunha contradición entre reivindicar máis capacidade de decisión en Galiza con mellorar a vida das persoas, porque o autogoberno é unha ferramenta para xerar máis benestar. Poder xestionar o noso litoral significa ter máis recursos para defender o noso mar. Xestionar os nosos impostos é ter máis recursos para sanidade ou educación… Diso é do que vai, de conseguir un país mellor. E, evidentemente, temos que estar no que preocupa á cidadanía: temos un problema moi grave coa sanidade pública, onde o PP conseguiu algo inédito como citas de espera ata para ir á médica ou médico de cabeceira. Ou ter 11.000 nenas e nenos sen pediatra, nenas e nenos de primeira e de segunda. Por iso estamos dando unha alternativa de país, cun proxecto sólido e con ideas para transformar Galiza: vemos a decadencia dun Goberno do PP sen proxecto, porque o PP non ten máis proxecto que ocupar o poder e déixanos unha Galiza peor. Pero o 18 de febreiro a cidadanía ten na man apostar por algo novo e diferente, por unha Galiza mellor da man do BNG.
Falaba hai un momento das sensacións que ten nos encontros coa xente e nos actos electorais. Hai quen di que teñen unha sensación semellante á das eleccións municipais en Santiago cando, máis alá de pedilo ou dicilo, empezaron a crer que podían chegar á alcaldía…
Hai poucos días, a alcaldesa de Santiago lembrábame que eu fun das primeiras en ter a absoluta convicción de que ía haber cambio. Porque se vía cansazo co goberno que había. E é a mesma sensación que eu percibo na sociedade galega, un tremendo cansazo co que leva feito o PP, que agora propón 20 anos ocupando o poder. É o momento de abrir as portas e entre aire fresco con algo diferente: levamos 43 anos de autonomía, a maior parte destes anos co PP e con seis presidentes, todos homes. Que hai máis distinto que unha presidenta do BNG coas mans libres para defender os intereses dos galegos e galegas? Se a xente que quere cambio vota, o 18 de febreiro imos sorrir.
A que atribúe que, aínda cun cambio de candidato e co desgaste de quince anos de goberno, as expectativas dun eventual cambio sexan tan axustadas, cando menos segundo as enquisas? Ou, dito doutra maneira, que o PP poida perder o Goberno, pero que tamén poida retelo por unha presada de votos, como vostede mesma comentaba hai poucos días?
Eu son moi escéptica coas enquisas e supoño que o seu xefe de filas en Madrid tamén o será, porque creu nas enquisas, xa se vía na Moncloa e agora está na oposición. Antes de que se abran as urnas todos imos a cero e o resultado depende do que ese día diga a cidadanía, pero o que estamos vendo nas tendencias das enquisas é que o PP baixa e a forza que sobe e está capitalizando o cambio posible é o BNG. Se facemos unha campaña intensa na que consigamos mobilizar a todas as persoas que non se conforman coa Galiza en pequeno que nos deixa o PP, hai cambio seguro.
Baixemos ao terreo do concreto. Poñámonos no escenario no que o día 18, a iso das once da noite, os escanos da esquerda suman maioría absoluta para investila a vostede como presidenta. Cal sería a primeira medida que tería que tomar ese novo Goberno?
Hai moitas, porque hai moitas urxencias. Pero a prioridade vai ser a sanidade pública. Precisamos poñer en marcha de maneira rápida e eficaz un plan de rescate da Atención Primaria dotado con 200 millóns de euros que nos permita devolverlle algo do que o PP lle quitou nestes 15 anos. Eu quero ser a presidenta que recupere a sanidade pública deste país.
Con ese plan ou outras das súas propostas sanitarias como ampliar as prestacións bucodentais nun ámbito tan amplo e estrutural como a sanidade pública existe risco de xerar frustración na cidadanía? Por exemplo, as carencias de persoal derivadas dos recortes tardan anos en paliarse, mesmo existindo a vontade política de facelo… Como se poden regular esas expectativas?
"Quero ser a presidenta que recupere a sanidade pública deste país"
Non imos ser capaces de chegar e solucionar dun plumazo todos os problemas. O deterioro que provocou o PP é moi forte, particularmente nunha Atención Primaria onde hai desánimo no persoal pola sobrecarga. Sempre é difícil recuperar a terra queimada, pero é posible. Temos que ter un proxecto a medio prazo mentres no curto poñemos máis recursos no sistema. E temos que repensar a sanidade, traballar na prevención nunha sanidade moi cercana á cidadanía e con máis especialistas na primara. Por exemplo, a psicoloxía clínica: o 30% das consultas teñen que ver coa saúde mental; e moitas outras especialidades, como fisioterapia ou nutrición que poden estar na Primaria e quitar a sobrecarga ao persoal.
Vimos de década e media nos que a vivenda protexida en xeral e a de promoción pública en particular caeron a mínimos da historia da autonomía. Cal sería o seu plan para revertelo na vindeira lexislatura?
Hai que cambiar o paradigma da vivenda en Galiza. O noso compromiso é apostar con claridade por que a vivenda pública sexa en alugueiro e mobilizar a maior cantidade de vivenda baleira que poidamos. É viable, aínda que sexa ambicioso, poñer 12.000 vivendas á disposición da cidadanía en oito anos. Aínda que tamén vai haber vivenda nova, apostando por recuperar o que xa temos construído: temos 500.000 vivendas baleiras, 90.000 nas cidades. Se axilizamos, podémolas poñer no mercado a prezo accesible. Non podemos ter miles de persoas vivindo cos pais porque nin sequera poden ir a un piso compartido; imos actuar nesa dirección sabendo que neste país hai que política pública de vivenda. O que fixo o PP foi triturar a política que existía con anterioridade ata levarnos a unha situación dun Goberno que non fai nada, pero agora prometen que van facer o que non fixeron en quince anos. É difícil de crer.
Vostede reitera que, e é presidenta, as eléctricas “perderán a cadeira que teñen no Consello da Xunta”. Iso en que se traduce, que cambios percibiría a cidadanía?
"Imos poñer en marcha unha compañía eléctrica cen por cen pública"
O primeiro, que as nosas decisións en materia enerxética non van estar condicionadas polos intereses do lobby eléctrico, senón que as imos tomar ao servizo da sociedade galega. Por iso imos poñer en marcha unha compañía eléctrica cen por cen pública que permitirá, por exemplo, que os encoros aos que caducan as concesións volvan ao público e os beneficios se distribúan entre os galegos e galegas. Pero tamén imos frear o bum eólico depredador e poñer en marcha un modelo novo: as enerxías renovables si, pero doutra forma, planificando o territorio, respectando a xente que vive no rural e vinculando os proxectos coa creación de riqueza do noso país e, polo tanto, coa creación de industria. E imos abrir un gran debate sobre que os galegos e galegas temos dereito a unha tarifa máis baixa que nos compense polos custos ambientais e sociais da produción. En definitiva, xustiza enerxética.
É posible ampliar a xeración de enerxía renovable no país sen protestas, sen danos colaterais?
Non podemos pensar só na eólica, senón en todo o abano das renovables. E ademais hai que democratizar quen produce; no Estado español dáse o paradoxo de que todo está centralizado no grande lobby enerxético, cando o que nós cremos é que hai que diversificar quen pode producir fomentando o consumo, as comunidades enerxéticas ou esa empresa pública que nos permita intervir no mercado enerxético. A maioría dos países europeos teñen compañías públicas: Francia, Alemaña, os países nórdicos… Aquí tiñamos unha que privatizaron PP e PSOE, pero o BNG quere unha empresa pública. Hai que facer ben as cousas, con planificación, con diálogo e non como fai o Goberno bipartito entre Partido Popular e eléctricas.
Tamén prometeron en reiteradas ocasións que derrogarían o actual decreto que regula o uso das linguas no ensino. Alén da escola, por onde comezaría o seu Goberno para tratar de inverter a perda de falantes de galego, sobre todo na mocidade, onde a propia Xunta admite que está un dos ámbitos máis importantes por tratar?
"Temos que deixar atrás os discursos negacionistas e tóxicos sobre as posibilidades do galego"
O decreto da vergoña debe quedar atrás e hai que aposta rpor un decreto de igualdade lingüística no ensino que garanta algo básico, o que nos di a lexislación, que todo o mundo saiba as dúas linguas. Porque hoxe hai moitos adolescentes que non teñen dominio do galego mentres no caso do castelán é o 100%. Depende só do ensino? Evidentemente, non. Temos que fomentar o galego nas plataformas tecnolóxicas e o ámbito audiovisual é clave; non só temos que apoiar a nosa propia produción, onde temos moita potencia, senón tamén traducir máis obras actuais que permitan poder ver unha serie de moda en galego. E temos que positivizar o que significa o noso idioma, crear empoderamento en torno á lingua e deixar atrás os discursos negacionistas e tóxicos a respecto das súas posibilidades. Todas as linguas suman e a lingua galega ten, ademais, a sorte de ser parte da lusofonía, que é unha oportunidade que non debemos perder.
Se falamos de audiovisual e lingua galega falamos tamén, necesariamente, de medios públicos de comunicación. Son reiteradas as críticas do BNG e de parte do persoal á actual dirección da CRTVG e á liña que segue, especialmente nos informativos. Reformarían a lei de medios para remudar o actual director xeral?
"Hai que cambiar a lei para que a elección da dirección e o consello da CRTVG sexa representativa e plual. Impulsarémolo nos primeiros cen días de goberno"
Hai que facer un cambio radical na CRTVG. É unha vergoña termos uns medios públicos secuestrados polo PP; case é Tele PP, non é a televisión dos galegos e galegas. Hai que devolver a este país uns medios dos que se sinta orgullosa, deixando liberdade ao persoal que leva 300 venres, cinco anos, protestando pola manipulación e a situación límite que se está vivindo. Como se cambia isto? O primeiro, con vontade política de cambialo, porque ningunha lei permite o que está pasando. Nós temos esa vontade política e tamén cremos que hai que cambiar a lei, temos que ir a un modelo de elección da dirección e do consello que sexa representativo e plural e que nos permita que a televisión non estea ao servizo de ningún grupo político senón da pluralidade; todos os grupos políticos teñen que verse representados e tamén toda a pluralidade do país. Esa vai ser unha medida que impulsemos nos primeiros cen días de goberno.
No Congreso vén de decaer a lei de amnistía na primeira votación clave e hai unha notable tensión ao respecto no panorama estatal. Teme unha campaña protagonizada por esa axenda estatal, polo ex-presidente Feijóo e por Pedro Sánchez, a lei de amnistía ou outros asuntos que afasten o foco da axenda galega?
"Ao PP interésalle que falemos da amnistía e non dos problemas da sanidade ou de como é posible que en quince anos non construísen unha soa residencia pública"
Ao PP interésalle que falemos da amnistía e non dos problemas da sanidade ou de como é posible que en quince anos non construísen unha soa residencia pública, ou que nos deixe unha Galiza da que emigraron 200.000 mozos e mozas. Pero dáme a sensación de que a cidadanía tamén ve o que están facendo e cada vez que vemos o PP en campaña falando de Cataluña sentimos indignación. Se os galegos e galegas non son protagonistas da campaña das eleccións galegas, cal vai ser a nosa quenda? O que está en xogo nestas eleccións é a nosa sanidade, a nosa educación, o noso medio ambiente, como poñemos a enerxía ao servizo da nosa sociedade… Non vai nin da reválida de Sánchez nin do premio de consolación de Feijóo, vai da vida dos galegos e galegas. E tamén por iso moita xente mira ao BNG, porque ven que nesta campaña nós estamos con propostas e alternativas, poñendo os seus problemas e as posibles solucións no centro. Creo que iso lle vai pasar factura ao PP.
Mencionaba agora ao Partido Socialista, co que o BNG ten xa unha traxectoria de pactos de goberno en deputacións e concellos. Vese negociando co PSdeG, neste caso con José Ramón Gómez Besteiro, se a aritmética parlamentaria permite conformaren un Goberno?
"Quen decide os pactos é a cidadanía co seu voto. Ninguén dubida de que se o 18 de febreiro se abre un novo tempo, o BNG vai ser o primeiro en iniciar esas conversas"
Quen ten que decidir os pactos é a cidadanía co seu voto. Cando saibamos cal é a aposta maioritaria do país, aí temos que empezar a falar de pactos. Ninguén dubida de que se o 18 de febreiro se abre un novo tempo, o BNG vai ser o primeiro en iniciar esas conversas, porque nos xogamos moito e ante todo e sobre todo hai que poñer por diante o interese xeral deste país. E aí imos estar, tamén dende esa experiencia de colaboración e pactos que forma parte da normalidade democrática, quen non queira velo, que non o vexa.
Onde se ve politicamente dentro de catro anos?
Onde decidan os galegos e galegas.
Pero, onde lle gustaría estar?
Gustaríame que o próximo 18 de febreiro fagamos historia, que por primeira vez teñamos unha muller na presidencia. Despois de 43 anos e seis presidente, é tempo de que unha muller colla as rendas do país e agardo, humildemente, ter a confianza da maioría inconformista que quere construír un país mellor. Porque vai ser un momento moi ilusionante, importante, e eu darei o mellor de min para estar á altura desa confianza.