A asemblea do BNG fixa encabezar o Goberno como obxectivo estratéxico e reforza o liderado de Ana Pontón

Ana Pontón intervén na apertura da Asemblea Nacional do BNG, este 7 de novembro na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Na apertura da XVII Asemblea Nacional do BNG, Ana Pontón evocou a décimo quinta, na que asumiu a portavocía nacional da formación soberanista en substitución de Xavier Vence, que fora elixido para o cargo tres anos antes. Pontón chegara ao liderado cun horizonte de apenas medio ano ata as eleccións galegas daquel ano, cara ás que o Bloque partía cunhas expectativas de claro descenso, ao bordo da perda do grupo parlamentario e, segundo os prognósticos máis pesimistas naquela altura, mesmo da desaparición do lexislativo galego.

No conclave que ratificou a Ana Pontón na portavocía nacional co 99% dos votos, o Bloque deu por superada a fase da "resistencia" e propúxose "ser unha forza de maiorías"

Os comicios do 2016 saldáranse para o BNG cun exercicio de resistencia e unha campaña electoral eficaz que lle permitiu reter grupo de seu no Parlamento con seis escanos. O conclave que este 7 de novembro elixiu por terceira vez a Pontón como portavoz nacional co 99% dos votos (1.203 apoios) e sen rivais deu oficialmente por superada a fase da "resistencia" cun amplo aval ao seu equipo e estratexia.

Así o explicitan as teses políticas aprobadas polo 99,5% dun plenario que, sinalou a líder reelixida, estivo chamado a fuxir da inercia. Tras o salto electoral de 2020, cando os devanditos seis escanos viraron en 19, fixando un novo teito histórico de representación parlamentaria para o nacionalismo galego e constituíndo a formación da esquerda máis numerosa no arco parlamentario dende o PSdeG de Touriño, o novo "reto" do Bloque é "ser unha forza de maiorías para liderar o país" dende a presidencia do Goberno galego en 2024. "Nas pasadas eleccións moveuse o taboleiro en Galiza, empezou o cambio galego cara ao BNG e non van poder paralo", mantén.

Pontón intervén no comezo da Asemblea Nacional do BNG, este 7 de novembro no Coliseum da Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Ese é, dende a Asemblea Nacional que acolleu o Coliseum da Coruña coa asistencia dunhas tres mil persoas, o obxectivo estratéxico clave do novo "ciclo" do BNG. Sen "renunciar" a ningún "principio", advertiu Pontón, senón dende un proxecto "centrado nas preocupacións da xente". Se o Bloque goberna en 2024, asegura, porá "as institucións ao servizo de Galiza, espremendo as posibilidades do actual Estatuto". 

Un BNG "centrado nas preocupacións da xente" proponse "espremer as posibilidades do actual Estatuto" dende o Goberno sen "renunciar" a ningún "principio". O debate interno reafirmou a definición como "soberanista" e desbotou as emendas en clave independentista

As teses políticas aprobadas resaltan que ese sería o primeiro paso, o inmediato antes de pular pola "consecución dun novo status político de nación" que "blinde a nosa capacidade real de decidir". Neste sentido, durante o debate das emendas da militancia que chegaran vivas á asemblea -347, das que 17 foron aprobadas-, a Executiva deixou clara a aposta por fortaleceren a organización como "casa común do nacionalismo" que se segue definindo como soberanista e non como independentista aínda que no seu seo si haxa militancia que aposte pola independencia. Neste sentido, mencións como a construción dunha república galega non lograron votos dabondo para seren inseridas no guieiro da formación para os vindeiros anos.

A unidade dentro da diversidade de posicións, cun BNG "máis cohesionado ca nunca", foi outro dos aspectos sinalados por Pontón como claves para poderen lograr o obxectivo de chegar a gobernar. Lonxe dos momentos críticos da pasada década, tamén evocados pola deputada Olalla Rodil na presentación da candidatura ao Consello Nacional, Pontón debuxa a un PP preocupado por "ver un BNG que, sen renunciar a ningún principio do nacionalismo", logra que "cada vez sexan máis as galegas e galegos que nos escoitan e están de acordo connosco".

Ana Pontón, ante o plenario da XVII Asemblea Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

"O BNG do si"

Advirte a líder do Bloque que, nos vindeiros anos, "haberá quen diga que non é posíbel derrotar a Feijóo, cambiar as cousas e que o BNG teña a presidencia". "Son os mesmos que nos dicían que non era posíbel rebaixar as peaxes da AP-9, que o BNG estaba acabado en 2016" ou "que non era posíbel pasar de 6 a 19" escanos. "Imos derrotar aos do non" porque "somos o BNG do si", proclama.

Pontón chama a "derrotar aos do non", os "mesmos que nos dicían que o BNG estaba acabado, que non era posíbel rebaixar as peaxes da AP-9 ou pasar de 6 a 19 escanos"

Ese "BNG do si", encadre reiterado por Pontón na clausura da Asemblea Nacional, é o que a portavoz nacional ve chamado a "facer historia" mediante o alargamento da súa base social. Á dirección elixida nesta asemblea e o conxunto da organización, advirte, ten por diante a tarefa de "traballar con persuasión e xenerosidade" para "traducir" o "sentimento de país" que abonda na poboación "en termos políticos e electorais". "É posíbel facelo e ímolo conseguir" e iso é algo que "tamén sabe o PP". Por iso, coida, os de Feijóo "están dos nervios".

"A política -advertiu no seu discurso de clausura- non vai só de ter razón", senón que "é necesario que a cidadanía nos dea a razón e para iso temos que chegarlle ao corazón". Coida Pontón que ao PP lle "encantaría ver un BNG encasillado nos seus estereotipos e nas etiquetas que queren construír sobre nós", pero o que sae da XVII Asemblea Nacional é un Bloque que teima en "derrotar o derrotismo", "dar futuro á mocidade", converter Galicia "nun referente na ciencia", dicir "si a unha industria sustentable" ou lograr unha tarifa eléctrica galega. Dicir, veu sintetizar, "si a decidir dende nós para construír un futuro mellor".

Ana Pontón intervén na clausura da XVII Asemblea Nacional do BNG, o 7 de novembro de 2021 na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.