Cando, o vindeiro 7 de agosto, se constitúa o Parlamento da undécima lexislatura galega, o PP estreará a súa oitava maioría absoluta, a cuarta consecutiva. Por tras do grupo que, contra finais dese mes, reelixirá Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, estará o BNG que, por segunda lexislatura consecutiva, ten á súa fronte a Ana Pontón.
O grupo do Bloque trae consigo dúas novidades relevantes ao espectro da esquerda parlamentaria galega. Por primeira vez dende a primeira maioría absoluta do PP con Feijóo á fronte, un grupo da oposición inicia a lexislatura coa mesma persoa á fronte que no comezo do anterior mandato. Pontón recunca e faino ademais pasando de encabezar un grupo de 6 escanos a facelo nun de 19, o máis numeroso na esquerda galega dende os tempos do PSdeG de Emilio Pérez Touriño.
Foi no ano 2005 cando os socialistas, con Touriño á fronte, lograron a que segue sendo a segunda maior representación parlamentaria na historia da autonomía para un partido que non sexa o PP, só por tras dos 28 de Fernando González Laxe en 1989. Aqueles 25 escanos, unidos aos 13 que lograra o BNG de Anxo Quintana, servíranlles a ambas formacións para sumar 38 e formar goberno. En 2009 os socialistas repetiron 25 escanos pero o Bloque perdera un, quedando en 12, e o PP recuperou a absoluta.
Dende que PSdeG e BNG perderon o Goberno, as filas da esquerda estiveron marcadas pola interinidade, con ata unha vintena de liderados, e pola perda de forza parlamentaria
Dende aquela perda do goberno, as filas da esquerda estiveron marcadas pola interinidade, con ata unha vintena de líderes, e mais pola perda de forzas. En 2012 o segundo grupo da Cámara foi o PSdeG de Pachi Vázquez, que quedara en 18. A emerxente Alternativa Galega de Esquerda (AGE) estreárase con 9 representantes e o Bloque, aínda magoado polas escisións, descendía a só 7 no primeiro Parlamento galego con máis de tres forzas dende o elixido en 1989, o último antes de que o PP de Fraga elevase do 3% ao 5% a barreira para obter representación por calquera circunscrición. Mentres, o PP pasaba de 38 a 41 escanos.
Catro anos despois, en 2016, a seguinte recomposición da esquerda mentres o PP se mantiña en 41 representantes acabou co principais grupos da oposición máis pequenos da historia da autonomía. A segunda forza foi a En Marea de Luís Villares, con 14 escanos, seguida dun PSdeG que tamén lograra só 14 con Xoaquín Fernández Leiceaga, pero con menos votos. O Bloque, nos primeiros comicios nos que Ana Pontón foi aspirante á presidencia, resistiu con 6 escanos tras comezar a carreira electoral con expectativas aínda máis baixas.
Pontón é tamén a primeira líder dende o ex-presidente Touriño en disputar a Xunta ao PP dúas veces seguidas
O pasado 12X non mudou o esencial. O PP segue a ter maioría absoluta, moi posiblemente ampliada -todo apunta a que os 41 escanos da noite electoral acabarán sendo 42 tras o reconto definitivo e o escrutinio do voto exterior na provincia de Pontevedra, onde o PSdeG retivo o escano final por pouco máis de 40 papeletas-. Non obstante, a mudanza na correlación de forzas na oposición si é relevante.
A Cámara volve ter só tres forzas tras quedar Galicia en Común por baixo do limiar do 5% nas catro circunscricións -de estar no 3%, entraría na Cámara e a absoluta do PP sería máis axustada- e a primeira forza da esquerda é un reforzado BNG con ata 19 actas, a maior representación da súa historia tras lograr unha porcentaxe de votos moi semellante ao que segue sendo o seu teito, o de 1997. É tamén o grupo da oposición máis amplo dende o PSdeG de Touriño, quen ata agora era o último líder da esquerda en disputar a presidencia da Xunta ao PP dúas veces seguidas -fíxoo en 2001 e 2005 e en 2009, concorreu como candidato á reelección-.
"O 'sorpasso' que importa é o que permita un cambio galego"
Estes son algúns dos números que este sábado tivo sobre a mesa o Consello Nacional do BNG na súa primeira xuntanza tras o 12X. Pontón non ocultou a súa satisfacción por un "histórico resultado electoral que deixa o BNG como a forza política de referencia e alternativa a liderar o Goberno en catro anos". Pero tamén pediu á formación frontista "traballar, dende xa, con responsabilidade e humildade" porque "o sorpasso que importa é o que permita poñer en marcha un cambio galego en 2024", sinalou tras superar o PSdeG en votos e escanos.
"O BNG -expuxo Pontón ante o Consello Nacional- avanza porque a sociedade ve en nós unha forza que defende este país, cun proxecto claro, porque somos unha forza solvente seria e rigorosa" e tamén por iso, dixo, "o reto é seguir avanzando para liderar a alternativa ao PP en catro anos". Por iso, afirma, agora o reto é atraer os "milleiros de galegos e galegas que queren o mellor para este país, pero o 12 de xullo votaron por outras forzas".
Tras o "histórico" resultado do 12X, Pontón chama a atraer os "milleiros de persoas que queren o mellor para este país, pero o 12 de xullo votaron por outras forzas"
Sinala Pontón que "a onda de fondo que se mobilizou arredor do Bloque" o 12X "non foi suficiente para lograr o obxectivo do cambio galego", pero os máis de 300.000 votos e os 19 escanos "romperon tópicos e límites" nunha "mudanza que non ten volta atrás". Ben ao contrario, coida, "é só o principio, o punto de partida cara a unha nova hexemonía social en torno ao BNG"
Nesta liña, a líder nacionalista asegura que de aquí a 2024, horizonte ao que vén apuntando dende a propia noite electoral, o BNG terá "a man tendida para xuntar esforzos e facer política con altura de miras" para "erguer Galiza no medio dunha crise sen precedentes". Da crise do coronavirus, afirma, "non se pode saír coas mesmas vellas receitas fracasadas de recortes nas pensións ou nos salarios" nin "se pode permitir que a crise a volvan pagar as maiorías sociais".
Cara a eventuais pactos de reconstrución, sinala, o Bloque defenderá as liñas mestras que esgrimiu na campaña. "O futuro pasa por unha economía verde, por unha aposta pola ciencia e pola investigación, pola recuperación do rural e por non deixar caer ningún sector produtivo", resumiu. Estas serán as liñas mestras no inicio da nova lexislatura, na que tamén animou a militancia da formación nacionalista a "ampliar" as bases militantes, "recollendo a todas as persoas inconformistas que soñan con outra Galiza posíbel", concluíu.