Cando non rematou o mundo: 15 anos da fin do fraguismo

Cartaz electoral do PSdeG na campaña galega de 2005, nunha imaxe tomada en días posteriores ás eleccións en Camariñas CC-BY-NC-SA Merixo

Contra as nove da noite do 19 de xuño de 2005 o ambiente conxelouse nos dous hoteis composteláns que PSdeG e BNG elixiran para seguir a noite electoral daquel día de hai quince anos. "Co 30% escrutado, o Partido Popular ten 38 escanos e polo tanto, a maioría absoluta", dicía dende as pantallas da Televisión de Galicia o conselleiro da Presidencia, Jaime Pita Varela. Militancia e dirixentes socialistas e nacionalistas volveron por un momento aos lugares fatais de sempre. Mesmo tras unha campaña inzada de erros, saídas de ton e mostras evidentes de esgotamento físico e político, Manuel Fraga podía reter a Xunta para o PP malia votar lonxe de outubro, o seu mes preferido.

PP 38, PSdeG 24 e BNG 13. Os populares perdían tres escanos e os socialistas acadaban un moi bo resultado. Recollían o perdido por Fraga e tamén os catro representantes que perdía o BNG. Pero non era dabondo. As enquisas erraran, mesmo as feitas a pé de urna. Faltaba un para o ansiado cambio.

O comezo do reconto devolveu o fatalismo ao seo da esquerda na noite electoral de 2005. Tamén cando o escano da maioría quedou pendente do voto exterior. "Haberá cambio", proclamou Touriño mentres veteranos de PSdeG e BNG acougaban os seus

Así foi ata que, ben avanzada a noite, o último escano da provincia de Pontevedra mudou cara á beira da esquerda. Era o vixésimo quinto do PSdeG e o trixésimo oitavo da maioría que daba dereito a socialistas e nacionalistas a formar goberno. Pero os temores seguían: unha semana despois recontábase o voto do censo de residentes ausentes (CERA), o mal chamado 'voto emigrante', ao que aínda non chegaran as restricións e o sistema de sufraxio rogado que se implantaría seis anos despois.

Os sorrisos volvéranse conxelar. Pero dirixentes veteranos, curtidos nas noites electorais das maiorías esmagadoras de Fraga, aquelas nas que o patrón da dereita superaba o 52% dos votos, acougaban á militancia e tamén aos propios Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Os votos de alén do Atlántico non ían mudar o votado aquén. "Está feito", acabou explicándolle Touriño a Quintana por teléfono, tal e como recolle Anxo Lugilde no libro El fin del fraguismo. "Haberá cambio", proclamou o líder socialista na súa primeira avaliación dos resultados, na que tamén deixou claro algo máis: "falei con Anxo Quintana e colaboraremos para gobernar".

Unha moza utiliza un bolígrafo de propaganda electoral da campaña do BNG en 2005 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Así, co susto no corpo, chegou a esquerda galega ao 27 de xuño, cando as Xuntas Electorais recontaban o voto emigrante. O aparello central do PP, aínda coas feridas abertas da perda do Goberno central o ano anterior, enviara a Galicia a Federico Trillo para, se fose necesario, litigar o que procedese para reter o poder. Pero o reconto deixou todo como estaba e Trillo non tivo o seu litixio -hai quen di que Fraga deu en frealo-. Houbo cambio e non rematou o mundo. A Xunta podíaa presidir alguén que non fose Fraga.

"Era a derrota do gran Fraga nun momento no que Galicia e Fraga eran o mesmo, o país era Fraga, todo era Fraga"

O agardado pacto de PSdeG e BNG fraguou o 29 de xullo na elección de Touriño como xefe do Goberno galego. O 2 de agosto, accedía xunto a Quintana á unha engalanada Praza do Obradoiro para celebrar a súa toma de posesión nun acto que perseguira todo o afastamento estético posible das entradas triunfais de Fraga e os seus milleiros de gaiteiros. "Os galegos eliximos o cambio, o cambio comeza hoxe", proclamou o novo presidente.

O día 4 asumían os seus cargos os membros do novo goberno, o primeiro apoiado nunha maioría da esquerda emanada das urnas. Na mesma xornada, Touriño e Quintana chegaban xuntos ao primeiro Consello do novo Executivo, unha imaxe que non sería frecuente durante a lexislatura.

"Viamos que nos ía corresponder o liderado dun cambio histórico. Era a derrota do gran Fraga, nun momento no que Galicia e Fraga eran o mesmo, o país era Fraga, todo era Fraga", evocaba Touriño en declaracións a Praza.gal no décimo aniversario daquela vitoria. Aquel 19 de xuño, lembraba Quintana, fora un día "cargado de ilusión". "Remataba unha época e o nacionalismo, por primeira vez, ía ter a oportunidade de mostrar que o seu proxecto era, na práctica, xerar benestar nos cidadáns". 

Xuntanza do Consello da Xunta do Goberno de coalición de PSdeG e BNG © Xunta

Nos anos seguintes, o relato da derrota de 2009 substituíu no imaxinario da esquerda galega ao da vitoria de 2005

Aquel Goberno avaliouse nas urnas cando aínda non se cumpriran os catro anos da lexislatura. Estourara a crise económica, a imaxe do Goberno de Zapatero comezara a deteriorarse e os tirapuxas internos do Executivo de coalición medraran a medida que se achegaban as eleccións. Así e todo "sentimos que non estaba en risco o Goberno, infravaloramos o PP e os seus aliados", coida Touriño. Tal foi así que o relato da durísima campaña de 2009 e a perda do poder por apenas un escano, o que perdeu o BNG na provincia da Coruña, substituíu en boa medida nos anos seguintes no imaxinario da esquerda galega ao recordo daqueles días de hai agora 15 anos.

A crise do coronavirus devolveu á esquerda galega ao fatalismo, como fixeran aquelas palabras de Jaime Pita no comezo da noite do 19X de 2005

O pasado marzo, cando faltaba un mes para as eleccións do 5 de abril que non chegaron a celebrarse, Touriño e Quintana sentaron á mesma mesa convidados por eldiario.es e dixeron concordar en que agora, en 2020, sería posible un cambio. Pouco despois chegou o coronavirus e todo o que trouxo consigo, tamén politicamente, e o fatalismo que impregnou os cuarteis xerais da PSdeG e BNG ao escoitar a Jaime Pita naquela noite de 2005 volveu impregnar boa parte da militancia e da base social e electoral das forzas políticas que serían precisas para un posible cambio, que agora a priori son máis de dúas.

Hai quen regresou ao "hai que apandar". Pero tamén hai quen segue vendo posible demostrar, como daquela, que Galicia non é sinónimo dun Executivo liderado polo presidente do PPdeG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.